CIG-Abanca tilda de “obscenidade” que Feixó subvencione substituír o persoal por máquinas e axentes
A Xunta de Galiza recoñeceu que Abanca é a gañadora das subvencións para a instalación de caixeiros automáticos e contratación de axentes financeiros. Subvencións que, como viña advertindo a sección sindical de CIG-Abanca, afectan tamén aqueles Concellos nos que a entidade está pechando, como en San Xoán de Río.
Semella que a Xunta de Galiza agochou a decisión este tempo, para non facela coincidir co conflito derivado dos peches de oficinas. “O PP, privatizador das Caixas, subvenciona agora substituír persoas por máquinas. Unha nova inxección de diñeiro público inxustificada, xa que antes da pandemia a rendibilidade para os accionistas, foi do 40% no 2019 e do 16% no 2020”, denuncia a sección sindical.
Subliña, ademais que “a Xunta de Galiza teima nos caixeiros, malia até os alcaldes do seu partido dicir que non son alternativa para as persoas maiores”.
A sección sindical asegura que a maior parte das oficinas que pechan eran rendibles. Porén, González Eiroa dixo na prensa que a instalación dos caixeiros é deficitaria mesmo coa subvención pública. Por iso cuestionan a súa afirmación afirmando que “se fose certo estarían pechando centros de traballo rendíbeis para perder diñeiro, un feito inédito”.
Peches que levarán a ERE
A sección sindical da CIG-Abanca advirte que estes peches, polos antecedentes e polo que pasa no resto do sector, levarán a EREs. Neste senso sinala que quen negocia os EREs no resto de entidades é o habitual despacho de avogados de Abanca, Sagardoy e cun modelo de ERE cada vez máis agresivo. Por iso fai un chamamento a combater os peches, porque iso permitirá “desinflar os ERE”.
Explica que a nivel galego hai 137 oficinas con métricas iguais ou inferiores ás que están pechando e en territorios con características de poboación e con perspectiva de negocio iguais ou peores. “Abanca dixo nos medios que o Plan pasa por deixar oficinas nas cabeceiras de comarcas (hai 53 comarcas na Galiza)”, apunta, e conclúe que “o impacto laboral e social pode ser tremendo”.