Convocada mobilización este mércores pola “nefasta” xestión de persoal de Función Pública
A CIG-Administración Autonómica ten convocada para este mércores, día 19 de xuño, ás 11:00 horas, diante da consellaría de Presidencia, no edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, unha mobilización para denunciar a nefasta xestión de persoal de Función Pública; a “chapuza” da funcionarización orbrigatoria; as amortizacións de postos e o peche de servizos e exixir a convocatoria inmediata de concursos de traslado; procesos de promoción interna e unha verdadeira carreira profesional, consolidada e universal.
A responsábel nacional do sector, Zeltia Burgos, denuncia que Función Pública non convoca o concurso de traslados “porque non lle dá a gana, atrasándoos con escusas absurdas”. Neste sentido sinala que os últimos concursos de traslados foron, para persoal laboral en 2011; para administración especial en 2012 e para administración xeral en 2015 e pregúntase por que se nega a convocar un concurso anual como si hai en ensino, limitando o dereito á mobilidade do persoal público ao que o fai depender dunha comisión de servizo.
Abuso das comisions de servizo
Burgos sinala que desde a CIG detectáronse e denunciáronse máis de 400 comisións de servizo ilegais “sen contar as ocultas e cruzadas”, ademais de comisións de servizo que, por falta de concursos, “deixaron de ser extraordinarias e se converteron na forma ordinaria de moverse o persoal na Xunta de Galiza, mobilidade sen criterio obxectivo nin transparencia”.
Tal é así que en 2018 contabilizaron 984 comisións e 1.301 renovacións, o que dá un total de 2.285 e no que vai de ano un total de 380 máis 760 renovacións, o que dá un total de 1.140.
Funcionarización obrigatoria
A CIG-Administración Autonómica denuncia tamén a funcionarización obrigatoria artellada “baixo a chantaxe do complemento de carreira, no persoal fixo, ou do despedimento no persoal temporal”. Zeltia Burgos advirte de que máis de 7000 empregados/as públicos van a estar afectados por este proceso que non garante os dereitos do V Convenio colectivo, nin as retribucións das diferentes categorías. “Ademais deixa ao persoal laboral sen posibilidade de concurso de traslados previo e non resolven a incertidume das reclasificacións na funcionarización ás novas escalas” denuncia. “Para colmo nin propón subir os trienios do persoal funcionario máis baixos para igualalos aos do persoal laboral, xerando unha nova desigualdade entre persoas coas mesmas escalas e funcións”, engade.
Xunto a isto, desde o sector da Autonómica denuncian o incumprimento reiterado dos Acordos, entre os que lembra o da consolidación de 2008; o das prazas que tiñan que saír á OPE do SPDCIF ou o Consorcio. Isto xunto a un buzón de postos agochado; á inexistencia da bolsa de horas positivas ou do FAS (Fondo de Acción Social) e a suspensión do artigo 19 do V convenio desde 2012.
RPT deseñadas para deixar morrer os servizos públicos
Zeltia Burgos responsabiliza a Función Pública de deseñar Relacións de Postos de Traballo (RPT) que “fan esmorecer servizos aos cidadáns, mentres nutren a pirámide invertida, onde o lobby de directores e subdirectores campan cun amplo cortexo, un proceso paulatino e imparable no que furtan prazas e pechan servizos con descaro”.
A responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica responsabiliza tamén a Función Püblica de non frear as abondosas contratacións en fraude de lei que dan lugar a relacións irregulares de indefinición de persoal”.
Burgos denuncia así, unha carreira profesional, aprobada co apoio de UGT e CCOO, “desequilibrada nas contías, non consolidada, sen garantía orzamentaria e inxusta, que deixa fóra a miles de persoas interinas e laborais. Unha chapuza máis que, para colmo, está cuestionada polo Estado”.
Taxa de reposición de efectivos
A CIG-Administración Autonómica sinala, xunto a isto, a aplicación, “de forma torticeira” da taxa de reposición de efectivos –que se mantén- na Xunta de Galiza, porque “non cobre as vacantes, obvia as prazas obrigatorias para promoción interna ou porcentaxe reservada a persoas con discapacidade”. Ademais de convocar un número de prazas para a promoción interna separada nas OPE que consideran “ridículo”.
Ademais denuncia a falta de vontade negociadora da administración que “emprega a mala fe acotío; incumpre os acordos; chantaxea con atrasos en concursos ou contratacións; manipula con descaro e impide o acceso á información para a defensa do persoal”. Isto ademais de “modificar entremedias o decreto de listas, coa oposición de todas as organizacións sindicais; rebaremar a puntuación provocando unha grande incertidume no persoal e deixando sen posibilidade de corrección de erros ás traballadoras e traballadores”.
Ante esta situación que consideran unha “falla de respecto continuada aos empregados e empregadas publicas” reclaman a inmediata dimisión do Director Xeral de Función Pública, José María Barreiro como responsable desta situación.