A Xunta presenta o seu I Plan de Igualdade “para cubrir a vergoña de máis de 15 anos incumprindo a Lei”
A CIG-Administración Autonómica considera que o I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza, aprobado o pasado día 1 de agosto na comisión de persoal co voto en contra da CIG, está “falto de contido, con medidas xa contempladas nas Leis e con simples declaracións de intencións”. Afirma ademais que se presenta “só para cubrir a vergoña de máis de 15 anos incumprindo a Lei de Igualdade”.
A administración autonómica estaba obrigada a elaborar un Plan de Igualdade para o seu persoal (máis de 26.000 traballadoras e traballadores) dende a Lei 3/2007. Segundo explica Carmen Viso, negociadora pola CIG do Plan de Igualdade da Xunta, “foron numerosos anos reclamando a negociación deste Plan e numerosas as reunións nas que non se avanzaba por falta de vontade negociadora por parte da Xunta”.
A principios do ano 2022 comezou este proceso negociador que finaliza agora. Despois de numerosas reunións nas que a CIG negociou até a última hora para que se cumprira a normativa de elaboración dos Plans en canto a contidos mínimos e propostas que incorporaran medidas reais para acabar con certas discriminación e se incorporaran as nosas achegas ao texto.
Protocolo contra o acoso e violencias sexuais
No caso do “Protocolo contra o acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo”, a CIG votou a favor, porque achega novidades e solucións en temas de acoso que estaban pendentes e trae unha nova regulación, noutras cuestións, que non contaban con protección ou procedemento específico, como as violencias sexuais e violencias no traballo e na protección da identidade e expresión de xénero.
Neste Plan de Igualdade, a posición da CIG foi sempre facer unha boa diagnose da situación, cos contidos establecidos na normativa “que nos permitiran extraer conclusións reais da situación da igualdade na Xunta de Galicia, para propor medidas efectivas para mellorar a situación de igualdade do persoal empregado público”.
Porén, a CIG-Administración Autonómica considera que a diagnose está incompleta, e incumpre o RD 901/2020 xa que os datos de formación están mesturados con datos doutras administracións que non son a Xunta e están computados polo número de cursos realizados e non por persoas. “Faltan número de solicitudes, de denegacións, de abandonos e as súas causas”.
Na análise dos datos económicos, como establece a normativa, apunta que non se analizan salarios reais, senón salarios normalizados e que non se establece unha análise por postos de igual valor. “Falta auditoría retributiva que queda para máis adiante”, conclúe Viso.
Canto a prevención de riscos con perspectiva de xénero, “non existen resultados da análise de riscos psicosociais”.
Xunto a isto, denuncia que as distintas xornadas, horarios e lugares de prestación de servizos, “non se poden avaliar, porque non se proporcionan datos”.
Protocolo de violencia de xénero
A negociadora pola CIG do Plan de Igualdade da Xunta denuncia tamén que falta o Protocolo de violencia de xénero. “Nin se negociou o procedemento nin se recollen as medidas ás que se poden acoller as vítimas de violencia de xénero malia estar espalladas pola lexislación actual”.
Canda isto, falta tamén o nivel de Estudos do persoal da Administración, independentemente da titulación de acceso requirida e na enquisa cualitativa feita ao persoal as respostas, estudo e conclusións “non están desagregadas por xénero, cousa incomprensible nunha enquisa que vai achegar unha visión de como está a percepción da igualdade entre o persoal e tendo en conta que eses datos si se recolleron”, subliña Carmen Viso.
A isto engade que, como consecuencia dunha diagnose incompleta, en cuestións tan importantes para un Plan de Igualdade, “temos unhas conclusións parciais que non permiten analizar realmente a situación de igualdade para o persoal da Xunta e trasladan estas carencias ás medidas a adoptar para corrixir as eivas detectadas. Dentro das medidas, por unha parte queren corrixir o que debería de estar feito na diagnose (protocolo de violencia de xénero en ámbitos distintos ao traballo), e por outro, propóñense medidas que quedan en declaración de intencións (procurarase, estudarase…)”.
Nas medidas que se propoñen, denuncia que tampouco son capaces de adoptar medidas que acaben, dunha vez por todas, coas discriminacións directas no acceso a postos vacantes dende as listas de contratación cando se está en situación de suspensión de contrato ou incapacidade temporal por embarazo e/ou lactancia natural e discriminacións retributivas no caso dos non incrementos salariais nas situacións de embarazo e baixa por maternidade. Tampouco se recolleu o incremento do permiso para outro proxenitor até equiparalo co permiso de maternidade da Xunta de Galicia como establece unha recente sentenza do TSXG.
Medida estrela: discriminación positiva para os homes
A CIG-Administración Autonómica tamén discrepa coa “medida estrela” publicitada pola Xunta de Galiza na que establecen a discriminación para os homes en caso de empate no acceso ao emprego público naquelas categorías nicho tradicional de emprego para as mulleres. “A discriminación positiva establécese para aqueles colectivos que padecen discriminación, como é o caso mundialmente recoñecido das mulleres, e xa se leva anos aplicando na Xunta de Galiza. Incorporar medidas de discriminación positiva para os homes significa descafeinar a discriminación que seguen a padecer as mulleres. Se realmente o que se quere é romper estereotipos de xénero haberá que establecer mecanismos reais que permitan valorizar o traballo tradicionalmente desenvolvido polas mulleres para poder acadar a igualdade”.
O resto de medidas son indicacións para recoller os datos que non foron capaces de achegar para a análise de situación de igualdade na Diagnose e outras medidas recollidas xa na normativa actual e que son meras declaracións de intencións, como por exemplo no caso das salas de lactación e cambiadores nos edificios administrativos xa existentes que quedan postergados a un estudo futuro da idoneidade arquitectónica. Por iso, conclúe, “non estamos dispostas a aceptar calquera Plan polo simple feito de telo. Seguimos empeñadas en ter un verdadeiro Plan de Igualdade para o persoal da Xunta de Galiza”.