CIG-Administración convoca mobilizacións o 19 de novembro por unha suba salarial digna para o persoal empregado público

A central rexeita que os orzamentos da Xunta non contemplen ningunha mellora e exíxelle ao Goberno estatal a convocatoria inmediata da Mesa Xeral de negociación
Nacional - 07 Nov 2025

A CIG-Administración Pública ten convocadas concentracións para o vindeiro 19 de novembro, ás 11 horas, diante dos edificios da Xunta de Galiza das sete cidades en demanda da incorporación dunha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, pola mellora das condicións laborais e por uns servizos públicos de calidade.

As protestas convócanse no marco do debate parlamentar da lei de orzamentos de Galiza e da lei de medidas fiscais e administrativas para o ano 2026, que non inclúen melloras nas condicións económicas nin de traballo do persoal ao servizo da Xunta, e coincidindo ademais coa data na que o Goberno español, previsibelmente, anunciará unha proposta concreta de incremento salarial, mais só a unha parte da representación sindical.

Sobre este punto, a CIG insta o Ministro de Transformación Dixital e Función Pública a convocar de xeito inmediato a Mesa Xeral de Negociación para abordar un acordo salarial xusto para o conxunto do persoal empregado público e denuncia que, unha vez máis, o Goberno español está vulnerando o dereito á negociación colectiva recollido no artigo 34.1 do EBEP, ao convocar xuntanzas á marxe das mesas legalmente constituídas e só cunha parte dos sindicatos con dereito a representación.

O secretario nacional da CIG-Administración, Luis Carballo, lamenta que as centrais estatais se presten a este xogo co que Función Pública busca avalar a súa oferta sen negociación real e sen confronto sindical. “Moito nos tememos que asinen outro acordo regresivo con incrementos por debaixo do IPC, na liña do pactado para o período 2022-2024, que deteriore aínda máis os nosos salarios e as condicións laborais”, advirte.

Fronte isto, a CIG reclama para este 2025 e para o ano 2026 incrementos do 5% e que se aprobe por lei unha cláusula de garantía salarial, de xeito que os salarios no sector público se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real. Sobre esta cuestión, a CIG presentou unha Proposición non de Lei para levar ao Parlamento galego e nestes momento está na fase de recollida de sinaturas.

Reforzar a administración e os servizos públicos

Pero alén da cuestión retributiva, o secretario nacional da CIG-Administración incide na necesidade de incorporar medidas tanto nos orzamentos do Estado como nos da Xunta de Galiza “para termos unha administración pública forte, moderna e ao servizo da cidadanía, como garante da igualdade e a cohesión social”.

Para reverter as políticas de deterioro e desmantelamento dos servizos públicos dos últimos anos e o déficit de persoal derivado do mantemento das taxas de reposición, a CIG pula por axilizar e ampliar as ofertas de emprego público para renovar os cadros de persoal, crear novo emprego público “e garantir unha administración con medios suficientes para atender as necesidades de todas e todos”.

Nesta liña, a central nacionalista rexeita a intención do Goberno español de eliminar a xubilación forzosa e permitir o traballo até os 72 anos, demanda avances reais na implantación xeneralizada da xornada laboral de 35 horas á semana e a supresión integral da taxa de reposición de efectivos.

A respecto da Xunta, a CIG-Administración pide que se amplíen os permisos por nacemento ás 25 semanas, recuperar os dereitos recortados na lei de medidas de 2012 (como os días de asuntos particulares e dereitos do V Convenio), restituír o dereito á carreira profesional a todo o persoal, retribucións de complementos salariais nas pagas extraordinarias das quendas nocturnidades, gardas e traballo nos domingos e festivos, eliminar as limitacións nas contratacións de persoal substituto e interino, facer concursos de traslados permanentes, ou restaurar os importes dos soldos bases das pagas extras recortadas dende 2010.

Xunto a isto, reclámase a creación da escala superior de cociña e dunha estrutura profesional, o recoñecemento do dereito á xubilación anticipada do persoal do servizo de Gardacostas ou que o persoal de novo ingreso cumpra o requisito de coñecemento da lingua galega.