China: Socialismo ou capitalismo?

Ken Hammond -

O notábel éxito de China para facer fronte á pandemia de COVID-19 e mobilizar todos recursos para abordar a saúde pública como un dereito humano, en contraste co catastrófico fracaso dos sistemas de atención médica capitalista dos Estados Unidos e Occidente, suxire que, aínda que queda moito traballo por facer, é posíbel que China estea no camiño cara á modernidade socialista

Cara a unha comprensión da economía política histórica de China

            I

 A economía política contemporánea da República Popular China, a natureza do sistema chinés, foi obxecto de moita discusión e debate na esquerda, así como nos círculos académicos, mediáticos e políticos dominantes1.

 Desde finais da década de 1970, China aplicou políticas de «reforma e apertura» (gaige kaifang, 改革 開放) para desenvolver a súa economía, un proceso que tivo como resultado sacar a máis de 8.000 millóns de persoas da pobreza, un crecemento masivo da produción e o xurdimento de China como un actor importante no comercio mundial. Ao mesmo tempo este proceso xerou graves problemas de desigualdade, corrupción e estrés ambiental.

 No corazón deste proxecto estivo o Partido Comunista, que, a través de sucesivos de liderados (inicialmente con Deng Xiaoping) decidiu utilizar os mecanismos do mercado para desenvolver a economía produtiva.

 Como se debe caracterizar esta situación? É capitalismo, capitalismo de estado, socialismo de mercado?2

 Só se pode dar sentido á China contemporánea cunha comprensión da historia económica do país3 e unha análise materialista histórico da natureza da orde político-económica de China ao longo da súa historia, especialmente os últimos mil anos.

 Un compromiso coas complexidades dos sistemas económicos históricos de China debe ter en conta que o pasado chinés non estaba dispoñíbel para Karl Marx, xa que logo, debe permitirnos ir máis aló do coñecido como “modo de produción asiático” e transcender as limitacións das teorizacións feitas por historiadores nas décadas de 1950 e 19604.

 Aplicar as categorías e o método de análise d’O Capital de Marx -e outros escritos- á comprensión da historia moderna temperá de China débenos permitir explorar a relevancia da súa historia para a China contemporánea. Este é un dos obxectivos deste ensaio.

 Para comezar, debemos aclarar que desde o período Tang-Song -aproximadamente nos séculos IX e X- China desenvolveu unha economía capitalista comercial que abarcaba un sector manufactureiro principalmente urbano e tamén reformulou a produción agrícola en gran parte do imperio.

 Desenvolveuse unha clase dominante que era un híbrido dunha elite terratenente, establecida desde hai moito tempo, e un estrato comercial moderno temperán, que administraba os asuntos económicos do país a través dunha combinación da empresa privada e dos ordenamentos do estado imperial. Durante gran parte do pasado imperial de China, o estado mantivo un papel complexo, non sempre consistente, nos asuntos económicos, buscaba apoiar o sustento da xente, promover a prosperidade, limitar as ganancias privadas e regular as funcións do mercado.

            II

 A historia rexistrada de China remóntase a máis de 3.200 anos e pode dividirse en catro períodos principais: (1) antigüidade, desde o principio até o final do século III a. C.; (2) período medio, desde o século II a. C. até o século X d. C.; (3) período moderno temperán, desde o século X até o XVIII; e (4) China moderna, desde finais do século XVIII até o presente5.

 Ao longo da antigüidade, China foi gobernada por unha elite de guerreiros que controlaban a terra e recadaban tributos dos seus súbditos. A actividade económica era basicamente autosuficiente a nivel local, cunha pequena capa de comercio de elite de alto valor, centrado nas cortes reais. Co tempo, desenvolveuse unha elite administrativa profesional, denominada ‘literatos’, debido ao seu dominio dos rexistros escritos da historia e á súa cultura literaria. Estes funcionarios administrativos con frecuencia foron recompensados con concesións de terras e, co tempo, estas terras convertéronse en propiedade “hereditaria”, aínda que o soberano sempre retivo a propiedade para o reino6.

 O período intermedio comezou coa unificación do imperio e a consolidación do sistema imperial baixo a dinastía Han (202 a. C. - 220 d. C.). Durante ese período, a propiedade privada da terra converteuse nunha realidade práctica, mentres que en teoría as terras cultivábeis seguiron pertencendo ao gobernante, agora Emperador.

 Moitos funcionarios do goberno obtiveron posesións de terras, e xurdiron asociacións familiares que se fixeron propietarias de extensos activos agrícolas. Este proceso longo e complexo conduciu á formación de grandes latifundios que constituíron a base da influencia política da clase terratenente nos últimos gobernos da dinastía Han.

 Despois do colapso da dinastía Han en 220, durante os séculos do período medio, produciuse unha forte concentración da riqueza e China atravesou períodos de división interna que terminou cunha nova unificación imperial baixo as dinastías Sui e Tang (589-618 e 618-907, respectivamente).

 A aparición dunha clase aristocrática ao servizo no goberno imperial, permitiu ás familias enriquecidas colocar os fillos en cargos oficiais e perpetuar o poder da elite. Esta clase aristocrática dominaba efectivamente o estado, o que lle servía para promover e protexer os seus intereses7.

 Xunto ás facendas das grandes familias existía un sector de produción agrícola organizado en torno a pequenos propietarios, xestionado a través dun sistema de tenza da terra mantido polo estado imperial, que regularmente redistribuía a terra aos xefes de familia masculinos que, á súa vez, pagaban impostos en grans e produtos de tea. O sistema variou nos seus detalles en diferentes partes do imperio, pero foi un exemplo de supervisión e xestión estatal da actividade económica.

 Esta supervisión tamén se estendeu aos centros urbanos e os mercados. A lei imperial restrinxiu o número e a localización dos mercados e estableceu controis estritos sobre as súas operacións. Esta combinación de propiedades aristocráticas, de pequenas propiedades administradas polo estado e de mercados urbanos estritamente regulados non foi, en ningún sentido, un sistema feudal no seu funcionamento económico ou político8.

 No século IX, comezaron a producirse mudanzas nas cidades e o agro de China. A dinastía Tang fora profundamente sacudida pola rebelión de An Lushan (en 755-63) e a aristocracia establecida desde había moito tempo comezou a declinar. Pero mesmo antes disto, o éxito do sistema imperial de xestión económica dera lugar a conflitos dentro dos actores económicos.

 O seu potencial de crecemento e desenvolvemento excedeu os parámetros da supervisión estatal, e novas forzas comezaron a empurrar máis aló das regulacións do goberno. O poder da elite dominante e o control do espazo urbano por parte dos supervisores oficiais debilitáronse.

 Os mercados comezaron a estenderse fóra das áreas que foran designadas polo estado e a integrarse nas áreas residenciais. A propiedade privada das terras agrícolas estendeuse máis aló das grandes propiedades e as terras suxeitas a distribución gobernamental.

 A corte imperial mantivo un papel na produción e distribución de certos produtos básicos clave a través de monopolios gobernamentais, unha práctica que tivo as súas raíces séculos antes na dinastía Han. Pero o papel xeral do estado nos asuntos económicos declinou, do mesmo xeito que a base de clase do goberno imperial se alterou dramaticamente.

 A finais do século IX, novas rebelións destruíron gran parte da riqueza da elite e a andamiaxe institucional que lexitimara o seu poder e prestixio. Os campesiños rebeldes atacaron as propiedades dos ricos, mataron a moitos membros da elite e queimaron os documentos que validaban o seu estatus.

 A caída dos Tang en 907 conduciu ao caos das Cinco Dinastías e os Dezaseis Reinos, con pequenos estados rexionais que loitaron polo poder en guerras interminábeis, até que os irmáns Zhao estableceron a dinastía Song en 960 e reunificaron o imperio durante o período subseguinte. A guerra desta era de transición abriu o camiño para unha transformación da orde económica e política de China. A vella aristocracia se fora9.

 A medida que a dinastía Song (960-1279) consolidou o seu poder, xurdiu unha nova elite, baseada, teoricamente, no mérito a través da educación, pero na práctica era unha forma de dominación dos propietarios da terra máis enriquecidos. Esta clase proporcionaba os recursos para a educación dos seus fillos nas tradicións clásicas confucianas, filosofía que formou a base do sistema de exame civil imperial e que se converteu no principal vector de entrada á administración burocrática do imperio.

 Non todas as familias terratenentes produciron graduados ou funcionarios gobernamentais. A clase terratenente era máis extensa que o grupo de ‘literatos’ que formaba parte do persoal do estado imperial, e as relacións entre os membros desta clase na súa calidade de elites locais ou como representantes do poder imperial podían ser complexas. Esta clase normalmente se coñece, se cadra torpemente, como “nobreza”10.

 Esta reconfiguración da elite terratenente tivo lugar xunto co maior desenvolvemento dunha economía comercial en China. Os mercados proliferaron, entretecidos por redes de comercio a longa distancia que se estendían por todo o imperio e se vinculaban con sistemas globais fóra das fronteiras. Novos contornos de valorización e acumulación de capital tomaron forma dentro dunha economía cada vez máis monetizada.

 A división do traballo tanto dentro das empresas produtivas como na xeográfica rexional, así como a innovación tecnolóxica en curso, impulsaron melloras na produtividade. Os novos desenvolvementos nas operacións bancarias e financeiras facilitaron a mobilización e asignación de capital11.

 Esta é a clave para comprender o período moderno temperán que comezou nos séculos IX e X e continuou - con avances e retrocesos- ao longo dos seguintes oitocentos anos, a través de varias dinastías, até o comezo da era moderna no século XIX. O xurdimento da economía comercial capitalista moderna temperá en China e o seu desenvolvemento durante os anos seguintes é o que debe estudarse para comprender a China do «socialismo con características chinesas».

            III

 A “revolución comercial” de China na dinastía Song foi recoñecida desde fai moito tempo, comezando co traballo de Naitō Konan e as investigacións de Escola de historiadores marxistas en Xapón (Kioto) na década de 193012.

 Mais as limitacións intelectuais impostas pola ortodoxia do pensamento económico e histórico estalinista (cunha secuencia escalonada de desenvolvemento que se tiña que aplicar a todas as sociedades do mundo) significou que os marxistas non puideron estudar a unha China que tivo un sistema capitalista temperán, existente antes da chegada do imperialismo europeo no século XIX.

 China foi vista como parte do modo de produción asiático, un mundo que permanecera estático e inmutábel, cunha forma primitiva de feudalismo durante tres milenios13.

 A formulación orixinal de Marx do modo de produción asiático referíase principalmente á India e baseábase en información parcial e mesmo errónea. O seu coñecemento de China estaba fortemente limitado tanto polos prexuízos imperialistas da maioría dos investigadores da época, como polo diminuto acceso a fontes en idioma chinés, dispoñíbeis nese momento.

 A relevancia da China contemporánea debería obrigarnos a situar a economía política moderna temperá do xigante asiático nunha perspectiva máis seria. Deberiamos estudar a organización, a produción e a circulación da China moderna temperá en termos marxistas14.

 No volume un d’O Capital, Marx investiga e perfila as características claves do capitalismo, tal como se desenvolveu en Europa, particularmente en Inglaterra. No seu limiar á primeira edición, deixa en claro que, aínda que se baseou principalmente na análise da dinámica do capital en Occidente, ve estas características aplicábeis a unha definición máis ampla de capitalismo15.

 Comezando pola produción de mercadorías, é dicir, a produción para o intercambio no mercado, pasa a explicar o diñeiro como mercadoría universal, o proceso de valorización do capital (MCM’) baseado na explotación da forza de traballo, os mecanismos do traballo asalariado, a división do traballo como medio para maximizar esa explotación e o imperativo permanente de acumulación do capital. Estes son elementos chave que definen un modo de produción capitalista16.

 Todos estes factores están presentes en China desde a dinastía Song en diante. Os mercados floreceron e proliferaron, entretecidos por redes de intercambio que se estenderon polo imperio e se vincularon a sistemas rexionais e globais máis amplos. A produción de produtos básicos, con sofisticadas divisións do traballo tanto no territorio como dentro das empresas, expandiuse sistematicamente.

 O crecemento da manufactura capitalista de China, que ía desde o elaborado sistema de industrias téxtiles de seda e algodón até o enorme complexo de fornos de cerámica en Jingdezhen (o centro industrial máis grande do mundo antes do século XIX) tamén reformulou a esfera da produción agrícola17.

 En China o capitalismo temperán tamén reformulou a produción agrícola cun sofisticado sistema de propiedade privada da terra. A compra e venda de bens inmobles levábase a cabo e documentábase mediante o uso de contratos legalmente vinculantes a través do sistema xudicial imperial18.

 A agricultura comercializouse e a produción para a distribución do mercado nacional chegou a formar unha parte significativa da produción en provincias como Sichuan e Hunan. A agricultura de arrendamento e os xornaleiros agrícolas medraron en importancia. O traballo asalariado e subcontratado era fundamental para o sector manufactureiro en Jiangnan e, noutros lugares, eran os fiandeiros, os tecedores e os traballadores de cerámica e talladores de impresión en madeira. As folgas e outras formas de disturbios laborais eran recorrentes en cidades como Suzhou e Wuxi19.

 China é un espazo xeográfico grande e complexo, cunha variación considerábel e subunidades rexionais distintivas, chamadas macrorrexións20. Cada unha destas rexións é tan grande como un estado europeo importante. O capitalismo temperán en China non se desenvolveu por igual en todo o imperio.

 Algunhas rexións, como o noroeste ou o suroeste, estaban moito menos desenvolvidas comercialmente que outras (como a área de Jiangnan do delta do río Yangtzé, a costa sueste, o corredor ao longo da Gran Canal ou o longo val do Yangtzé). O capitalismo temperán de China foi máis evolucionado en Jiangnan, onde as redes de produción e distribución urbanas facilitaron a acumulación e despregamento de capital.

 Na historia europea, dada a fragmentación da autoridade política en territorios pequenos e conflitivos, a consideración da economía de Inglaterra como unha unidade de análise, en oposición a un conxunto europeo máis grande, foi a norma21.

 Pois ben, o punto non é que China fose como Europa (ou, propiamente, ao revés, dada a secuencia cronolóxica dos desenvolvementos do capital), senón que os atributos fundamentais do capitalismo, como se explica n’O Capital, tamén estiveron presentes, en formas históricas e culturalmente específicas.

 A economía política moderna temperá de China, unha forma distintiva do capitalismo temperán, xurdiu na dinastía Song e persistiu durante períodos de crecemento e contracción ao longo das seguintes eras Yuan e Ming e até o final da dinastía Qing.

 Dous aspectos desta traxectoria histórica son de particular interese para comprender o curso distintivo de desenvolvemento que caracterizou a modernidade temperá de China en contraste co camiño posterior da experiencia europea. Un é o lapso de tempo, este período estendeuse ao longo duns oito séculos; a outra é a natureza da formación e a interacción das clases.

            IV

 A modernidade temperá en China non foi un proceso lineal que conducise a unha economía industrial completamente moderna. O capitalismo chinés temperán, malia atravesar períodos de crecemento e transformación dinámicos, seguiu a ser esencialmente un capitalismo comercial ao nivel da manufactura, como se describe no capítulo 14 do primeiro volume d’O Capital22.

 Era un sistema de produción máis complicado que simples actividades artesanais dos fogares, agás no caso especial da cidade dos fornos de Jingdezhen, non existían empresas industriais a grande escala. A produción levábase a cabo a través de complexas redes de relacións sociais, en talleres e fogares.

 Mentres que a distribución foi administrada por redes de comerciantes que se estendían por múltiples provincias interconectadas, os mecanismos financeiros do crédito e a banca facilitaron o comercio a longa distancia23. Estas características estruturais xurdiron por primeira vez na dinastía Song e refináronse nas dinastías Ming e Qing. Mais o curso da vida económica, como a historia de China en xeral, non transcorreu mediante un progreso dócil e tranquilo.

 No século XII, os Song perderon o control da metade norte do imperio ante os invasores do nordeste chamados Jurchen, que estableceron a súa propia dinastía. No século XIII, o ascenso dos mongois sumiu o resto do Sur nunha guerra de resistencia de décadas que terminou co colapso da dinastía e a creación do reino do Yuan, en mans dos mongois.

 Estas guerras, e as políticas normalmente anticomerciais dos mongois durante o seu goberno, causaron unha gran destrución na economía de China. Os mongois dedicáronse ao comercio internacional de alto valor, pero a economía interna declinou durante o século que estiveron no poder, aínda que a rexión de Jiangnan máis desenvolvida parece que tivo mellores resultados que outras partes do imperio.

 Cando se fundou a dinastía Ming en 1368, despois de que China central fose devastada por enfermidades e rebelións que derrocaron o Yuan, o primeiro emperador foi activamente contrario á riqueza mercantil e promoveu unha visión fisiocrática da sociedade baseada na pequena propiedade da terra e na autonomía e suficiencia local, aínda que, por outra banda, a rede de estradas do propio imperio facilitou o rexurdimento do comercio de longa distancia24.

 Os séculos XV e XVI viron un rexurdimento dramático do capitalismo temperán xa que a produción e o comercio floreceron e a demanda internacional de produtos chineses como té, porcelana e téxtiles de seda e algodón trouxo cantidades cada vez maiores de prata (primeiro de Xapón e logo desde as minas do imperio español do Novo Mundo) a través do comercio de galeóns desde Manila25.

 As innovacións tecnolóxicas impulsaron melloras na produtividade e a calidade fixeron que as manufacturas chinesas fosen cada vez máis populares nos mercados globais. Pero a mediados do século XVII, as contradicións dentro da sociedade levaron ao colapso da dinastía Ming, e unha nova invasión dunha coalición non chinesa liderada polos manchús tomou o poder e instalou a dinastía Qing en 1644. No século XVIII China logra recuperarse dos traumas da transición dinástica e sobrevén unha era de prosperidade capitalista temperá26.

 En 1793, o rei británico Jorge III envía unha misión diplomática a China, encabezada por Lord George McCartney, para buscar novas relacións comerciais. Nese momento o emperador permite aos estranxeiros comerciar cun sistema regulado no porto de Guangzhou, coñecido polos occidentais como Cantón, no extremo sur do imperio. Os británicos, imbuídos da nova ideoloxía do libre comercio e na cúspide da súa Revolución Industrial, decidiron esixir a China abrir máis portos e permitir unha presenza diplomática permanente en Beijing.

 O emperador Qianlong rexeitou estas solicitudes e recordou aos británicos -nunha carta ao rei Jorge- que China tiña todo o que necesitaba dentro das súas fronteiras e non desexaba os produtos inferiores de Occidente. Pero, aínda que se mantivo esta política, unha combinación de factores nacionais e internacionais estaba a piques de poñer fin á temperá era capitalista moderna de China.

 Os límites da agricultura para soster un crecemento demográfico continuo comezaron a erosionar os niveis de vida, o auxe da economía industrial moderna de Inglaterra trouxo bens baratos que competiron exitosamente cos produtos domésticos de China e a forza militar británica obrigou o goberno Qing a abrir a nación ao imperialismo occidental. Comezaba unha nova era.

            V

 O capitalismo moderno temperán en China perdurou durante séculos, con períodos de expansión e contracción, pero cunha tracción persistente cara a unha maior sofisticación e produtividade, e coa acumulación de riqueza derivada da extracción de plusvalía da forza de traballo, de feito, o capitalismo temperán reviviu despois de cada era de destrución.

 Este longo proceso xerou un estrato adiñeirado de comerciantes e investidores, na súa maioría de extracción urbana -distintos da elite tradicional de terratenentes- que, a través do seu dominio do sistema de exames do servizo civil confuciano, controlaban os ordenamentos do goberno imperial.

 Dentro do eido discursivo do pensamento confuciano existía unha forte tradición de aversión á riqueza comercial e falta de respecto por quen vivía das ganancias do comercio. Os comerciantes e os seus fillos (e netos) estaban legalmente excluídos da participación no sistema de exames e, xa que logo, do poder político.

 Co xurdimento do capitalismo temperán e dunha elite comercial adiñeirada, estas ideas comezaron a ser desafiadas e transformadas por algúns intelectuais. Este cambio na cultura política foi impulsado polos intereses materiais dos produtores agrícolas e manufactureiros27.

 Aínda que os comerciantes nunca chegaron a ter un papel igualitario no sistema de exames (o estatus político da elite literaria / nobre) unha converxencia de intereses impulsou un lento proceso de axuste cultural que creou unha clase híbrida máis complexa que unha elite baseada puramente na terra ou o comercio.

 A medida que a economía de China se volveu máis diferenciada -coa especialización rexional na produción de certos produtos básicos e o conseguinte crecemento do comercio a longa distancia tanto de produtos manufacturados como de alimentos- a agricultura comercializada volveuse cada vez máis rendíbel e as familias de terratenentes buscaron novas formas de investir a súa riqueza.

 Como os comerciantes e investidores en actividades manufactureiras xeraban riqueza, moitos membros da elite comercial buscaron situarse socialmente como iguais aos literatos / aristócratas, en estatus e prestixio ao participaren no patrocinio de establecementos relixiosos, actividades culturais como coleccións de arte, bibliotecas ou construción de grandes mansións28.

 O encontro dos intereses das elites terratenentes e dos comerciais produciuse a través do proceso de investimento en actividades económicas. Os membros da elite literaria / nobre dirixiron parte da súa riqueza aos negocios de comerciantes e fabricantes, e compartiron as ganancias desas empresas.

 Estas estratexias económicas deron como resultado unha converxencia de intereses máis que unha relación de antagonismo. Isto é, en certo xeito, un marcado contraste coa historia do conflito de clases entre a burguesía en ascenso e a aristocracia feudal en Europa, pero non deixa de ter un paralelo. De feito, nun apuntamento de 1850 dun libro sobre a Revolución inglesa do século XVII do político francés François Guizot, Karl Marx describiu unha converxencia similar de intereses de clase:

 Esta clase de grandes terratenentes aliados coa burguesía... non estaba, como os terratenentes feudais franceses de 1789, en conflito cos intereses vitais da burguesía, senón en completa harmonía con eles. De feito, as súas propiedades non eran propiedade feudal senón burguesa. Por unha banda, proporcionaban á burguesía industrial a poboación necesaria para operar o sistema manufactureiro e, pola outra, estaban en condicións de elevar o desenvolvemento agrícola a un nivel correspondente ao da industria e o comercio. De aí os seus intereses comúns coa burguesía, de aí a súa alianza.29.

 A conxergencia de intereses entre a nobreza terratenente e a elite industrial e comercial da parte urbana de China persistiu, e profundouse, ao longo dos primeiros tempos modernos. Por suposto, ambos os lados das clases dominantes, dedicáronse á extracción de plusvalía dos traballadores, xa sexa en granxas, talleres, fogares ou no mercado. Esta hibridación tamén se reflectiu no pensamento económico e a política gobernamental.

 O estado imperial, aínda que non era un firme defensor dos intereses comerciais, normalmente desempeñaba un papel na vida económica beneficiando tanto á fabricación como ao intercambio. Neste sentido a construción, as estradas e canles eran un factor decisivo para facilitar o crecemento do comercio de longa distancia.

 A intervención do goberno nalgúns mercados de produtos básicos críticos, especialmente cereais30 variou ao longo do tempo, pero sempre foi complexa e certamente podería ser cualificada de polémica.

 Fundamental para a cultura política confuciana de China era a idea de que o propósito principal do estado era crear e manter condicións de estabilidade e seguridade que permitisen á xente obter o sustento nunha sociedade moderadamente próspera. Os debates sobre o mellor xeito de lograr este ideal poderían ser intensos, e en varios momentos predominaron diferentes orientacións políticas, pero o papel activo do estado na vida económica sempre foi parte desta mestura.

 O proceso de cambio intelectual e cultural foi máis aló do ámbito puramente económico.

 No limiar de Contribución á crítica da economía política, escrito en 1859, Marx sinala que, na produción         social da súa existencia, os homes entran en relacións definidas e necesarias, que son independentes da súa vontade, é dicir, relacións de produción correspondentes a unha determinada etapa de desenvolvemento das súas forzas materiais de produción. A totalidade destas relacións de produción constitúe a estrutura económica da sociedade, o fundamento real sobre o que xorde unha superestrutura xurídica e política e ao que corresponden determinadas formas de conciencia social31.

 En China, a medida que o capitalismo temperán se desenvolvía, a partir da dinastía Song en diante, tamén se formaron novas “formas de conciencia social” que reflectían estas novas realidades materiais. Isto fíxose especialmente evidente na dinastía Ming, xa que unha nova cultura mercantil, baseada en elementos do pensamento confuciano, articulou a hibridación da sociedade de elite de China.

 A integración de elementos de elite baseados na manufactura e o comercio cos literatos / aristócratas establecidos produciu novas ideas que revelaron a influencia mutua con novas crenzas e comportamentos culturais.

 O pensamento confuciano foi influído pola cultura de mercado, como o exemplifica o xurdimento de «libros de méritos e deméritos», unha forma de contabilidade moral na que os individuos elaboran balances da súa conduta, ou na produción de manuais de práctica empresarial que buscaban navegar a complexa relación entre a procura de ganancias e o mantemento de relacións sociais adecuadas de comunidade e estabilidade32.

 A forma de capitalismo que xurdiu en China durante o período moderno temperán estivo marcada por formas distintivas de relacións de poder. En lugar de desenvolver unha contradición antagónica entre unha clase burguesa urbana de comerciantes e fabricantes e unha aristocracia feudal conservadora de terratenentes, China desenvolveu unha elite híbrida na que os intereses de terratenentes e comerciantes converxeron e funcionaron como a clase dominante a través dos instrumentos legais establecido polo estado imperial.

 O itinerario histórico de China non conduciu a unha revolución burguesa que tomase o poder, senón que produciu un equilibrio de forzas e intereses de clase que permaneceu hexemónico a través de repetidas transicións dinásticas e que moldeou as políticas e prácticas do estado imperial.

 Ao goberno encomendóuselle, como mínimo, a tarefa de proporcionar a seguridade e a estabilidade necesarias para que as persoas puidesen obter os seus medios de vida, aínda que, o estado imperial, en máis dunha ocasión, desempeñou un papel proactivo na vida económica.

 Os monopolios gobernamentais en certos produtos básicos críticos utilizáronse para amortecer algúns dos excesos da oferta e a demanda e restrinxiron a procura de ganancias por parte do capital privado. Realizáronse intervencións nos importantísimos mercados de cereais para soster os consumidores en épocas de malas colleitas e escaseza. O estado imperial non era un actor mercantilista.

            VI

 Esta comprensión do pasado de China pode axudar a iluminar algúns aspectos das formacións económicas e políticas contemporáneas do país. China é hoxe unha sociedade que emerxe dun longo período de humillación e opresión a mans do imperialismo occidental, de axitación de décadas de conflito revolucionario e da devastación e morte producida pola invasión e ocupación xaponesa de 1937 a 1945.

 A orde moderna temperá de China foi incapaz de enfrontar a intrusión e a dominación estranxeira.

 A fins do século XVIII, o imperio Qing comezara a enfrontar serios desafíos económicos, co crecemento da poboación empuxando os límites da produción agrícola dentro dos sistemas establecidos de tenza da terra e das tecnoloxías produtivas.

 Entrementres, en Europa a revolución Industrial desataba inmensas capacidades produtivas e novas e poderosas capacidades militares que, combinadas coa ideoloxía do libre comercio promovida polos imperativos competitivos da produción capitalista (e as ideas de Adam Smith e outros economistas políticos), transformaron primeiro a economía británica e logo ao de Europa.

 Impúxose, entón, unha vaga de expansionismo colonialista que reconfigurou fundamentalmente a orde económica e política global.

 O capitalismo comercial chinés, de longa data, sucumbiu rapidamente á competencia estranxeira. O capitalismo industrial europeo reconfigurou as relacións globais, creando unha división planetaria do traballo dentro da cal China asumiu un papel subordinado, como fonte de materias primas e como mercado de produtos manufacturados europeos.

 O capital occidental e os gobernos nacionais que o servían desenvolveron e mantiveron o seu poder sobre a base do monopolio das tecnoloxías produtivas industriais. Este sistema colonial, que incluía unha posición semicolonial de China, mantívose até que a Unión Soviética comezou a desenvolver a súa propia capacidade industrial na década de 1920.

 No período de dominación occidental no campo chinés, a elite terratenente mantivo gran parte do seu poder e preeminencia cultural, pero, até alí, a riqueza diminuíu e a inestabilidade erosionou a cohesión social.

 O sistema imperial abaneou até o seu colapso final a principios do século XX, e seguiron case catro décadas de conflito político e invasión estranxeira, que destruíu innumerábeis vidas e empobreceu o país. En ausencia dun goberno nacional coherente, a extracción de excedentes da produción agrícola por parte das elites locais intensificouse mediante impostos de caudillos e das prácticas corruptas do réxime nacionalista do Kuomintang. A invasión xaponesa de 1937 e a guerra de resistencia que durou até 1945 trouxeron máis destrución á China tanto urbana como rural.

 Só co triunfo da revolución liderada polo Partido Comunista e o Exército Vermello se puxo en marcha a construción dunha nova China moderna. A reforma agraria, entre 1948 e 1952, eliminou os últimos vestixios da vella clase terratenente e creou as condicións para construír unha nova agricultura baseada na propiedade colectiva e o desenvolvemento planificado33.

 A economía industrial nacionalizouse por etapas e comezou a medrar mediante o despregamento da manufactura de acordo cos plans quinquenais desenvolvidos desde mediados da década de 1950 en diante.

 Os experimentos con diversas formas de xestión industrial buscaron novas formas de contribuír ao desenvolvemento dunha economía socialista moderna34. A axuda e asistencia técnica da Unión Soviética e dos estados socialistas de Europa do Leste foi crucial na primeira década da República Popular. China puido comezar a desenvolver un sector industrial moderno distinto ao do monopolio occidental.

 O camiño da construción socialista foi polémico e as profundas divisións sobre o mellor xeito de avanzar levaron a décadas de conflito dentro do partido e na sociedade. Os anos desde 1949 a 1979 foron testemuñas de éxitos e fracasos, avances e retrocesos.

 Lográronse melloras dramáticas na saúde pública, cun aumento significativo da media da esperanza de vida, mentres que a mortalidade infantil diminuíu. A infraestrutura nacional en transporte e comunicacións expandiuse masivamente, do mesmo xeito que os encoros e outros recursos hidráulicos, e o crecemento económico aumentou de media máis do 3 por cento por ano. Proporcionáronse servizos sociais básicos e estendeuse a educación á totalidade do país35.

 No entanto, en 1979 China seguía sendo un país pobre, xa que o crecemento da poboación anulou algúns dos aumentos na produción e o enfoque na industria pesada e a infraestrutura mantivo o consumo dos fogares en niveis básicos.

 Nunha serie de decisións a fins da década de 1970 e principios da de 1980, o Partido Comunista decidiu emprender un camiño de “reforma e apertura ao exterior (改革 開放), co obxectivo de desenvolver rapidamente a economía e reorientar a produción, tanto para satisfacer as necesidades dos consumidores nacionais como para crear un sector exportador que xerase un maior crecemento a través das ganancias e a acumulación de divisas.

 No centro deste proceso estaba a decisión de utilizar os mecanismos do mercado para desenvolver a economía produtiva. Noutras palabras, unha certa cantidade de capital privado podería funcionar dentro da economía, en conxunto ou en paralelo coas empresas estatais e outras formas de industria e agricultura socialistas. O capital estranxeiro sería benvido a empresas conxuntas, inicialmente limitadas a zonas económicas especiais, pero eventualmente estendéndose ao país en xeral.

 Non se trataba dun cheque en branco para unha nova clase capitalista. A decisión de adoptar o uso dos mercados como motor do desenvolvemento baseouse no papel chave do Partido Comunista no sistema político e económico de China. O partido continuou a ser a forza rectora da política e a práctica, e supervisaría o progreso do país cara a un nivel de prosperidade que puidese satisfacer as necesidades de todas as persoas e xerase unha orde social máis equitativa. Esta é a visión que se definiu como “socialismo con características chinesas” (Zhongguo tese shehui zhuyi, 中國 特色 社會主義)36.

 Aínda que non sen deficiencias e contradicións, a economía de China entrou nunha era de importante expansión como resultado destas políticas e prácticas. As taxas de crecemento da economía chinesa con frecuencia excederon o 10 por cento durante as seguintes tres décadas e, nos anos anteriores á COVID-19, seguiron crecendo en máis dun 6 por cento anual.

 A capacidade produtiva estendeuse rapidamente e adquiríronse tecnoloxías modernas, en parte mediante asociacións de empresas conxuntas con capital estranxeiro. China tamén comezou a investir fortemente en investigación e desenvolvemento, para avanzar en innovación tecnolóxica e reducir os insumos estranxeiros. Centos de millóns de persoas saíron da pobreza, os niveis de vida aumentaron drasticamente e China emerxeu no escenario mundial como un actor cada vez máis importante na escena internacional.

 A economía de China hoxe en día é un híbrido de empresas estatais e outras empresas de propiedade colectiva, que van desde grandes entidades nacionais até fábricas ou talleres a nivel de rexión ou concello (ao redor do 45 por cento da propiedade dos activos), e un sector privado que inclúe tanto empresas nacionais como empresas conxuntas internacionais (ao redor do 35 por cento da propiedade dos activos). Outro 20 por cento das empresas sitúase nunha zona intermedia, cunha combinación de propiedade pública e privada37.

 As empresas estatais, tanto a nivel central como local, forman o núcleo da economía produtiva e a infraestrutura, predominan tamén na banca e as finanzas e son a principal fonte de ingresos do goberno, mais o sector privado tamén asumiu proporcións importantes, cunha serie de corporacións de clase mundial que desempeñan papeis de liderado, cun número importante de multimillonarios.

 O sector privado representa actualmente un pouco máis da metade de todo o emprego na industria, máis do 40 por cento da poboación aínda vive e traballa no sector agrícola e a terra segue sendo propiedade do estado e alúgase aos campesiños. A produción tanto do sector industrial como agrícola, tanto en empresas públicas como en privadas, está orientada polos equilibrios do mercado.

 O fundamento das políticas de reforma pode entenderse en parte dentro dos parámetros teóricos da experiencia marxista e leninista. No Manifesto Comunista e en moitos outros escritos, Karl Marx e Frederick Engels foron claros sobre o poder dos mercados capitalistas para impulsar a innovación e o desenvolvemento. Tamén Lenin recorreu aos mecanismos de mercado coas Nova Política Económica (NEP) nos anos posteriores á Guerra Civil en Rusia.

 Porén, o poder dos mercados sempre ameaza con converterse nun monstro feroz, como o demo conxurado polo aprendiz de bruxo. É por iso polo que a escrupulosa supervisión do Partido Comunista é fundamental para o futuro de China38.

 Nunha discusión sobre o desenvolvemento das políticas de reforma en novembro de 2013, Xi Jinping expuxo a posición do partido: “En 1992, o XIV Congreso Nacional do Partido determinou que a reforma económica de China tiña como obxectivo establecer unha economía socialista, permitindo que o mercado desempeñase un papel na asignación de recursos baixo un macrocontrol estatal”.

 A seguir, engadiu: “aínda hai moitos problemas. O mercado carece de orde e moita xente busca beneficios económicos por medios inxustificados. Debemos consolidar e desenvolver inquebrantabelmente a economía pública, persistir no papel de liderado da propiedade pública, dar maior importancia ao papel da economía estatal e aumentar incesantemente a súa vitalidade, levantando o seu poder e forza39.

 Nos últimos anos, o partido e o goberno levaron a cabo unha agresiva campaña contra a corrupción, ampliaron a supervisión regulatoria da industria e das finanzas (tanto no sector público como privado) e promoveron os valores socialistas. Estas políticas e prácticas suxiren a complexidade e o dinamismo da relación entre o partido, o Estado e os actores económicos privados.

 Baixo as políticas de reforma, China agora ten capitalistas, pero non ten unha clase capitalista que poida controlar o estado e moldealo segundo os seus propios intereses. Os efectos prácticos do liderado do partido pódense ver nas formas en que os aspectos daniños da economía capitalista están sendo amortecidos e restrinxidos na actualidade.

 China continúa dedicando importantes recursos á eliminación da pobreza, un punto de referencia é o recente logro na provincia de Guizhou. En novembro de 2020 os concellos que quedaron atrás saíron definitivamente da pobreza.

 É certo que China debe seguir mellorando os medios de vida do seu pobo, pero está facendo un progreso constante nesa dirección. Estanse abordando os graves problemas ambientais, que alcanzaron o seu punto máximo na primeira década do século XXI40.

 China tamén está desenvolvendo unha cultura do que ás veces se chama «empresarios patrióticos»: capitalistas que entenden que, no socialismo con características chinesas, teñen un lugar un híbrido de mercados e planificación, unha mestura do público e o privado, e que os empresarios teñen a obriga de contribuír ao desenvolvemento non só das súas propias empresas, senón ao melloramento dos medios de vida da poboación41. O traballo do Departamento da Fronte Unida do partido ampliouse nos últimos anos para xestionar con eficacia a relación entre o partido e outros elementos sociais e políticos42.

 Agora con maior intensidade, o partido e o estado están aplicando políticas e accións prácticas para dirixir os recursos sociais cara a un maior desenvolvemento, e un programa de política cultural para asegurar que as operacións do capital privado estean integradas dentro dos obxectivos xerais do desenvolvemento socialista.

 Os traballadores en China non están obrigados a vender a súa forza de traballo no mercado. O sistema de propiedade socialista asegura que todos en China teñen recursos económicos suficientes para o seu mantemento. Todas as persoas están censadas o que permiten que teñan acceso gratuíto á educación, á atención médica e á terra do seu lugar de orixe.

 A importancia deste mecanismo de seguridade social demostrouse durante a crise de 2008. A caída da demanda de bens producidos e exportados desde China, deixos sen emprego a uns vinte millóns de traballadores en fábricas de Shenzhen e Shanghxi. Con todo, estes traballadores non foron abandonados á súa sorte, porque seguiron tendo dereito ao apoio do sistema socialista e regresaron ás súas aldeas de orixe para traballar cos seus familiares. A provisión ou ‘dedibao’ (低保), un ingreso básico de apoio nas zonas rurais, serviu para salvar o período de desemprego causado pola crise mundial.

 Despois da crise, co aumento da demanda internacional de produtos chineses a actividade recuperouse e os traballadores regresaron ao seu antigo emprego ou buscaron novas oportunidades, ningún se viu reducido á pobreza.

 Os traballadores tamén utilizan os mecanismos da legalidade socialista para defender os seus intereses económicos dentro dunha economía en rápido desenvolvemento.

 A Federación de Sindicatos de China exerce habitualmente os dereitos de protesta, petición e litixio. Tamén utiliza os tribunais para abordar cuestións que van desde os salarios, as condicións laborais, os perigos da contaminación ambiental ata é corrupción e o abuso de poder por parte de funcionarios.

 Máis aló das batallas da Federación Sindical, os traballadores chineses foron militantes na defensa dos seus intereses a través de protestas e folgas. Os traballadores toman a lei e os seus dereitos en serio e participan regularmente en accións directas para defender os seus intereses43. Na práctica tanto o Goberno como o Partido Comunista serven para conter os excesos e abusos dos elementos capitalistas e para manter o papel central da clase traballadora na vida económica e social.

 Todo isto non quere dicir que o capital non estea actuando por motivacións económicas, nin que a forza de traballo non xere plusvalía. Nesta etapa do proceso de desenvolvemento, con aspectos capitalistas mantense a obtención de ganancias privadas.

 Isto é parte do trato, parte do experimento no que se embarcou o Partido Comunista para desenvolver a economía produtiva e acumular riqueza para conducir un socialismo cunha «sociedade moderadamente próspera» (小康 社會) , a primeira etapa para lograr o nivel de abundancia que necesita unha sociedade comunista. Hai riscos e desafíos neste camiño.

 O crecemento que se logrou non estivo exento de custos. O uso de mecanismos de mercado implicou a aceptación das contradicións inherentes ao seu funcionamento. A desigualdade no país aumentou drasticamente, a contaminación ambiental converteuse nun problema grave, danando a saúde das persoas e socavando a calidade de vida.

 O Partido Comunista realizou grandes esforzos para abordar estas contradicións, pero mantivo o camiño da reforma. O proceso de experimentación e innovación que se desenvolveu no transcurso da era da reforma ás veces denomínase “cruzar o río tocando as pedras” (mozhe shitou guohe, 摸著 石頭 過河).

 No seu libro A transformación do socialismo chinés, Lin Chun escribe: “non é unha tarefa fácil usar a mercado para vencelo. Podería o capital privado ser simultaneamente «social» e servir aos intereses públicos? Podería un mercado así, eventualmente, superar o mercado capitalista mundial? Ao suscitar estas preguntas, debemos recoñecer unha obviedade, incluso unha sociedade socialista non pode evitar utilizar o capital... Así e todo, a diferenza entre capital e capitalismo indica a posibilidade de evitar que a lóxica do lucro colonice a esfera política, social e cultural da sociedade Noutros termos, o resultado do experimento chinés coa construción dunha economía de mercado socialista segue sendo unha cuestión aberta ao debate histórico”44.

 O notábel éxito de China para facer fronte á pandemia de COVID-19 e mobilizar todos recursos para abordar a saúde pública como un dereito humano, en contraste co catastrófico fracaso dos sistemas de atención médica capitalista dos Estados Unidos e Occidente, suxire que, aínda que queda moito traballo por facer, é posíbel que China estea no camiño cara á modernidade socialista. Botar unha ollada á historia da República Popular desde 1949 ofrece unha visión das complexidades da procura de China dun sistema socialista industrial moderno.

            VII

 Outra forma de considerar a era de reformas actual e a natureza da economía política chinesa do século XXI é desde a perspectiva da historia do capitalismo temperán neste país. As «características chinesas» deste socialismo pódense entender, en parte, como unha reorganización estrutural e cultural que retoma as tradicións sociais de antigo xorne.

 A complexa dialéctica da China actual que, xunto con animar, tamén restrinxe os mercados lembra dalgún xeito a hibridación dos axentes económicos públicos e privados en na era Song-Qing ou, dito doutro xeito, a formación dunha conciencia política e económica culturalmente específica dentro do amplo eido do pensamento e os valores confucianos.

 Isto non significa que a República Popular sexa simplemente unha nova versión do vello imperio. Ao contrario, significa que a política na China imperial e o actual “socialismo de mercado” constitúen dous modos de produción distintos que se poden entender mellor desde o punto de vista do materialista histórico. Para isto é necesario analizar os procesos globais da económica política chinesa e as correntes profundas que nos mostran unha continuidade histórica na vida material e cultural do xigante asiático.

 A diferenza chave é, por suposto, a natureza de clase do estado, na época imperial era o instrumento de dominio de clase da elite gobernante terratenente e comercial, pero que hoxe, co papel do Partido Comunista, o estado é en realidade comité de dirección para a construción dunha nova orde social baseada nos intereses e desexos da clase traballadora. Isto segue sendo un traballo en progreso, xa que a historia continúa avanzando.

 Apreciar as especificidades da historia de China dentro do marco xeral dunha perspectiva materialista histórica permítenos ir máis aló dun persoal universal da modernidade capitalista e os heteroxéneos camiños cara ao socialismo. Este modo de análise deberíanos permitir entender a complexidade das diversas etapas da sociedade chinesa.

 A perspectiva analítica derivada d’O Capital -e doutros escritos de Marx- non significa que debamos atopar a mesma totalidade en todos os lugares para poder aplicar unha definición precisa do capitalismo e encaixar a experiencia de diferentes pobos en diferentes lugares. Unha aplicación matizada dos métodos de Marx ás particularidades do lugar e do tempo produce resultados de utilidade práctica tanto na comprensión do pasado como no compromiso cos desenvolvementos políticos contemporáneos.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

1 Véxase, por exemplo, Yan Xuetong, Leadership and the Rise of Great Powers (Princeton: Princeton University Press, 2019); Zhang Weiwei, The China Wave: Rise of a Civilizational State (Hackensack, NJ: World Century Publishing, 2012); Yukon Huang, Cracking the China Conundrum: Why Conventional Economic Wisdom is Wrong (Oxford: Oxford University Press, 2017); Wang Hui, China’s Twentieth Century (London: Verso, 2016); Charles Horner, Rising China and Its Postmodern Fate (Athens, GA: University of Georgia Press, 2009).

2 O argumento de que China capitulou ante un sistema capitalista formulouse moitas veces desde o comezo da era das reformas. Véxase, entre outros, William Hinton, The Great Reversal: The Privatization of China, 1978–1989 (New York: Monthly Review Press, 1990); Eli Friedman, “Why China Is Capitalist: Toward an Anti-Nationalist Anti-Imperialism,” Spectre, July 15, 2020.

3 Proporciónase unha descrición básica en Richard von Glahn, The Economic History of China: From Antiquity to the Nine 19th Century (Cambridge: Cambridge University Press, 2016).

4 Para unha boa descrición en inglés da escritura chinesa sobre o modo de produción asiático durante a década de 1980, véxase Timothy Brook, The Asiatic Mode of Production in China (Armonk, NY: M. E. Sharpe, 1989). A erudición chinesa sobre historia económica e a cuestión dos “xermolos do capitalismo? inclúe, entre outras cousas, 傅衣凌。明清時代商人及商業資本。北京:中華書局,2007;李伯重。多視角看江南經濟史(1250–1850),北京:三聯書局,2003;萬明,主編。晚明社會變遷:問題與研究。北京:商業印書館, 2005.

5 Gran parte dos escritos sobre a historia de Chinesa séguense organizando sobre a base das dinastías imperiais. As categorías máis amplas son útiles para comprender as tendencias e os desenvolvementos a longo prazo, mais non existe un consenso sobre a terminoloxía acaíada. A maioría dos eruditos aceptan o termo antigüidade, pero algúns continúan referíndose ao período medio como medieval, mentres que o termo moderno temperán é adoptado por un número crecente de eruditos, pero con diferentes definicións de período. Algúns continúan preferindo o termo imperial tardío para este período. Para unha discusión crítica da periodización e unha caracterización dos últimos mil anos da historia chinesa, ver Richard von Glahn, “Imagining Premodern China,” in The Song-Yuan-Ming Transition in Chinese History, ed. Paul Jakov Smith and Richard von Glahn (Cambridge, MA: Harvard University Asia Center, 2003), 35–70.

6 Hsu Cho-Yun, Ancient China in Transition: An Analysis of Social Mobility, 722–222 BC (Stanford: Stanford University Press, 1965).

7 Zhang Chuanxi, Zhang Chuanxi, “Growth of the Feudal Economy,” in The History of Chinese Civilization: Qin, Han, Wei, Jin, and the Northern and Southern Dynasties (221 BCE–581 CE), ed. Yuan Xingpei, Yan Wenming, Zhang Chuanxi, and Lou Yulie (Cambridge: Cambridge University Press, 2012), 139–95. O uso do termo feudal no título deste capítulo reflicte a continua influencia das ortodoxias a era soviética.

8 Joseph P. McDermott e Shiba Yoshinbu, “Economic Change in China, 960–1279,” in The Cambridge History of China, vol. 5, part 2, Sung China, 960–1279, ed. John W. Chaffee e Denis Twitchett (Cambridge: Cambridge University Press, 2015), 321–436.

9 Nicolas Tackett, The Destruction of the Medieval Chinese Aristocracy (Cambridge, MA: Harvard University Asia Center, 2014).

10 O uso do termo nobreza é problemático, dada a súa derivación da historia social europea, mais está convencionalmente establecido na historia chinesa anglófona e retense aquí xunto cos literatos para caracterizar a natureza dual da elite terratenente como local e imperial.

11 Shiba Yoshinobu, Commerce and Society in Sung China (Ann Arbor: Center for Chinese Studies, 1992); William Guanglin Liu, The Chinese Market Economy, 1000–1500 (Albany: SUNY Press, 2015); McDermott and Shiba, “Economic Change in China, 960–1279.”

12 Joshua A. Fogel, Politics and Sinology: The Case of Naitō Konan (1866–1934) (Cambridge, MA: Harvard University Press, 1984).

13 Joseph Stalin, “Dialectical and Historical Materialism” and Other Writings (Graphyco, 2020).

14 Os esforzos anteriores para situar China en relación co desenvolvemento europeo do capitalismo resúmense en Timothy Brook e Gregory Blue, eds., imothy Brook and Gregory Blue, eds., China and Historical Capitalism: Genealogies of Sinological Knowledge (Cambridge: Cambridge University Press, 1999). Véxase tamén David Faure, China and Capitalism: A History of Business Enterprises in Modern China (Hong Kong: Hong Kong University Press, 2006). Para unha exploración da historia do capitalismo a nivel global, utilizando definicións non marxistas que inclúen dereitos de propiedade privada, contratos esixíbeis por terceiros, mercados con prezos receptivos e gobernos de apoio, ver Larry Neal e Jefferey G. Williamson, see Larry Neal and Jefferey G. Williamson, The Cambridge History of Capitalism, vol. 1, The Rise of Capitalism: From Ancient Origins to 1848 (Cambridge: Cambridge University Press, 2014).

15 Os estudos recentes destacaron as formas en que Marx tamén articulou, n’O Capital, os Grundrisse e noutros lugares, o recoñecemento de que o curso da historia e o desenvolvemento económicos europeos non era o único ou inevitábel camiño para todas as sociedades do mundo. Kevin B. Anderson, Marx at the Margins: On Nationalism, Ethnicity, and Non-Western Societies (Chicago: University of Chicago Press, 2016); Marcello Musto, The Last Years of Karl Marx, An Intellectual Biography (Stanford: Stanford University Press, 2020).

16 Karl Marx, Capital: A Critique of Political Economy, vol. 1 (London: Penguin Books, 1990).

17 Sobre o complexo industrial de Jingdezhen, véxase Anne Gerritsen, The City of Blue and White: Chinese Porcelain and the Early Modern World (Cambridge: Cambridge University Press, 2020).

18 Valerie Hansen, Negotiating Daily Life in Traditional China: How Ordinary People Used Contracts, 600–1400 (New Haven: Yale University Press, 1995); Madeleine Zelin, Jonathan K. Ocko e Robert Gardella, eds., Contract and Property in Early Modern China (Stanford: Stanford University Press, 2004).

19 Michael Marmé, Suzhou: Where the Goods of All Provinces Converge (Stanford: Stanford University Press, 2005).

20 G. William Skinner, editor, The City in Late Imperial China (Stanford: Stanford University Press, 1965).

21 Para unha discusión a fonda sobre a cuestión da comparabilidade, véxase Kenneth Pomeranz, The Great Divergence: China, Europe, and the Making of the Modern World Economy (Princeton: Princeton University Press, 2001).

22 Marx, Capital, vol. 1, 455–91.

23 Estas características do capitalismo comercial en China son comparábeis ás de Europa, como se describe en Jairus Banaji, A Brief History of Commercial Capitalism (Chicago: Haymarket, 2020).

24 Timothy Brook, “Communications and Commerce,” in The Cambridge History of China, vol. 8, The Ming Dynasty, 1368–1644, part 2 (Cambridge: Cambridge University Press, 1998), 579–707.

25 Arturo Giraldez, The Age of Trade: The Manila Galleons and the Dawn of the Global Economy (Boulder: Rowman e Littlefield, 2015).

26 Jie Zhao, Brush, Seal e Abacus: Troubled Vitality in Late Ming China’s Economic Heartland, 1500–1644 (Hong Kong: Chinese University of Hong Kong Press, 2018); Timothy Brook, The Confusions of Pleasure: Commerce and Culture in Ming China (Berkeley: University of California Press, 1999).

27 Margherita Zanasi, Economic Thought in Modern China: Market and Consumption, c. 1500–1937 (Cambridge: Cambridge University Press, 2020).

28 Praying for Power: Buddhism and the Formation of Gentry Society in Late Ming China (Cambridge, MA: Harvard-Yen-Ching Institute, 1996)..

29 Karl Marx, Surveys from Exile (Londres: Verso, 2010), 254.

30 William T. Rowe, Saving the World: Chen Hongmou and Elite Consciousness in Eighteenth Century China (Stanford: Stanford University Press, 2002).

31 Karl Marx, limiar e introdución a A Contribution to the Critique of Political Economy (Beijing: Foreign Languages Press, 1976), 3.

32 Cynthia Joanne Brokaw, Ledgers of Merit and Demerit: Social Change and Moral Order in Late Imperial China (Princeton: Princeton University Press, 2016); Richard Lufrano, Honorable Merchants: Commerce and Self-Cultivation in Late Imperial China (Honolulu: University of Hawaii Press, 1997).

33 William Hinton, Fanshen: A Documentary of Revolution in a Chinese Village (New York: Vintage, 1966).

34 Franz Schurmann, Ideology and Organization in Communist China (Berkeley: University of California Press, 1966).

35 Jean Chesneaux, China: The People’s Republic, 1949–1976 (New York: Pantheon, 1979).

36 A expresión “socialismo con características chinesas” pasou por un proceso de transformación. Orixinalmente se desenvolveu na década de 1950 no contexto dos esforzos de Mao Zedong por promover a súa visión do desenvolvemento económico a diferenza da experiencia soviética. Deng Xiaoping retomou o termo na década de 1980 e seguiu adaptándose á evolución das políticas en curso en China. Baixo Xi Jinping, ampliouse para se converter en «socialismo con características chinesas para unha nova era».

37 Nicholas Borst, “State-Owned Enterprises and Investing in China,” Seafarer, novembro de 2019.

38 Domenico Losurdo, “Has China Turned to Capitalism? Reflections on the Transition from Capitalism to Socialism,” International Critical Thought 7, no. 1 (2017): 15–31.

39 Xi Jinping, The Governance of China, I (Beijing: Foreign Languages Press, 2014), 83–86.

40 Barbara Finamore, Will China Save the Planet? (Cambridge: Polity, 2018).

41 “Chinese Entrepreneurs Urged to Show Patriotism,” Apple Daily, 14 de decembro de 2020.

42 Takashi Suzuki, “China’s United Front Work in the Xi Jinping Era: Institutional Developments and Activities,” Journal of Contemporary East Asian Studies 8, no. 1 (2019): 83–98.

43 Ching Kwan Lee, Against the Law: Labor Protests in China’s Rustbelt and Sunbelt (Berkeley: University of California Press, 2007).

44 Lin Chun, The Transformation of Chinese Socialism (Durham: Duke University Press, 2006), 251–52.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Montlhy Review on line, do 3 de marzo de 2021]

Volver