CIG-Administración advirte de irregularidades nun proceso selectivo para o Concello de Sada

Sada - 24 Out 2024

A CIG-Administración da Coruña advirte das graves irregularidades detectadas durante o desenvolvemento do proceso selectivo relativo a unha praza como persoal funcionario de carreira na categoría de Técnica/o Deportiva/o do Concello de Sada e pide que se anule a proba realizada.

No día de onte, mércores 23 de outubro, ás 11:00 da mañá, tivo lugar a celebración do primeiro exercicio (tipo test) na Casa da Cultura “Pintor Llorens” en Sada. Segundo as informacións que tivo a central sindical, o cuestionario tipo test podía realizarse en galego ou en castelán. Segundo manifestaron varias das  persoas aspirantes, nun dos cuestionarios que foi repartidos en galego estaban marcadas as respostas correctas en alomenos dúas das preguntas.

Ademais, no momento de entrega da proba -que se fai segundo se vai rematando-, varias persoas afirman que a primeira persoa que entregou o exercicio non achegou o modelo de resposta que garante o anonimato mediante un código, senón que achegou o propio cuestionario, e que un dos membros do tribunal, no momento en que se da conta disto, abandona a celebración do exercicio para tratar de atopar a esta persoa na rúa, sen ningunha garantía nin custodia.

A CIG-Administración entende que as irregularidades cometidas deberían ser suficiente motivo para que o tribunal do proceso, presidido pola secretaria municipal do Concello de Sada e habilitada nacional, procedera á anulación inmediata da proba realizada.

Doutra banda, esixe que ante a gravidade dos feitos cometidos, "o Goberno municipal de Sada, co seu alcalde Benito Portela á cabeza, facilite explicacións á veciñanza e ás persoas aspirantes, así como faga cumprir as responsabilidades que procedan diante da gravidade dos feitos cometidos".