CIG-Administración reclama medidas para unha recuperación real dos salarios no sector público
Delegadas e delegados da CIG-Administración concentráronse esta mañá diante da Delegación do Goberno na Coruña pola recuperación real e efectiva do poder adquisitivo e os dereitos do persoal empregado público. A protesta enmárcase na campaña que a federación está a desenvolver ao longo de todo este ano e que ten como obxectivo que nos orzamentos da Xunta e do Estado para 2023 se contemplen toda unha serie de medidas para facer fronte á carestía da vida.
O secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, lembrou que desde o ano 2010 o colectivo de empregadas e empregados públicos acumula unha perda do poder adquisitivo do 17,30%. Para facer fronte á carestía da vida, a central sindical presentou un paquete de medidas que pasan por un incremento salarial do 5% en cada unha das tres anualidades do período 2022-2024 para poder recuperar os salarios perdidos.
Este deterioro iniciouse en 2010, co recorte do 5% aplicado polo Goberno de Zapatero. "Xa nese ano, sumando o IPC, acumulamos unha perda do 8%, que se foi afondando até agora, incluso coa aplicación do acordo mal chamado 'para a mellora do emprego público' asinado polos sindicatos estatais", indica.
Carballo advirte do empobrecemento progresivo no sector público, até o punto de que o persoal das categorías e grupos máis baixos da administracións "viron actualizados os seus salarios grazas ao incremento do SMI". E neste senso, engade que ese 17,30% de perda acumulada se calcula sobre o IPC estatal, "porque se tomamos como referencia o IPC galego, a perda aínda é maior".
Cláusula de garantía salarial
Ademais da suba das retribucións, a CIG-Administración demanda o establecemento dunha cláusula de garantía salarial pola desviación do IPC, ao igual que xa existe en moitos convenios colectivos. "Pedímoslle ao Goberno que negocie un acordo coas centrais sindicas para que ano tras ano se aplique esta cláusula que nos permita manter o poder adquisitivo dos nosos salarios", apunta.
Xunto a isto, o secretario nacional reivindicou a derrogación de toda a lexislación lesiva tanto para o persoal traballador como as propias administracións, como é o caso da taxa de reposición, que na última década limitou a creación de emprego público, favorecendo a precariedade laboral e o desmantelamento dos servizos públicos. "Manter a taxa de reposición, cando ademais están en marcha os procesos de estabilización, é unha farsa, porque non se está a crear emprego novo", sinala.
Xornada de 35 horas
Carballo explicou que neste paquete de medidas, a CIG aposta por avanzar na repartición do mercado de traballo, estabelecendo a xornada de 35 horas semanais, e acabar co abuso das horas extraordinarias. De igual xeito, tamén se reclama a actualización dos decretos que regulan as dietas e os desprazamentos, atendendo ao prezo disparado do custe da vida.
O obxectivo da federación de Administración é que este paquete de medidas se aplique de cara aos orzamentos xerais do Estado e os orzamentos da Xunta de Galiza, polo que xa avanzan que seguirán mobilizándose nos próximos meses para conseguir reverter este deterioro "e poder recuperar os nosos dereitos e os nosos salarios".