CIG-Administración advirte que o Concello de Cariño segue sen RPT a pesar dos requirimentos xudiciais

Outros municipios da comarca como Cedeira, As Pontes, Cabanas ou Ortigueira tamén carecen desta ferramenta, obrigatoria por lei, para organizar o persoal e os servizos públicos
Ferrol - 22 Nov 2024

A CIG-Administración de Ferrol compareceu este venres en rolda de prensa para denunciar publicamente a grave vulneración de dereitos en materia de negociación colectiva, representación e participación que se están a dar en diversos concellos da comarca, como Cariño, Cedeira ou As Pontes. Unha vulneración que afecta as condicións laborais do persoal destas administracións locais mais tamén aos servizos públicos que se prestan.

A secretaria comarcal da CIG-Administración Pública, Carmem Viso, que compareceu acompañada de representantes da CIG nos Concellos de Cariño, Cedeira e As Pontes, advertía que na inmensa maioría dos municipios da comarca "faltan documentos legais imprescindíbeis" como a Relación de Postos de Traballo (RPT), o plan de igualdade, o rexistro retributivo e incluso nalgúns nin sequera se negociou un convenio colectivo para regular as condicións do persoal laboral.

Viso apunta ao inxustificábel desta realidade nas administracións locais "cando a lexislación obriga a contar con estas ferramentas". Entre outros, informou que na comarca carecen de RPT os Concellos de Cariño, Cedeira, As Pontes, Cabanas ou Ortigueira. Diante disto, a CIG aposta pola mobilización e nas próximas semanas realizará asembleas de traballadores e traballadoras nos concellos afectados para acordar un calendario de concentracións e accións reivindicativas.

O exemplo de Cariño: sen RPT a pesar dos requirimentos xudiciais

Na rolda de prensa, púxose o exemplo do Concello de Cariño como o caso máis sangrante, xa que a  representación do persoal leva dende o ano 2007 reclamando a negociación dunha RPT. Despois de diversas tentativas de negociar e de chegar a un acordo, a CIG presentou denuncia contra o Concello de Cariño e en novembro de 2022, o xulgado emitía sentenza obrigando a administración local a convocar a mesa de negociación e contar cunha RPT nun prazo curto de tempo.

A día de hoxe,  tras mudar o Goberno municipal e malia as propostas trasladadas pola representación sindical, continúa sen haber avances. Por iso o Concello de Cariño recibiu este ano dous requirimentos xudiciais: un en xuño e outro este mes de novembro "no que xa se fala de que vai haber multas coercitivas se non se cumpre a sentenza".

Neste contexto, Viso urxiu a convocatoria da mesa de negociación para rematar con esta situación e poder contar, por fin, cunha ferramenta fundamental para a organización do persoal e dos servizos públicos, como é a RPT.

O representante da CIG no Concello de Cariño, David Fernández, criticou a inacción do Goberno local "a pesar da sentenza que insta a alcaldesa a convocar a mesa para negociar e elaborar a RPT". Engade que o 10 de abril houbo unha reunión na que a alcaldesa se comprometeu a, no prazo de seis meses, traer un documento para aprobar a RPT. "O 10 de outubro cumpriuse ese prazo e non temos ningún avance. Ante esta inacción non nos queda máis remedio que tomar estas medidas e comezar coas mobilizacións", asevera.

Negociacións que se prolongan durante anos

Abundando nesta cuestión, Alberto Díaz, delegado da CIG no Concello de Cedeira, denunciou que se producen "negociacións pero o que vemos é que a vontade dos Concellos é non facer a RPT. As negociacións prolónganse durante anos, en diferentes lexislaturas pero o resultado é sempre o mesmo: non hai ningún acordo para a RPT". Cualificou de "incríbel" que sexan precisamente as administracións públicas, que deben velar polo cumprimento da legalidade, as que de maneira continuada estean incumprimento coas súas obrigas legais.

A RPT, unha ferramenta fundamental

Sobre a transcendencia da RPT, Carmem Viso explicou que se trata dun documento organizativo polo que as administracións estruturan o persoal segundo as necesidades dos servizos públicos que deben prestar, estabelecen os requisitos para o acceso a eses postos de traballo, as funcións e as retribucións en base a unha valoración deses postos. Contar cunha RPT non só é unha obriga legal, senón unha ferramenta organizativa que impide que se poidan dar situacións de arbitrariedade, "que moitas persoas traballadoras teñan que asumir funcións que non lle corresponden e que se perda emprego público".

Así, alertou que en Concellos no que había 70 traballadores e traballadoras, pero que non dispoñen de RPT, "neste momento contan con menos de 50 efectivos. Isto significa que estas persoas están a prestar uns servizos públicos con moitos menos efectivos, facendo o mesmo traballo e atendendo todas as necesidades organizativas".

Para a CIG-Administración estas situacións constitúen "un abandono das obrigas dos grupos de goberno que repercuten nos servizos públicos e fai recaer neste persoal a prestación dos servizos en condicións de máxima precariedade". Non dispor desta ferramentas organizativa tamén facilita que se dean e persistan as desigualdades retributivas entre persoal que realiza o mesmo traballo, "xerando malestar e discriminacións salariais".

A este respecto, Viso pon o acento no feito de que moitos servizos públicos nestes municipios son prestados por persoal que cobra o SMI, con independencia da súa categoría profesional "porque nunca se atallou este problema nin se valoraron estes postos de acordo a titulación esixida, as funcións e especificidades". Chegando a darse situacións de persoal que ten que por o seu vehículo propio para prestar un servizo público.