CIG-Administración alerta da privatización encuberta dos Equipos psicosociais do Imelga

Defende o carácter público e profesionalizado que debe rexer sempre nestes servizos
Compostela - 10 Feb 2016
CIG-Administración denuncia as carencias de persoal nos equipos psicosociais do Instituto de Medicina Legal (IMELGA) e as consecuencias que isto comporta para afectadas/os: familias con menores ou vítimas de violencia de xénero e abusos sexuais, entre outros, e para o funcionamento da Xustiza. Alerta da súa privatización encuberta, logo de que o Director Xeral de Xustiza anunciara que se recorrerá ao Colexio de Psicólogos/as de Galiza para que profesionais privados fagan informes para aliviar a carga de traballo do IMELGA.

A CIG-Administración considera que con ese anuncio o Director Xeral “esquece ou descoñece” que o maior atraso nos equipos psicosociais dentro das diversas áreas e funcións nas que desempeñan o seu traballo -violencia de xénero e doméstica, credibilidade do testemuño en abusos sexuais, probas preconstituídas, figura de experto na toma de declaración de vítimas, auxilios xudiciais…- é nas pericias de familia -gardas e custodias, réximes de visitas en divorcios contenciosos, modificacións de medidas…-.

Lembra que nestes procedementos interveñen non só psicólogas e psicólogos, senón tamén traballadoras e traballadores sociais e sinala que, porén, “nada se fala deste último colectivo e da necesidade de coordinación entre os profesionais que elaboran os informes psicosociais, por xa nin mencionar o manexo de datos de alta sensibilidade e a complexidade da materia que require unha metodoloxía e características de traballo específicas”.

Asegura que os atrasos nas valoracións pola falta de recursos humanos e a necesidade urxente de ampliación do cadro de persoal nos equipos psicosociais vén xa de vello. Neste sentido, lembra que no ano 2009 a CIG expresoulle á Administración, por escrito, a necesidade urxente de dotación de persoal”, e que estas demandas realizáronse en moitas ocasións e por distintos medios: escritos dirixidos a delegados territoriais, secretaria xeral técnica, director xeral de Xustiza, director xeral da Función Pública por parte dos propios profesionais e superiores desde as distintas subdireccións do Imelga de Galiza; notas de prensa de distintos operadores xurídicos e colectivos que se poden consultar nas hemerotecas (Fiscalía, colexios de avogados, SOS Xustiza, sindicatos …).

Sinala que en abril do ano 2013 e logo do concurso de traslados do persoal laboral da Xunta de Galicia, os/as psicólogos/as e traballadores/as sociais destes equipos —que tomaron posesión con carácter definitivo destas prazas— atoparon un atraso importante, xa comunicado e denunciado con anterioridade, que se demostrou imposible de resolver, pese ao esforzo e sobrecarga do persoal traballador. Cabe sinalar que os recursos humanos por provincias se concretaban en: 2 psicólogos/as e unha traballadora social na Subdelegación do Imelga de Santiago de Compostela;  2 psicólogos/as e 2 traballadores/as sociais na da Coruña; 1 psicóloga e 1 traballadora social na de Ferrol; 2 psicólogos/as e 2 traballadores/as sociais en Vigo;  1 psicóloga e 1 traballadora social en Pontevedra; 2 psicólogas e 1 traballadora social na de Ourense e 1 psicóloga e 1 traballadora social na Delegación de Lugo.

 

CIG-Administración de Xustiza matiza que dada a alarmante listaxe de espera, esta situación modificouse nalgunhas provincias, como foi na Coruña e en Santiago de Compostela, onde se contratou un equipo en cada localidade por acumulación de tarefas desde o 1 de abril ata o 30 de novembro de 2014.

A este respecto afirma que “aínda que este persoal sacou moito traballo adiante, os propios traballadores fixos destas provincias, antes de remataren o contrato, comunicaron por escrito a necesidade urxente de prórroga, así como da consolidación dun novo equipo de forma definitiva, dada a demanda existente, pedimento que non foi atendido”.

Denuncia que a falta de recursos humanos “é xeneralizada” en todos os Imelga, cun agravio comparativo importante respecto á dotación noutros servizos. Neste sentido, CIG-Administración sinala, a modo de exemplo, a situación na provincia de Lugo con respecto a outros servizos: 9 psicólogos/as no Servizo de Familia; 2 en Discapacidade; 2 en Dependencia; 1 no Xulgado de Menores e só 1 para todos os xulgados de Lugo e provincia, ademais da Audiencia Provincial e Fiscalía.

Explica que logo de distintas solicitudes, demandas e presións, o Consello da Xunta autorizou a contratación por acumulación de tarefas de 6 equipos psicosociais, formados por 6 psicólogos/as e 6 traballadores/as sociais. A distribución foi a seguinte: 2 equipos na Coruña; 2 equipos en Santiago de Compostela; 1 equipo en Pontevedra e 1 equipo en Lugo.

A primeiros do mes de marzo do 2016 remata esta contratación de 9 meses. Con estes equipos de reforzo reduciuse, de forma importante nalgunhas provincias, a listaxe de espera, polo que se demostrou a efectividade desta medida de contratación pública. Porén, o volume de entrada de novos procedementos tanto civís como penais cada vez é maior, sen esquecer outras demandas derivadas de novas leis (ex.: Estatuto da vítima), que supoñen un notábel  incremento en número e tipoloxía de actuacións, o que implica a necesidade da continuidade desta medida.

Diante desa situación e da actual entende que queda demostrada a necesidade e efectividade destas contratacións (nalgúns casos, e tal como xa se demandou nalgunha provincia, hai xa que formularse a creación nas RPT de novos equipos psicosociais) e demanda unha resposta urxente, seria e formal por parte da Administración e non só unha declaración de intencións sen planificación e cunha evidente desconsideración ao esforzo e bo facer dos empregados públicos.

A CIG-Administración Pública reitera a súa defensa do carácter público e profesionalizado que debe rexer sempre nestes servizos co obxecto de garantir unha atención de calidade e a defensa dos dereitos cidadáns por parte da Administración de xustiza.