CIG-Administración demanda que a Delegación Territorial da Xunta en Ferrol non supoña só a creación dun cargo partidista
Ante o anuncio da creación da Delegación Territorial da Xunta en Ferrol, a CIG-Administracións Públicas valora que se cumpra cunha antiga reivindicación sindical e social sobre a necesidade de igualar esta comarca con respecto ao resto das divisións territoriais nas que se implantaron con anterioridade estas unidades administrativas.
O sentido da creación desta Delegación Territorial, explica a secretaria comarcal da CIG-Administración, Carmem Viso, é mellorar a eficacia dos servizos de atención á cidadanía, reducirlles custos de desprazamento, garantirlles poder escoller a modalidade de atención presencial, eliminando as dificultades que para unha parte da poboación supón a tramitación electrónica e garantindo a atención aos colectivos con diversidade funcional.
É necesario o mantemento dun servizo eficaz de atención á cidadanía que solucione a fenda dixital e económica e que a cidadanía non quede sen exercer os seus dereitos"
Para iso é necesario facer pública e difundir a carta de servizos, pór os medios para reducir o tempo de tramitación dos expedientes e proporcionar información sobre o propio trámite e os requisitos legais que implica.
Nin autonomía orzamentaria, nin gabinete xurídico
Pero, alerta Viso, revisando o decreto de creación detéctanse de entrada eivas importantes: á diferenza das demais Delegacións Territoriais non vai haber autonomía orzamentaria, nin gabinete xurídico nin intervención. "Efectivamente dá para pensar que se trata dun xesto puramente político. Aínda así confiamos que a presión sindical e a opinión popular forcen máis contidos", valora.
Lembra Viso que até o momento desde a comarca había que desprazarse a outras cidades para recibir atención presencial dos departamentos que carecen de representación en Ferrol ou, do contrario, había que renunciar a un dereito recoñecido de elección da modalidade de acceso que emana do propio Decreto 129/2016, de 15 de setembro que regula a atención á cidadanía.
"Faise necesario o mantemento dun servizo eficaz de atención á cidadanía que solucione a fenda dixital e económica que se está a detectar na poboación da comarca e que non se quede sen exercer os seus dereitos ou teña que recorrer a pagar para que se lle fagan as xestións administrativas", advirte.
Falta de sedes de organismos e servizos
Na actualidade Ferrol carece de sedes de organismos como a Axencia Tributaria de Galiza (agás a oficina liquidadora) e Augas de Galiza; servizos como Protección da Natureza, Protección do Patrimonio, Industria, e outras entidades tramitadoras de establecementos ou permisos especiais (centros sanitarios, de acuicultura, etc ... ).
Dotar de servizos administrativos eficaces a comarca sería un bo instrumento de fixación de poboación e reactivación económica"
Neste senso, denuncia que "estamos afectadas pala perda de poboación e polo declive económico derivado do peche de industrias. Dotar de servizos administrativos eficaces a comarca sería un bo instrumento de fixación de poboación e reactivación económica, polo que non se pode desperdiciar esta oportunidade".
A CIG valora a creación do ente, pero non imos conformarnos só con iso; "pois non queremos que só sexa a creación dun cargo partidista ou oportunista dada a grave crise de Ferrol. E por iso solicitamos que se encha dos contidos que garantan o previsto no Decreto 129/2016, de 15 de setembro: establecer un sistema integrado de atención á poboación (Carta de servizos a cidadanía) que recolla os medios presenciais, ademais dos telefónicos e electrónicos, un servizo de canles múltiples que lles proporcione aos/as usuarios/as un servizo efectivo con toda información, asesoramento e efectividade que necesiten".