CIG-Abanca concéntrase diante da Xunta contra as subvencións á entidade para destruír emprego
A CIG-Abanca concentrouse esta mañá en San Caetano, fronte á consellaría de Facenda, para manifestar a súa oposición ás subvencións que a Xunta de Galicia aprobou dar ao Banco para a instalación e mantemento de caixeiros automáticos e a contratación de axentes, en lugares onde Abanca pecha oficinas e destrúe emprego.
“A Xunta de Galiza, o Partido Popular, non só non fixo nada para evitar os peches de oficinas por parte de Abanca, senón que os subvenciona destruíndo os nosos postos de traballo”, denunciou no decurso da mobilización Clodomiro Montero, quen lembrou que este mesmo ano “Feixó, a parte da subvención por pechar oficinas, regaloulle ao banco unha Universidade Privada e a xestión dos Fondos europeos Next Generation”.
Como denuncia a CIG-Abanca, a Xunta de Galicia subvencionará con diñeiro público os peches de oficinas no rural de Abanca, o que implica, na práctica, “poñer máquinas onde quita a persoas”, coma recollían os cartaces que portaban as persoas presentes na concentración.
A polémica liña de subvencións terá como beneficiario a Abanca que, desde a súa privatización en 2014, tivo máis de 3.500 millóns de beneficios. Ten coma obxectivo a instalación de caixeiros automáticos e a contratación de axentes en Concellos sen servizos bancarios, sen excluír subvencionar a instalación cando Abanca pecha a oficina existente.
“As oficinas bancarias para nós son centros de traballo, é gravísimo subvencionar que se destrúa emprego por parte dunha empresa que ten beneficios multimillonarios”, aseguraban no decurso da concentración desde a sección sindical. “Se o Feixó e o PP queren seguir regalándolle diñeiro a Abanca, que o fagan do seu peto, subvencionr os nosos despedimentos con diñeiro público é inmoral”.
Certamente na práctica subvenciónase e incentívase a política de peches de Abanca, deixando sen servizos a unha poboación á que os caixeiros non dan solución, algo que a CIG viu denunciando e que agora respaldan até os propios alcaldes do PP dos concellos afectados.
En todo caso, ante unha subvención que supón unha axuda encuberta a unha entidade con beneficios multimillonarios, ademais para que reduza servizos financeiros básicos, a CIG-Abanca estuda posibles medidas.