CIG-Alcoa: “A empresa quere negociar despedimentos, pero as nosas propostas serán para evitar o peche e garantir os empregos”
Tras unha maratoniana reunión, a representación dos traballadores/as de Alcoa logrou este xoves que a empresa aceptara ampliar o período de consultas até o vindeiro 15 de xaneiro. O acordo conseguiuse in extremis, xa que, a pesar de estar acordado previamente, a multinacional cambiou de postura negándose a recoller na acta esta ampliación senón se abordaban as condicións do ERE.
Dende a representación da CIG reiteraron a petición de retirada do ERE e critican a postura de Alcoa que pretendía entrar a falar o plan social de acompañamento, mentres dende a parte social se pediu deixar esa cuestión aparcada. "Alcoa quería que entraramos de cheo a negociar as condicións dos despedimentos, limitando todo a unha cuestión de cartos, e aínda por enriba pretendía que foramos nós quen fixeramos unha primeira proposta, antes mesmo de expor a súa", subliñou Julio Moskowich, delegado da CIG.
Avanzou que calquera proposta do persoal non será para negociar despedimentos, "senón no sentido de evitar o peche da fábrica e garantir a continuidade de todos os postos de traballo e da actividade". Moskowich rexeitou novamente que a fábrica da Coruña estea obsoleta tal e como afirma a compañía, e aseverou que estaría dando beneficios se "tiveramos un prezo da enerxía estábel, predicíbel e máis competitivo". Por iso, advertiu que a CIG defenderá até o final a viabilidade e os postos de traballo na fábrica da Coruña e reclamou dos Gobernos que adopten con urxencia medidas para evitar o peche.
Convocar a segunda poxa de inmediato
Unhas medidas que a CIG entende deberían facerse efectivas nos Orzamentos Xerais do Estado para 2019, a través dos que aplicar unha modificación do sistema de tarifas eléctricas para as industrias con grandes consumos enerxéticos, liberándoas de pagar as peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema, que pasarían a ser asumidas polas contas xerais. De igual xeito, dar a máxima compensación permitida pola UE por C02. A cambio, as empresas que se acollan a esta tarifa reducida terán que cumprir unha serie de requisitos, entre os que están o mantemento dos empregos e a mellora das condicións laborais.
Ademais, como medida urxente, e ante a gravidade do resultado da última poxa, a CIG entende que sería necesaria a realización inmediata da poxa de asignación da interrompibilidade correspondente ao segundo semestre de 2019, pero mellorando substancialmente o número de bloques e os importes medios.
Malestar polas declaracións de Feijoo
Moskowich tamén lamentou as declaracións do Presidente da Xunta, que onte asegurou que non sentirse optimista no conflito de Alcoa. A este respecto, o representante do persoal retrúcalle a Feijoo que en vez de lanzar mensaxes derrotistas, se poña a traballar e presente medidas concretas para garantir que as fábricas continúen abertas e que se manteñan os empregos.
Neste senso, entende que é dun descaro absoluto que Feijoo pretenda aparecer agora como máximo expoñente da defensa dunha tarifa máis barata para a industria electrointensiva, cando non tivo reparos en rexeitar a ILP que a CIG levou ao Parlamento e que contemplaba a creación dunha tarifa eléctrica galega cunha rebaixa do 30% nas peaxes do sistema eléctrico.
Lembrou que dende o anuncio de peche de Alcoa, a Xunta mantivo un único contacto coa representación do persoal, e nin sequera cumpriu a declaración institucional aprobada no Parlamento o pasado mes de outubro, que instaba á Consellaría de Industria a artellar unha fronte común (con representación sindical, de comités, empresas electrointensivas e institucións) na defensa do emprego en Alcoa e dun sector estratéxico para Galiza como o do aluminio.
Pola contra, o Goberno galego abriu unha mesa na que só teñen representación varias empresas electrointensivas, sen contar nin cos comités nin coas centrais sindicais. “A Xunta parece máis preocupada en dar resposta a determinados intereses das direccións desas compañías que en formular propostas e alternativas para para favorecer o desenvolvemento do noso tecido industrial e o mantemento do emprego”, sinala.