Agrávase o deterioro do clima laboral na residencia de Caranza coa apertura de expedientes disciplinarios

CIG-Administración reclama que se respecte a dignidade do persoal e que se afronten os problemas de inmediato
Ferrol - 04 Abr 2025

A CIG-Administración Pública segue a denunciar o grave problema laboral que existe na residencia de maiores de Caranza -a única pública de xestión directa por parte da Xunta en Ferrol-, derivado da falta de persoal e a mala organización, ao que hai sumarlle a apertura de varios expedientes disciplinarios a traballadoras que levan anos desempeñando sen ningún tipo de problemas as súas funcións.

A secretaria comarcal da CIG-Administración, Carmem Viso, critica “as condicións impostas pola Consellaría de Política Social” coa falta de substitucións, cadros de persoal escasos, mala organización e desprestixio do persoal ao que se lle engade “o malestar que padece o persoal do centro dende que se incorporou a nova directora”.

O evidente deterioro das relacións laborais, que a central denunciou en varias ocasións, fíxose patente en xaneiro deste ano ao coñecer os datos da avaliación de riscos psicosociais realizada por 97 persoas (dun total de 128 persoas traballadoras). Os resultados ofrecen riscos psicosociais elevados e moi elevados en todas as áreas.  “Estes resultados  evidencian branco sobre  negro, o  grave  problema laboral que existe na residencia de maiores de Caranza”, asevera Viso.

Situación coñecida dende hai tempo

Apunta que toda esta problemática “é de sobra coñecida pola dirección do centro, pola Xefatura Territorial, polo subdirector xeral de persoal e pala secretaria xeral técnica dende principios do pasado ano 2024 e non puxeron remedio de ningún tipo. A Consellería ten ferramentas suficientes para atallar este clima de violencia psicolóxica que está a imperar no centro e tamén está obrigado pala normativa a non desprotexer o seu persoal”.

Ao contrario, lonxe de  pórlle remedio, “esta semana a dirección de centro abriu varios expedientes disciplinarios por causas nimias a  varias traballadoras que levan moitos anos desempeñando con profesionalidade e sen ningún problema as súas funcións”. Neste senso, Viso critica que “a administración non pode dicir que  quere  solucionar  un  grave problema e seguir atizando o lume do malestar psicolóxico do seu persoal con ameazas de apertura de expedientes e as inseguridades no quefacer diario”.

Reclama que se respecte a dignidade das persoas traballadoras deste centro, que se afronten os problemas de inmediato, con medidas eficaces e que non se permita que “o ambiente de traballo se siga a deteriorar para provocar que o servizo público de atención directa se degrade”.

Por todo isto, a CIG-Administración Pública da comarca  de Ferrol insta a Consellería   de Políticas  Social a pórlle remedio a esta situación e restabelecer o clima laboral para poder prestar unha atención asistencial pública e de calidade. E advirte: “non imos permitir que siga este acoso e derribo e tomaremos todas as medidas necesarias para solucionalo”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.