CIG-Administración denuncia un novo episodio de conivencia do goberno con CCOO e UGT
A CIG-Administración denuncia un novo episodio de “conivencia do goberno cos sindicatos estatais CCOO e UGT” logo de ser coñecedores, onte mércores, polos medios de comunicación, de que o Ministerio de Facenda e Función Pública non retoman as negociacións iniciadas o pasado mes de xullo no único ámbito de negociación válido, a Mesa Xeral, sobre o Anteproxecto de Lei da Función Pública que vén a desenvolver o EBEP aprobado hai 15 anos.
A CIG, ante este xiro dos acontecementos, manifesta que “é falso que se iniciaran as negociacións este martes 13 de decembro, mérito que se atribúen CCOO e UGT”, explica o secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo.
Neste sentido aclara que “deixar fora os sindicatos non asinantes do ‘Acordo marco para unha administración do século XXI’ o 19 de outubro do 2022, neste caso a CIG, non obedece máis que a unha estratexia de castigar o sindicalismo que non se presta a ser unha comparsa das políticas do goberno cos traballadores da administración”.
Carballo denuncia, ademais, que “con esta estratexia de só negociar con CCOO e UGT o goberno garántese, co seu servilismo e apoio, sacar adiante o Anteproxecto de Lei da Función Pública para situalo dentro do calendario preelectoral como un éxito político e xustificar un diálogo social que está a condenar tanto a administración pública como aos seus traballadores e traballadoras”.
Adianta, en todo caso, que a CIG non vai deixar de denunciar estas prácticas e seguir a traballar por mellorar a nosas condicións laborais e por unha administración que garanta uns servizos públicos de calidade.
Nese sentido anuncia que a CIG-Administración vén de presentar un escrito dirixido á Dirección Xeral da Función Pública denunciando este xeito de actuar e solicitando que se retomen as negociación dentro do seu ámbito lexítimo.