CIG-Administración Autonómica convoca folga na Xunta de Galiza contra o “decretazo” de listas
O paro terá lugar o vindeiro martes, día 23 de xuño, entre as 11:00 e as 12:00 horas e atinxe a todos os centros de traballo da administración pública de Galiza
A CIG-Administración Autonómica vén de anunciar a convocatoria dun paro contra o “decretazo de listas” para o vindeiro día 23 de xuño, entre as 11:00 e as 12:00 horas, en todos os centros públicos de Galiza. Fai ademais un chamamento a participar nas concentracións convocadas diante dos centros de traballo, especialmente nos edificios administrativos da Xunta de Galiza.
O chamado “decretazo de listas” foi publicado no DOG do 19 de maio modificando o anterior decreto 37/2006, do 2 de marzo, no que se regulaba o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal do persoal laboral da Xunta de Galiza.
Segundo explicaron o responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Lois Díaz, e a responsábel de Negociación Colectiva, Rebeca Quintillán, esta modificación do decreto de listas “é un ataque frontal contra os dereitos das traballadoras e traballadores da Xunta e un paso máis na política de precarización sistemática do emprego público”.
Díaz lembra que logo de máis de vinte anos agardando por unha actualización da norma, o goberno galego “opta por recortar dereitos, non adaptar o sistema ás necesidades actuais e decide, pola contra, castigar aínda máis ao colectivo máis vulnerable da Administración: o persoal temporal”.
Eliminación dos complementos
A medida máis lesiva e inxustificable é a eliminación dos chamamentos por mellora de emprego. Un dereito que permitía recoñecer a experiencia, o esforzo e a antigüidade de quen leva anos sostendo os servizos públicos con contratos precarios. Por iso entenden que a Xunta “condena agora a miles de persoas a quedar atrapadas nun círculo de substitucións temporais, impedíndolles acceder a vacantes ás que, por méritos e puntuación, deberían ter prioridade”.
O resultado é, para a CIG-Autonómica, “un auténtico despropósito” porque persoas con anos de servizo, centos de días traballados e elevada puntuación poden quedar excluídas dunha vacante mentres esta praza se adxudíca a quen acaba de incorporarse ás listas.
Quintillán denunciou ademais que o decretazo mantén un réxime de penalizacións “inxusto e abusivo” que obriga a aceptar contratos de días ou mesmo de horas baixo a ameaza de permanecer seis meses excluído das listas. “Un sistema baseado na coacción que trata ás traballadoras e traballadores como man de obra desbotable”, dixo.
Perspectiva de xénero
A responsábel de negociación colectiva denunciou, canda isto, que a Xunta ignora por completo a perspectiva de xénero e a conciliación da vida laboral e familiar. “Faino incumprindo o seu propio Plan de Igualdade e dando as costas á realidade de milleiros de persoas, especialmente mulleres, que soportan a maior carga dos coidados e traballan tamén, nunha grande porcentaxe, neste sector dos coidados. Mentres presume de igualdade nos discursos, elimina na práctica calquera avance real nesta materia”.
Para a CIG-Administración Autonómica, este decreto non busca mellorar a xestión das listas. “Busca aforrar custos a costa dos dereitos laborais, dificultar a promoción profesional e perpetuar a precariedade”. Por iso entenden que é unha decisión política consciente e calculada que supón un retroceso de décadas nas condicións do persoal temporal da Xunta.
Con este “decretazo” co que consideran que se perden practicamente a totalidade dos dereitos laborais, engádese a maiores un uso indebido do mesmo, xa que na actualidade “este persoal está recibindo as adxudicacións de postos de madrugada para incorporarse horas despois aos postos de traballo, reciben chamadas a calquera hora do día para incorporarse de inmediato nos centros, sempre coa mesma indicación: se non aceptas, serás penalizada durante 6 meses”.
Demandas
O que demanda a CIG-Administración Autonómica é que se restablezan os chamamentos por mellora de emprego e que se negocie un novo decreto, introducindo a perspectiva de xénero de xeito transversal; medidas de conciliación que permitan rexeitar un contrato sen penalización se se teñen menores ou persoas en situación de dependencia a cargo e a protección da saúde laboral do persoal sensíbel, nomeadamente das traballadoras en situación de embarazo ou lactación.