CIG-Administración demanda das forzas políticas o compromiso de recuperar dereitos e salarios do persoal da administración públicas
A CIG-Administración demandou esta mañá, en rolda de prensa, o compromiso das forzas políticas que concorren ás eleccións xerais, de adoptar todas as medidas necesarias para que o persoal das administracións públicas recupere os dereitos arrebatados e o seu poder adquisitivo.
En concreto, o secretario nacional da CIG-Administración, Luis Carballo, subliñou como principais demandas que se aprobe unha suba salarial do 5%, con efecto retroactivo, incluíndo unha cláusula de garantía salarial, para ir recuperando o poder adquisitivo perdido entre 2010 e 2022; a eliminación das taxas de reposición e a xornada de 35 horas.
Xunto a isto reclamou a derrogación dos decretos impostos polo goberno Zapatero (RD-Lei 18/2012), que provocou unha rebaixa salarial do 5%, e polo goberno Raxoi (RD-Lei 20/2011 e RD-Lei 20/2012), que provocaron a perda da paga extra e máis do complemento específico. Decretos cos que se impuxeron unhas taxas de reposición que derivaron na falta de emprego público, no desmantelamento de servizos e que hoxe están provocando, entre outros, atrasos na tramitación de expedientes na Seguridade ou no SEPE, por falta de persoal, con graves consecuencias para a cidadanía.
Por iso cuestionou que, neste escenario, CSIF, CCOO e UGT, asinaran sucesivos acordos como o de 2017, que non contemplaba sequera unha suba salarial e mantivo unha taxa de reposición do 100% só para os colectivos “prioritarios” e do 50% para o resto; o de 2018-2020, co que se ligou o incremento retributivo ao PIB e se seguiu mantendo a taxa de reposición e o máis recente, que abrangue os anos 2022-2024, do que denunciou que contempla un incremento salarial para o persoal da administracións pública que mesmo é inferior ao asinado por CCOO e UGT para o sector privado.
Acordos que, afirmou, “supuxeron a perda de máis dun 18% de poder adquisitivo para o conxunto dos e das empregadas públicas” e que afondaron na destrución de emprego, ao promover o mantemento dunha taxa de reposición de efectivos.
A isto atribuíu os “importantes prexuízos” ao conxunto da cidadanía por mor da deterioración dos servizos públicos mais tamén ao propio persoal, que ten que enfrontar unha carga de traballo que cualificou de “inasumible” en moitos casos.
Demandas de persoal e de mellores condicións laborais e salariais
Fronte a esta situación, Carballo dixíuse aos grupos políticos para que atendan as demandas do persoal das administracións e ao futuro goberno que aplique as medidas necesarias para que o persoal público poida traballar en condicións dignas, garantíndose ademais uns servizos públicos de calidade.
Táboa reivindicativa completa
Con todo, a CIG-Administración ten unha completa táboa reivindicativa que presentou na Mesa Xeral das Administracións Públicas deste mesmo ano que é a que segue:
Propostas en materia de retribucións:
*Unha suba salarial do 5% en cada unha das tres anualidades (2022-2024) con efectos retroactivos para este exercicio, para recuperar o 17% de poder adquisitivo perdido no período 2010-2022.
*A incorporación dunha cláusula de garantía salarial por desviación do IPC efectiva ao final de cada anualidade.
*Recuperación das retribucións básicas íntegras na contía das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron rebaixadas polo RDL 8/2010.
*Modificación na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 do disposto no artigo 3 do Real Decreto-lei 24/2018, do 21 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público, para facer posíbel desenvolvemento da carreira profesional e a implantación do novo sistema retributivo deseñado polo Estatuto Básico do Emprego Público. Neste sentido, propomos a seguinte modificación:
“Artigo 3. Sete. O disposto nos apartados anteriores débese entender sen prexuízo das adecuacións retributivas que, con carácter singular eexcepcional, resulten imprescindíbeis polo contido dos postos de traballo, pola variación do número de efectivos asignados a cada programa ou polo grao de consecución dos obxectivos fixados a este, así como das necesarias para implantar as distintas modalidades de carreira profesional ou sistema retributivo deseñado polo Título III, capítulos II e III do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.”
*En idéntico sentido, consideramos necesario que se derrogue o apartado 2 do artigo 7, do RD 861/1986, polo que se estabelece o réxime de retribucións dos funcionarios de Administración Local, que impón uns límites hoxe innecesarios e incompatíbeis co novo sistema retributivo deseñado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, e a lexislación autonómica que o desenvolve.
Propostas en materia de emprego público:
O mantemento das taxas de reposición non permite crear emprego no sector público (AA.PP., Sanidade, Ensino, Servizos Sociais, Forzas e corpos de seguridade do Estado, servizos de prevención e extinción de incendios, etc.) nin recuperar as prazas perdidas nestes últimos anos. Esta decisión vai seguir xerando sen dúbida emprego temporal en fraude de lei, coa agravante de que agora as taxas xa non veñen impostas, senón que son froito do acordo coas organizacións sindicais estatais.
Con estas políticas públicas restritivas para a creación de emprego, os procesos de estabilización instauraranse nas AA.PP. con carácter crónico, coa conseguinte precarización das condicións de traballo do persoal temporal.
- Desde a CIG defendemos que se eliminen as taxas de reposición de efectivos estabelecidas con carácter básico para todas as Administracións Públicas. Deben ser os propias CC.AA. e Administracións Locais, en uso da súa propia autonomía, as que teñan capacidade de planificación e ordenación dos seus cadros de persoal e das súas propias ofertas de emprego público, en función da súa capacidade económica, sen que o Estado impoña medidas innecesarias e contraproducentes.
- A Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 debería resolver tamén a integración directa no novo Grupo B do EBEP das prazas ocupadas con persoas empregadas públicas ás que se lle exixiu para o ingreso a titulación de Técnico Superior, Técnico Especialista, Formación Profesional de 2º grao ou equivalente. De igual xeito, debería resolverse a integración directa no grupo C1 das prazas para as que se esixiu para o ingreso a titulación de Técnico de FP 1.
- A lexislación estatal para 2023 debería resolver o desenvolvemento da normativa sobre a xubilación parcial das persoas funcionarias, e da xubilación anticipada de determinados colectivos que desempeñan funcións en condicións de penosidade, perigo, toxicidade, quendas, presión psicolóxica tal, etc., segundo as previsións do EBEP.
A CIG non pode renunciar a estas xustas reivindicacións, polo que demandamos do Goberno do Estado e das distintas AA.PP. que recoñezan o esforzo soportado durante a crise polas persoas empregadas públicas e restitúan os dereitos e as condicións de traballo suprimidos, en lugar de convertelas en vítimas permanentes dunhas políticas públicas contrarias aos intereses da clase traballadora en xeral e das persoas empregadas públicas en particular.