CIG-Administración solicita medicións de radon en todos os centros de traballo da Xunta na provincia da Coruña
A Sección Sindical da CIG do persoal funcionario da Xunta de Galiza na provincia da Coruña vén de demandar por escrito ao delegado territorial da Xunta que se proceda a facer medicións das concentracións de gas radon en todos os centros de traballo públicos dependentes desa delegación.
Dende a central sindical solicítase que estas medicións comecen con urxencia por aqueles lugares de traballo que teñen algún espazo soterrado ou semi soterrado, por ser os máis expostos, como o edificio administrativo Monelos na Coruña; a delegación da Atriga; o edificio do ISSGA na zona de Labaca; as oficinas de emprego da Coruña, Santiago, Ferrol e Carballo; os edificios xudiciais da Coruña; o Arquivo do Reino de Galiza, os museos de Belas Artes e de Santiago; ou os laboratorios de Medio Ambiente e o CIAM de Mabegondo.
Tamén se solicitan medicións para o antigo edificio de Sanidade (na rúa Gregorio Hernández) que iniciou as obras este mes para ser convertido no centro denominado “Amizar” e "que xa debe ser preparado para contar con todas as solucións contra o problema do gas radon".
Garantir a seguridade
CIG-Administración reclama o cumprimento da lexislación de protección de riscos laborais para garantir a seguridade das persoas traballadoras, facendo as medicións en todos os centros de traballo que permitan avaliar o nivel de exposición a que se achan sometidas, "informándoas e tomando as medidas correctoras que puidesen ser necesarias para eliminar a incidencia dos efectos dos valores elevados de gas radon". Unha demanda que cobra especial relevancia no noso país, tendo en conta a incidencia deste elemento a causa da morfoloxía xeolóxica de Galiza.
Neste senso, advirten que a directiva europea 59/2013/EURATOM estabelece como niveis de referencia de concentración de radon no aire no máximo de 300 bequerelios por metro cúbico, "que temos coñecemento de que superou por moito nalgúns edificios da cidade da Coruña".
Risco especial en Galiza
Lembran que na publicación do Código Técnico de Edificación do mes de decembro pasado incorporase a exixencia de estabelecer proteccións fronte ao gas radon nas edificacións. Nun apéndice dese documento figura unha clasificación de concellos pola incidencia neles do gas radon e só cinco municipios galegos non están incluídos na listaxe dos considerados con posibilidade de concentracións de radon perigosas.
A Federación da CIG subliña tamén que a Xunta ten que aplicar o Real Decreto 783 do ano 2001, que regula a protección sanitaria contra radiacións ionizantes, xunto coa outra lexislación de protección de riscos laborais, para facer as medicións de concentración de gas radon e adoptar as medidas correctoras necesarias onde existan concentracións que superen os niveis de seguridade.