China, os Estados Unidos e a disputa tecnolóxica

Vijay Prashad - 03 Mar 2025

Os Estados Unidos saben que o principal interese de Rusia é obter garantías de seguridade que impidan que armas nucleares intermedias sexan despregadas en estados veciños con capacidade de ameazar as súas cidades. Pola contra, perciben China como unha ameaza existencial de maior envergadura

 No seu primeiro mes de regreso á Casa Branca, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, manifestou o seu interese en anexar Grenlandia e en mediar un acordo de paz para Ucraína que incluíse o acceso aos minerais e metais dese país. É importante salientar que Grenlandia xa foi obxecto de disputas debido aos seus vastos xacementos de minerais de terras raras, como o disprosio, neodimio, escandio e itrio (existen 17 minerais de terras raras esenciais para calquera tecnoloxía avanzada). Ao ser Grenlandia parte de Dinamarca, réxese polas normativas da Unión Europea (UE). En 2011, a UE publicou unha listaxe de materias primas críticas que incluía estes minerais de terras raras. Posteriormente, en 2023, a UE aprobou a Lei de Materias Primas Críticas, co obxectivo de fomentar a produción nacional e a importación destes minerais e metais estratéxicos no continente.

 Doutra banda, Ucraína posúe unha riqueza considerábel de metais de terras raras (desde apatita até circonio), ademais de reservas de litio e titanio. Trump exixiu ao goberno ucraíno polo menos 500.000 millóns de dólares por estas reservas como pagamento polo apoio estadounidense na guerra. “Quero asegurar o acceso ás terras raras”, declarou Trump aos xornalistas a principios de febreiro, cun ton que evocaba a un personaxe d’O señor dos aneis.

 Na actualidade, tanto os Estados Unidos como Europa dependen case por completo das importacións de China para obter estes metais cruciais de terras raras. A fins de decembro de 2024, en resposta ao endurecemento das sancións e aranceis estadounidenses contra o sector tecnolóxico chinés, o goberno chinés prohibiu a exportación a  Estados Unidos de antimonio, galio e xermanio, así como de materiais superduros (materiais cunha dureza superior a 40 gigapascales ou GPa).

 Durante o goberno do expresidente Joe Biden, os Estados Unidos tentaron frear o avance tecnolóxico de China en intelixencia artificial e fabricación de semicondutores (chips) restrinxindo a exportación de memoria de gran largo de banda (HBM) a China. A capacidade de China para exercer presión sobre a cadea de fornecemento xerou unha crise en Occidente, o que explica por que Trump volveu pór o punto de mira en Grenlandia e nas reservas de terras raras de Ucraína.

 Desde a perspectiva da seguridade nacional dos Estados Unidos, buscar un cesamento do fogo en Ucraína ten total sentido. Esta guerra non lle reporta ningún beneficio ao país e converteuse nunha cuestión de prestixio para as elites europeas. Se Trump logra renovar as relacións con Rusia, podería aproveitar ese achegamento para asegurar dereitos sobre os minerais e metais de Ucraína, ademais de exercer control sobre os recursos de Grenlandia (en lugar dunha anexión directa).

 Con todo, o obxectivo principal dos Estados Unidos ao reactivar os seus vínculos con Rusia sería debilitar a alianza entre este país e China. Trátase da “estratexia Kissinger á inversa”. Baixo a presidencia de Richard Nixon, o asesor de Seguridade Nacional Henry Kissinger impulsou, a fins da década de 1960, un achegamento a China co obxectivo de illar a Unión Soviética. En contraste, a estratexia de Trump busca illar a China debilitando os seus vínculos con Rusia. O 4 de febreiro de 2022, China e Rusia asinaron un acordo de amizade “sen límites”. As tropas rusas invadiron Ucraína 20 días despois e, malia certas reservas iniciais, China apoiou a Rusia durante todo o conflito. Por esta razón, é pouco probábel que Rusia acepte unha estratexia Kissinger á inversa, aínda que existen sectores dentro da elite rusa que desexan un achegamento a Occidente.

 Para os Estados Unidos, forzar un cesamento do fogo en Ucraína non representa unha gran perda. Rusia non constitúe unha gran ameaza real para o control estadounidense da economía mundial. O seu papel limítase principalmente a ser un exportador de materias primas, como petróleo, gas natural e outros minerais e metais. Os Estados Unidos saben que Rusia non recorrerá ao seu arsenal nuclear, porque facelo sería suicida. Entende que o principal interese deste país é obter garantías de seguridade que impidan que armas nucleares intermedias sexan despregadas en estados veciños con capacidade de ameazar as súas cidades.

 En contraste, os Estados Unidos perciben China como unha ameaza existencial de maior envergadura. Nas semanas posteriores ao anuncio de Trump sobre aranceis e posíbeis anexións, unha pequena empresa chinesa presentou unha plataforma de aprendizaxe automática de código aberto chamada DeepSeek, que supera amplamente a estadounidense ChatGPT en tarefas técnicas e matemáticas. Ao mesmo tempo, ante a inminente prohibición da plataforma de redes sociais TikTok nos Estados Unidos, os seus usuarios e usuarias non migraron a alternativas occidentais, senón á plataforma chinesa Xiaohongshu (tamén coñecida como Rede Note). Por último, o dispositivo de fusión nuclear chinés Experimental Advanced Superconducting [Supercondutor Experimental Avanzado] Tokamak (EAST, pola súa sigla en inglés) logrou, segundo Physics World, “producir un plasma de alto grao de confinamento en estado estacionario durante 1.066 segundos, superando a marca anterior de 403 segundos estabelecido polo mesmo EAST en 2023”. Este avance representa un paso crucial cara ao desenvolvemento dunha central de fusión, unha tecnoloxía prometedora que podería ofrecer enerxía limpa case ilimitada e sen residuos radioactivos significativos.

 Estes avances non son froito do azar, senón resultado da planificación a longo prazo do goberno chinés, encabezado polo Partido Comunista. Desde o inicio das reformas de 1978, China foi cautelosa ao permitir a entrada de capital e industria estranxeiros, asegurando que isto represente un beneficio para a súa propia economía. O devandito beneficio materializouse a través da transferencia de tecnoloxía e coñecemento científico a cambio de acceso ao mercado chinés, un acordo que as empresas do Norte Global, ansiosas por aproveitar unha man de obra altamente cualificada con salarios baixos, aceptaron sen dubidar.

 O goberno chinés investiu no sistema de educación superior, fomentou a innovación privada e destinou o excedente das súas exportacións á construción de infraestrutura. Esta estratexia permitiu que o sector industrial do país mellorase as súas forzas produtivas e avanzase máis aló da produción intensiva en man de obra ou baseada en tecnoloxías anticuadas.

 Cando o presidente Xi Jinping utilizou a expresión “novas forzas produtivas de calidade” durante unha visita á provincia de Heilongjiang en setembro de 2023, esta idea xa se materializou coa aparición de novas fábricas en toda China (en particular as chamadas “fábricas escuras”, completamente automatizadas). En marzo de 2024, na reunión das Dúas Sesións a expresión foi incorporada ao informe de traballo do goberno. Máis tarde, en xullo de 2024, o Terceiro Pleno afondou no concepto, destacando a necesidade de impulsar “avances tecnolóxicos revolucionarios, asignación innovadora das forzas produtivas e unha transformación e modernización industrial en profundidade”.

 O Instituto Australiano de Política Estratéxica, fundado polo goberno de Australia en 2001 e financiado parcialmente polo exército dese país, desenvolveu un Rastrexador de Tecnoloxías Críticas que fai seguimento polo miúdo de 64 tecnoloxías chave. O seu último informe, publicado en agosto de 2024, ofrece unha avaliación de 21 anos sobre que países lideran o desenvolvemento destas tecnoloxías críticas. Entre 2003 e 2007, os Estados Unidos encabezaban 60 das 64 tecnoloxías, mentres que China só lideraba 3. Con todo, entre 2019 e 2023, os Estados Unidos lideraron unicamente 7 das 64 tecnoloxías, mentres que China dominou 57.

 China tomou a dianteira en áreas tan diversas como o deseño e fabricación de circuítos integrados avanzados (produción de chips semicondutores), sensores gravitacionais, computación de alto rendemento, sensores cuánticos e tecnoloxía de lanzamento espacial. Pola súa banda, os Estados Unidos manteñen o seu liderado en reloxos atómicos, enxeñaría xenética, medicamento nuclear e radioterapia, informática cuántica, satélites pequenos, e vacinas e contramedidas médicas. O informe destaca que “os enormes investimentos de China e décadas de planificación estratéxica están a dar os seus froitos”. Este compromiso coa innovación estendeuse por toda a sociedade chinesa. Na Nova Área de Lingang, de Shanghái, o goberno local implementou políticas para desenvolver un polo industrial con capacidade informática de alto nivel, co obxectivo de acelerar a innovación industrial a través das novas forzas produtivas de calidade.

 En contraste, o goberno de Trump anunciou recortes drásticos no financiamento da ciencia nos Estados Unidos. A finais de xaneiro, publicouse un ensaio de Chatham House cun título urxente: “O mundo debería tomar en serio a perspectiva do dominio tecnolóxico chinés e empezar a prepararse xa”. Resulta rechamante que o titular non se centrase directamente nos Estados Unidos, senón no “mundo”, xa que ao autor o descacougaba que “ante o escenario máis extremo, China podería eclipsar os Estados Unidos rapidamente”.

 En 1891, o poeta e diplomático chinés Huang Zunxian (1848-1905), xa falecido, subiu en ascensor ao miradoiro da Torre Eiffel, inaugurada apenas dous anos antes. Huang escribiu un poema, “Ao subir á Torre Eiffel” (登巴黎铁塔), sobre a extraordinaria vista que gozou desde alí, contemplando os “millóns de acres das terras máis fértiles do mundo”. Aínda que a tecnoloxía que lle permitía admirar aquela paisaxe o abraiaba, o que vía no terreo resultáballe moito menos cativador: “Toda Europa é un antigo campo de batalla./ O seu pobo ama a guerra e non cede con facilidade./ Hoxe, seis grandes emperadores reparten o continente,/ cada un gabándose de ser o líder máis forte do mundo./ Estes homes tipos parécense aos proverbiais reis nunha cuncha de caracol, /que perderon o tempo anotando vitorias e derrotas”.

 Hoxe, pouco cambiou salvo a linguaxe do campo de batalla: aranceis, medidas coercitivas unilaterais, mísiles nucleares intermedios e a cúpula de ferro.

 Durante a pandemia, a consigna da India, foi “colaboración, non confrontación”. Sería moito máis beneficioso que os Estados Unidos optasen por cooperar con China en favor do benestar do planeta, en lugar de frear o seu desenvolvemento.

 

[Artigo tirado do sitio web The Tricontinental, do 27 de febreiro de 2025]


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.