CIG-Administración pide a paralización dos procesos de estabilización até que se aclaren os cambios no EBEP
A CIG-Administración, ante a perspectiva dunha posible prórroga dos procesos e próxima modificación dos criterios de estabilización de emprego no ámbito EBEP, vai exixir nas mesas de negociación a paralización dos procesos de estabilización até que o goberno do Estado clarifique as modificacións que pretende levar a cabo, para evitar distintas “varas de medir” nas diferentes administracións públicas.
Xunto a isto, demanda, en cada administración, unha negociación dos procesos, previa ás modificacións da RPT, aprobación dos cadros de persoal e ofertas de emprego anuais, así como as bases dos procesos.
Exixe que o persoal que ten recoñecida a contratación temporal en fraude de lei e xa superou probas selectivas sexa considerado laboral fixo
Ademais defende que se exclúan das OPEs as prazas ocupadas por persoas próximas á xubilación e que o persoal que ten recoñecida unha relación laboral indefinida por resolución xudicial ou administrativa –e que xa superou probas selectivas en condicións de igualdade para o acceso- sexa considerado persoal laboral fixo a todos os efectos.
Xunto a isto sostén que as prazas ocupadas con persoal que ten recoñecida unha relación laboral indefinida por resolución xudicial ou administrativa –que non superou as probas selectivas- se inclúa nos procesos de estabilización mediante concurso oposición, en procesos selectivos diferenciados dos de quenda libre, aínda que simultáneos.
Demanda a supresión da taxa de reposición de efectivos, principal causa do abuso da temporalidade
Considera necesario o incremento de efectivos e entende que os procesos de consolidación e estabilización non son suficientes para facerlle fronte aos servizos que é necesario prestar. Por iso entende que a taxa de reposición debe eliminarse.
A alta taxa de temporalidade nas administracións públicas do estado español deriva de varios factores, pero o máis determinante durante os últimos 12 anos vén sendo, segundo a CIG-Administración, a limitación imposta polos gobernos do Estado ao incremento dos cadros de persoal, establecendo taxas de reposición de efectivos con carácter de normativa básica, que impiden a cobertura de prazas estruturais.
Denuncia que estas decisións non teñen en conta en absoluto as necesidades e demandas da cidadanía, o correcto funcionamento dos servizos públicos nin -tan sequera- a saúde orzamentaria de cada administración. “O resultado destas políticas erráticas, iniciadas polo Partido Popular pero sostidas no tempo por gobernos que se din progresistas, é unha taxa de temporalidade en índices tan indecentes que a propia Unión Europea ten que cominar ao Estado español a reducila”.
A eliminación da taxa de reposición é unha demanda da CIG desde o mesmo momento da súa implantación. Teñen que ser as diferentes administracións, en función das súas necesidades de persoal para o mantemento duns servizos públicos de calidade e universais e das súas dispoñibilidades orzamentarias as que decidan as súa ofertas de emprego, sen limitacións alleas. De non ser así, advirte de que “por moitos procesos extraordinarios de estabilización que se leven a cabo, a temporalidade volverá a incrementarse nas administracións públicas inevitablemente, pervertendo os procesos ordinarios de selección de persoal”.
Os acordos de concertación social non son a solución
A CIG-Administración lembra que nos anos 2017 e 2018 asináronse acordos entre os sindicatos estatais e o goberno moribundo do Partido Popular que, baixo a falsa aparencia de acordos de estabilización de emprego viñan a referendar o mantemento das taxas de reposición e, aínda establecendo taxas adicionais ás que xa existían, impedían o incremento de efectivos con carácter básico a todas as administracións públicas.
A nivel galego, eses acordos co goberno do PP reproducíronse mimeticamente no ámbito da Xunta de Galicia, onde se asinou en outubro de 2017 o acordo coas organizacións sindicais CC.OO., CSIF y UGT para o desenrolo dun plan de estabilidade, e en xaneiro de 2019o Acordo de concertación do emprego público de Galicia (desta voltasen a anuencia do CSIF).
Tanto os acordos estatais como os de ámbito galego foron rexeitados e denunciados pola CIG, principalmente porque viñan consagrar as taxas de reposición de efectivos, ao tempo que en materia de estabilización de emprego, o goberno do Estado e os sindicatos asinantes renunciaban a establecer criterios para regular os procesos selectivos de estabilización de emprego temporal, lavándose as mans e deixando a cada administración a “papeleta” de tomar decisións nos seus ámbitos respectivos.
Procesos de estabilización
Neste momento estamos ás portas dunha negociación no ámbito da Mesa Xeral das Administracións Públicas á que o Ministerio se comprometeu a levar unha serie de modificacións do EBEP, teoricamente para dar solución ás altas taxas de temporalidade, mais que polas declaracións do propio ministro, tanto na reunión mantida coa CIG como nas súas comparecencias públicas, se limitaría a modificar o artigo 10 do EBEP.
Amais da Mesa Xeral das Administracións Públicas, son varios os ámbitos de negociación nos que, ante as aprobacións das ofertas públicas de emprego e convocatorias específicas de procesos selectivos de estabilización, necesariamente, haberá que ter en conta a porcentaxe de temporalidade e a orixe das prazas obxecto de estabilización, así como a forma de acceso ao emprego temporal en cada ámbito ou sector, pois e obvio que non vale unha solución única para situacións tan diversas.