CIG-Administración celebra o seu VII Congreso baixo o lema “Servizos Públicos, Soberanía, Democracia”
A CIG-Administración celebra o vindeiro sábado 25 de novembro, en Ferrol, o seu VII Congreso baixo o lema “Servizos Públicos, Soberanía e Democracia”. Unha xornada na que 204 delegados/as debaterán e acordarán as liñas de traballo para os vindeiros catro anos; renovarán o organismo de dirección, escollerán as/os representantes da federación no Consello Confederal e elixirán secretario/a nacional.
A CIG-Administración Pública chega a esta cita tras catro anos de loita pola recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos polas traballadoras e traballadores das administracións públicas, pola recuperación dos servizos e do emprego público perdido.
A federación valora moi negativamente o impacto que estes anos de crise tiveron nas administracións públicas galegas a consecuencia dunhas políticas de austeridade que deixaron tras de si un regueiro de recortes en persoal, medios e prestación de servizos.
Tal é así que hoxe a eventualidade nos cadros de persoal é dun 30-40% e houbo unha caída dun 6% no emprego público, por mor da imposición de taxas de reposición, o que está provocando un incremento da idade media dos cadros de persoal efectivos que xa é de entre 50 e 55 anos.
Sendo isto preocupante, para a federación de Administración Pública da CIG máis o é a diminución da calidade dos servizos públicos, a desaparición de moitos deles e a súa progresiva privatización. Unha situación que favoreceu o aumento da corrupción derivada da contratación de empresas privadas para xestionar actividades propias dos poderes públicos.
Propostas
Durante este período a CIG-Administración defendeu diversas propostas para combater esta situación exixindo o establecemento dun plan de choque que permitira, cando menos, recuperar os niveis de emprego público do ano 2009; recuperar os servizos privatizados e os eliminados e ter uns cadros de persoal que permitan ofrecer servizos públicos de calidade en condicións laborais dignas.
Combateu ademais a precarización laboral, tanto a temporalidade como a degradación das condicións laborais e económicas defendendo a implantación de plans de consolidación do emprego que permitan aproveitar o potencial de moito persoal xa experimentado e regular a súa relación laboral, moitas veces irregular.
Xunto a isto exixiu Oferta Pública de Emprego con todas as vacantes, incluídas as que necesariamente deben ser creadas para recuperar os niveis de emprego público de 2010.
Recuperación das condicións laborais
A CIG-Administración pulou tamén, durante estes catro anos, por recuperar dereitos sociais e condicións laborais, económicas e profesionais, como o restablecemento do complemento específico por IT para manter o 100% das retribucións; a aplicación do dereito de xubilación parcial a todo o persoal; a cotización do 100% do haber regulador do persoal de clases pasivas nos supostos de redución de xornada previstos na Lei de Igualdade ou establecemento de procesos de promoción sostíbeis no tempo; revisión dos regulamentos e procedementos para a provisión de postos de traballo do persoal laboral e funcionario, entre outros.
Recuperación das condicións económicas
A CIG-Administración defendeu durante este período un incremento retributivo xeral acorde coa perda de poder adquisitivo de todos estes anos, que está nun 31,7% no Estado español e nun 38,7% para as traballadoras/es que dependen da Xunta de Galiza. Ademais reclamou a reposición dos importes das pagas extra e a devolución de todas as substraídas.
Administración paralela
Durante estes catro anos a federación tamén prestou especial atención a vixiar a denominada administración paralela ou administración instrumental, a través da que se mantén ao persoal nunhas condicións laborais e económicas en moitos casos denigrantes.
Precariedade no sector de Xustiza
Para a CIG-Administración tamén foi especialmente preocupante o desmantelamento da xustiza. Coas amortizacións elimináronse máis de 100 prazas nos xulgados do país das que 24 estaban nos xulgado de paz.
Do sector de Xustiza veñen denunciando ademais que desde 2013 até a actualidade, “vemos como nos rouban un 40% das pagas extra no CAT (Complemento Autonómico Transitorio); néganse a homoxeneizar o réxime de incapacidades temporais e enriquécense ilegalmente a conta dos traballadores/as en substitución. Xunto a isto o goberno da Xunta négase a avanzar na implantación da nova oficina xudicial, cando resulta urxente implantar as Unidades Técnico Administrativas para dar resposta aos problemas organizativos da xustiza galega”.
Xulgados de violencia sobre a muller
Denunciouse tamén a inadmisíbel falla de medios humanos, a escasa formación, os medios materiais insuficientes e a ausencia de espazos acondicionados nos xulgados de violencia sobre a muller. Por iso reclamouse a creación de novos xulgados especializados nesta materia, formación específica, dotación con ferramentas informáticas axeitadas e espazos habilitados para unha atención digna da vítima.
Estas e outras cuestións centraron a acción sindical e as campañas da federación que conseguiu, durante este período, situarse como primeira forza sindical no sector e manter esa posición en practicamente todos os sectores e comarcas.