CIG-Administración da Coruña demándalle á Xunta que recupere a actividade e o emprego no taller de Meceinde
A CIG-Administración da Coruña demándalle á Xunta de Galiza que recupere a actividade e os postos de traballo do taller de Meceinde (Arteixo) co obxectivo de prestar servizo non só á Consellaría do Medio Rural (á que está adscrito), senón para convertelo nun gran parque móbil para todas as consellerías e nun espazo para realizar o mantemento, as revisións, as reparacións e calquera outra actividade mecánica que se precise, en coordinación co taller de Perillo (Oleiros), dependente de Infraestruturas e Mobilidade.
A federación de Administración da CIG na Coruña leva máis dunha década denunciando o desleixo da Xunta de Galiza a respecto de determinados centros de traballo que conforman o seu patrimonio e a perda de empregos nos servizos públicos que leva asociado, xa que estas actividades pasan a ser prestadas por empresas privadas.
Nesta circunstancia de abandono total atópase o taller de Meicende, dependente da xefatura territorial de Medio Rural na Coruña. A representación da CIG tenlle trasladado a todos os delegados da Xunta a necesidade de que se volvan dotar os cadros de persoal ao completo para recuperar e ampliar os servizos públicos que se prestaban no taller de Meicende. Deste xeito evitaríase o deterioro das instalacións, fomentaríase o emprego público e o aforro económico, pois privatizar servizos sempre resulta máis caro.
Na última xuntanza co secretario territorial o pasado 22 de novembro, a CIG-Administración retomou o asunto, de actualidade tras as queixas do alcalde de Arteixo polo abandono do taller e os problemas derivados desta situación. Pouco despois, os medios de comunicación recollían a petición do Concello de Arteixo de que se lle cederan as instalacións, de balde, mais sen definir a que uso se destinarían.
Diante disto, a CIG-Administración da comarca da Coruña reitera que as traballadoras e traballadores da Xunta "seguimos e seguiremos a pensar que ese é un espazo de traballo do persoal ao servizo da Administración Autonómica. É patrimonio da Xunta e de estar operativo e co cadro de persoal ao completo, non tería sido nin ocupado nin tampouco foco de actividades ilícitas. Por iso, esta central sindical seguirá na loita pola recuperación do patrimonio autonómico e non descartamos mobilizacións ou outro tipo de respostas neste senso".