CIG-Administración rexeita os Orzamentos da Xunta que non garanten nin recuperación de dereitos nin de salarios
Delegados de delegadas da CIG-Administración Autonómica concentráronse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano para manifestar o seu rexeitamento a unha Lei de Orzamentos que non garante ningún complemento para compensar nos seus salarios o desmesurado incremento do IPC, nin garante a recuperación de dereitos laborais.
Ao comezo da concentración a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, denunciou que nos orzamentos para 2023 a Xunta de Galiza fixo un “copia e pega” do “pacto a perdas” negociado ás agachadas e asinado na Mesa das Administracións Públicas do Estado por CCOO e UGT, que “supón unha perda de poder adquisitivo nos vindeiros anos, a sumar ao que xa leva perdido o persoal”.
Denunciou ademais que non contempla ningún complemento, a maiores, que compense a maior perda de poder adquisitivo que teñen as e os empregados públicos na Galiza, cando “aquí a carestía da vida é maior porque o IPC interanual está xa no 9,2%”. Nin sequera establecen, dixo, “a xornada das 35 horas, a pesar e está no pacto estatal”.
Burgos manifestou que na Lei de orzamentos para o 2023 a Xunta manterá suspendida a aplicación de todos os pactos e acordos retributivos e todos os dereitos recortados pola Lei de Medidas 1/2012 cando xa é hora de recuperalos, como é o caso do artigo 19 de V Convenio Colectivo, a suspensión de determinados artigos do Acordo de condicións do SPIF (nos que se regulan os descansos, as compensacións por noites ou domingos e festivos) ou os días de libre disposición, entre outros.
Xunto a iso denunciou que se “hipoteque”, por moitos anos, a mobilidade do persoal da administración pública galega mediante a apertura de postos ao persoal doutras administracións públicas para a cobertura de prazas “mediante comisións de servizos que durarán dous anos prorrogables de xeito indefinido” ou que se “manteña bloqueada a recuperación do Fondo de Acción Social, na contía e nas modalidades que existían até os recortes aplicadas polo PP”.
A responsábel da CIG-Administración Autonómica apuntou, canda isto, que tampouco se establece un complemento que incremente as indemnizacións por razón de servizo –como axudas de custe e gastos de viaxe- xa que as actuais son totalmente insuficientes para cubrir os gastos de desprazamento ou manutención, co especial encarecemento dos combustíbeis.
Taxa de reposición
Para Burgos é “inaceptábel” que se manteña a taxa de reposición, porque “vai levar a facer contratacións a través de sociedades instrumentais e a que aumente a temporalidade, cando a propia Función Pública recoñece que vai a haber un número importante de xubilacións que non se van dar cuberto”, explicou. “Isto, sumado á ineptitude para levar adiante as ofertas de emprego público nun prazo razoable, fai albiscar un panorama insoportable de colapso dos servizos públicos ou de privatizacións, como por exemplo a recente Residencia de Cerdedo ou Escola Infantil da Garda”.
Para máis, advertiu do mantemento da “limitación bestial” para as substitucións ou a cobertura de prazas vacantes con interinos e interinas, porque, no canto de estender esta posibilidade a toda a administración “limítana ao que eles consideran servizos esenciais ao tempo que dan carta branca para a contratación por medio de encomendas de xestión”.
Modificación da Lei de Emprego Público de Galiza (LEPG)
En relación á Lei de medidas que modifica a LEPG, a responsábel da CIG-Administración Autonómica lamentou que o director xeral de Función Pública non aceptara as alegacións presentadas e xustificara o seu silencio porque “moitas delas son reiteradas todos os anos” (en referencia á multitude de propostas de mellora de condicións salariais e de recuperación de dereitos ou de melloras a mobilidade e concursos que tentamos meter todos os anos).
Finalmente reclamou que os dereitos recollidos no V Convenio do persoal laboral, sexan trasladados á LEPG para a súa aplicación a todo o persoal. A tal efecto reitera a súa proposta de negociar un acordo regulador antes de 6 meses. Mentres tanto, solicita a inclusión na LEPG dunha disposición transitoria que traslade os dereitos laborais do V Convenio ao persoal funcionario que non teña un acordo específico, garantindo así que non haxa perda de dereitos.