CIG-Administración denuncia a precaria situación do SMAC de Ferrol por falta de persoal
A CIG-Administración de Ferrol denuncia a situación de precariedade na que se atopa o servizo do SMAC de Ferrol a causa da falta de persoal. A Federación entende que esta carencia podería deberse a unha pretensión de suprimir esta oficina e continuar así afondando na eliminación de servizos administrativos na cidade.
A oficina do SMAC -pertencente á Consellaría de Economía, Emprego e Industria- ocúpase do servizo de conciliación e mediación nos conflitos laborais, paso previo e imprescindíbel nas demandas por cuestión laborais. "Non hai que insistir moito para vermos a importancia de esta oficina, dada a situación de precariedade e conculcación dos dereitos laborais nas nosas comarcas", subliña Carme Viso, secretaria comarcal da CIG-Administración.
Porén, "nunha deriva que comezou xa hai tempo", as carencias laborais nesta unidade administrativa empeoran ano a ano e en determinadas datas, como o período estival "tívose que botar man de traballadoras doutros organismos para poder desenvolver minimamente o traballo", alerta. Ao mesmo tempo, a causa da falta de persoal, tívose que derivar ao Rexistro Xeral a recollida das demandas de conciliación.
Xunto a isto, denuncia Viso, hai uns días unha traballadora das listas de substitución (contratada para cubrir unha xubilación) foi desviada "incomprensíbel e ilegalmente a unha oficina na Coruña". A CIG xa presentou a pertinente denuncia por estes feitos no órgano de representación, a Xunta de Persoal.
Para a CIG-Administración de Ferrol estas medidas poderían responden "á vontade oculta de eliminar esta oficina da cidade pola vía dos feitos consumados". Algo que, advirte, "non sería estraño nunha administración que reiteradamente marxina a nosa comarca. Non hai máis que constatar o incumprimento na creación da oficina e dos postos correspondentes do ATRIGA (a facenda da Xunta), caso único nas sete cidades principais".
Situacións de perigo nas reformas da oficina de emprego
Abundando no desleixo da Consellaría de Economía, Emprego e Industria coa comarca de Ferrolterra, Viso refire o caso da oficina de Emprego situada na Avenida de Vigo, que ten como ámbito competencial os concellos da comarca distintos de Ferrol.
Despois dun longo período de precariedade nas instalacións, explica, estase a proceder á reforma do edificio, imprescindíbel entre outras cuestións para a adaptación á Lei de Accesibilidade. A pesar de que houbo tempo dabondo, Viso critica que no se buscaron alternativas para atender a cidadanía nas condicións axeitadas e permitir o labor dos traballadores e traballadoras da administración en condicións de seguridade.
"A Administración insiste en simultanear obras e atención pública no mesmo espazo, pero hai que ter en conta que non estamos a falar de obras menores, senón de reformas de carácter estrutural". Por iso, a CIG xa presentou escrito diante das autoridades competentes denunciando as situacións de perigo que se dan e "reservámonos o dereito a outras actuacións de producirse situacións non desexadas froito desta insistencia en facer as cousa mal".