China: Prosperidade común

Xulio Ríos - 15 Set 2021

As novas orientacións reafirman a autoridade do PCCh e embridan as expectativas do sector privado, claramente suxeito ás previsións da política xeral desenvolvida polo Estado sobre a base da primacía dos valores sociais sobre os comerciais

 China é xa unha economía de ingresos medios altos. O PIB per capita en 2020 ascendeu a 10.516,6 dólares. Mais a segunda economía do mundo ocupa o posto 85 de 189 no Índice de Desenvolvemento Humano. A súa esperanza de vida (77,3 anos fronte aos 67,8 de 1981) ou a súa taxa de alfabetización (96,8%) é alta. En 2020 anunciou a erradicación da pobreza extrema. Así e todo, a desigualdade é moi elevada e a fenda entre o agro e a cidade e entre unhas rexións e outras segue sendo considerábel.

 A procura do crecemento rápido, a máxima eficacia económica e o desprezo da xustiza social conduciron a niveis de desigualdade superlativos: en 1978, ao comezo da reforma, o índice Gini era de 0,16 mentres que aínda hoxe en día, na China de Xi Jinping, en 2017 ascendía a 0,46, co pico máximo no 0,49 en 2008. Sen dúbida, o denguismo infravalorou as consecuencias daquelas políticas económicas orientadas ao crecemento a toda velocidade do PIB que, aínda que logrou a sorprendente transformación de China (38ª potencia do mundo en 1978 e 2ª desde 2011), converteu o país nun dos máis desiguais do planeta.

 Nos últimos lustros, a evolución foi errática. Na primeira década do novo século, a “sociedade harmoniosa” formulouse como ideal e o social mellorou a súa consideración. Mais o rumbo positivo non se puido manter. En 2015, por exemplo, xa en plena vixencia do xiísmo, o índice Gini ascendía a 0,462, pasando a 0,465 en 2016 e 0,467 en 2017. Iso malia manterse a retórica oficial de compromiso coa redución das desigualdades.

 As décadas de liberalización económica xeraron unha enorme riqueza, creando unha clase media de 340 millóns de persoas que gañan entre 15.000 e 75.000 dólares anuais. Prevese que ese número se afiance nos 500 millóns en 2025. Así mesmo, a finais de 2020, China contaba con 5,28 millóns de “millonarios” cunha riqueza familiar superior a 1 millón de dólares. Segundo un informe de Crédit Suisse, en 2020, o 1 por cento máis rico dos chineses posuía o 30,6 por cento da riqueza do país, fronte ao 20,9 por cento de hai dúas décadas. Non é estraño, xa que logo, que se demande un correctivo atendendo a consideracións socioeconómicas, políticas e ideolóxicas.

 A orixe da expresión prosperidade común remóntase a 1953, nun contexto marcado pola colectivización e ligado, polo tanto, á propiedade colectiva e á posta en común dos recursos dispoñíbeis. O enfoque actual desmárcase de todo aquilo e tamén matiza o enfoque denguista. Na reformulación que supuxo a “reforma e a apertura” a partir de 1978, avalouse a idea de que “certas rexións e grupos de persoas se enriquecesen primeiro”. O debate sobre a prosperidade común e o enriquecerse primeiro estivo presente na axenda chinesa a finais dos anos setenta sobre a base dunha superación progresiva das restricións do pasado igualitarista considerado “empobrecedor”.

 A formulación abandeirada agora inclúe a xeración de condicións máis inclusivas e xustas para que a sociedade teña acceso a unha mellor educación e amplíe as súas capacidades de desenvolvemento, así como a facilitación dunha contorna económica que ofreza oportunidades para que máis persoas se enriquezan. Tamén contempla a definición dun sistema de políticas públicas e un mecanismo de distribución razoábel que beneficie a todos e faciliten o benestar social e garantan a satisfacción das necesidades básicas.

 E restricións. O novo enfoque tamén promove, por exemplo, unha “regulación máis estrita dos salarios altos”. A mensaxe aos grupos e empresas con altas marxes de beneficio é que deben devolver máis á sociedade, establecendo que a prioridade agora é a “prosperidade para todos”. Tencent, unha empresa de referencia, non perdeu o tempo e anunciou un plan para duplicar o seu fondo dedicado a causas sociais, destinando 50.000l millóns de iuáns adicionais (7,7 mil millóns de dólares) para apoiar accións deste tipo. Alibaba fixo o propio. E outras seguirán a estas. Este enfoque máis social coincide coa presión regulatoria e anticorrupción contra algúns dos empresarios máis ricos de China.

 China quere acelerar a transición no modelo económico do país, co obxectivo de lograr unha maior preponderancia do sector dos servizos e o consumo, en detrimento das exportacións e a construción de obras públicas. Para iso, é indispensábel e urxente abordar a desigualdade na distribución da riqueza e a protección social nun contexto de aceptación de certa disparidade.

 As novas orientacións reafirman a autoridade do PCCh e embridan as expectativas do sector privado, claramente suxeito ás previsións da política xeral desenvolvida polo Estado sobre a base da primacía dos valores sociais sobre os comerciais. Isto implica que as empresas privadas chinesas deberán incrementar os seus obxectivos sociais nunha dinámica ascendente que, probabelmente, tanto na súa dimensión teórico-conceptual como práctica, se dilucidará no futuro.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la Política China, do 10 de setembro de 2021]