CIG-Administración Autonómica denuncia a paralización dos dereitos de conciliación na Xunta de Galiza
A CIG-Administración Autonómica denuncia que a Xunta de Galiza, que tería que ser referente para outras administracións e o sector privado en facilitar a conciliación para o fomento da natalidade e o benestar social das familias, o que fai “é vender fume e nin sequera aplicar adecuadamente o que xa lexislaron no goberno do Estado Español e dende a Unión Europea”.
A responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos explica que se agardaba que o I Plan de Igualdade para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galiza trouxera avances en materia de conciliación familiar. Denuncia que, porén, “quedou nunha simple declaración de intencións que non achega nada novo”.
Neste sentido apunta que, está a ocorrer como coa Lei de impulso demográfico, “coa que o goberno do PP nos encheu de propaganda da súa marabillosa receita para acabar co envellecemento poboacional, pero que segue sen desenvolverse a pesar de que o prazo máximo era dun ano dende a súa publicación o 2 de febreiro de 2021”.
A proposta da Administración autonómica en materia de flexibilización horaria
Burgos sinala que a Administración leva máis dun ano activando (xa van tres veces) e logo parando a negociación da Orde que regulará a flexibilidade por conciliación e que a proposta que levaron á mesa de negociación limita o dereito de flexibilidade ao marcar prioridades e vinculalo ás necesidades do servizo. “Débeselle facer moito permitir conciliar ao seu persoal. Nin sequera se propón ampliar ou dimensionar os cadros de persoal cando temos unha atención directa ao usuario/a ou buscar outras medidas organizativas”, asegura.
Lembra que coa Lei de impulso demográfico, ampliouse a posibilidade de acollerse á flexibilidade por fillos/as menores de 18 anos, cuestión que “nos sorprende a todas, xa que levabamos anos a esixir pasar dos 12 actuais aos 14 anos (iso si, moitas das veces, e en moitas das consellerías, non dan a flexibilidade nin que sexan crianzas de dous anos)”.
A isto engade que, porén, a realidade é que, dous anos despois, aínda non se está aplicar e moitas familias de empregadas e empregados públicos comezaron o curso escolar 2023-2024 sen poder acollerse á flexibilización prometida.
Zeltia Burgos considera que non é nada novo para o PP, “facer campaña e propaganda” cando só compilan medidas que xa estaban noutra lexislación, como queren facer na Lei de igualdade e na Lei de familias. Ao final, “os datos dirán se medramos ou seguimos a decrecer demograficamente e como a pirámide poboacional crece invertida na Galiza”asevera.
Conclúe subliñando que non se trata dun “capricho individual para funcionarios escaqueados, como nos queren vender. A conciliación familiar é un beneficio social que aumenta o benestar das familias e reduce o gasto público propio e dos servizos de atención social. É unha cuestión fundamental para o desenvolvemento do país, para facer de ”punta de lanza” para outros sectores”.