China e a formación dunha fronte sur global socavan a hexemonía dos Estados Unidos
Os países africanos volvéronse cara a China desde hai varios anos, dando as costas ás antigas potencias coloniais. China é un modelo a copiar por moitos países africanos, pois o xigante asiático sacou da pobreza 800 millóns de persoas en menos de tres décadas. Desde hai varios anos, China adoptou unha política comercial no continente negro baseada no intercambio de materias primas e a construción e financiamento de infraestruturas
A guerra en Ucraína, por importante que sexa, é só un aspecto da confrontación global entre Rusia e Occidente, é dicir, os Estados Unidos e os seus aliados máis próximos en Europa Occidental e Xapón. Dentro deste enfrontamento, China tamén está a adquirir un papel cada vez máis importante, labrando unha posición de mediador internacional.
A competencia desenvólvese en varias áreas: a desdolarización, é dicir, a substitución do dólar como moeda de cambio global, a conquista de materias primas e, a nivel xeoestratéxico, a construción dunha fronte do Sur global, que está a estabelecer lazos cada vez máis estreitos con China e Rusia.
Este último aspecto é de primordial importancia, porque a construción dunha fronte do Sur global, de países non aliñados sinala un cambio histórico con consecuencias sen precedentes nos equilibrios globais de poder.
Evidentemente todos os cambios históricos teñen unha incubación a longo prazo, pero sofren aceleracións repentinas que os fan evidentes. Así ocorreu coa guerra de Ucraína que se está convertendo nun campo de probas para a construción dunha fronte global que pode socavar a hexemonía mundial estadounidense, que se prolongou ininterrompidamente desde o final da Segunda Guerra Mundial.
A formación dunha fronte do Sur global aparece visíbel na ONU durante as votacións das resolucións de condena a Rusia por Ucraína. Xa o 2 de marzo de 2022, pouco despois do inicio das hostilidades, 35 países se abstiveron.
Aparentemente, este é un número pequeno, mais en realidade estes 35 países, xunto cos que votaron en contra da resolución, representan máis da metade da poboación mundial, incluídos xigantes como China, A India, Paquistán, Bangladesh, Etiopía, Vietnam e Irán, que por si sós atinxen case os 3.600 millóns de habitantes.
Cómpre sinalar que entre as 35 abstencións hai 17 países africanos e outros 8 países do continente estiveron ausentes durante a votación (Eritrea votou en contra da resolución). Recentemente, na votación de finais de febreiro de 2023, que pedía a retirada das forzas armadas rusas de Ucraína, houbo 32 abstencións e 7 en contra, incluído, por primeira vez, o estado africano de Malí.
África é o continente onde a hexemonía estadounidense e europea parece estar máis en declive. Entre os abstencionistas da ONU tamén está Suráfrica, que realizou entre o 17 e o 27 de febreiro, exercicios militares nas súas costas xunto ás Forzas Armadas de China e Rusia. Ademais, agora hai varios estados que foron colonias francesas que se están desvinculando da protección e influencia gala. Entre eles está Burkina Faso, que recentemente pediu a Francia que retirase os 400 soldados despregados nese país, mentres o seu actual goberno pretende achegarse a Rusia. Neste sentido, hai que lembrar as exitosas viaxes do chanceler ruso, Lavrov, ao continente africano.
O choque entre Occidente e China e Rusia prodúcese, sobre todo, pola explotación dos enormes recursos minerais africanos. O máis destacado é que o continente, tras lograr a independencia hai varias décadas, seguiu dependendo das potencias europeas que mantiveron o control sobre as súas antigas colonias. Este neocolonialismo manifestouse non só desde o punto de vista económico senón tamén desde o punto de vista político-militar como o demostran as numerosas misións das Forzas Armadas francesas nos últimos anos.
Un instrumento de control económico e drenaxe dos recursos locais cara a Francia é sobre todo o franco CFA, unha moeda garantida polo Tesouro francés, que é adoptada por varios países africanos, pero cuxo dominio hoxe parece estar nun proceso de cambio fundamental . En efecto, o 21 de decembro de 2019, os países de África occidental acordaron emitir a súa propia moeda, o que lles permitirá abandonar o franco CFA. Segundo expertos analistas, a nova moeda, o ECO, podería estar vinculada á moeda chinesa, o iuan-renminbi, para evitar flutuacións perigosas nos mercados.
Os países africanos volvéronse cara a China desde hai varios anos, dando as costas ás antigas potencias coloniais. China é un modelo a copiar por moitos países africanos, pois o xigante asiático sacou da pobreza 800 millóns de persoas en menos de tres décadas. Desde hai varios anos, China adoptou unha política comercial no continente negro baseada no intercambio de materias primas e a construción e financiamento de infraestruturas.
Moitos países obtiveron empréstitos con China, en parte porque tanto o Fondo Monetario Internacional como o Banco Mundial adoitan vincular o crédito a requisitos inalcanzábeis. Os efectos dos programas impostos polo Banco Mundial, coa concesión de empréstitos condicionados á aprobación de reformas estruturais orientadas ao libre mercado, foron desastrosos. Polo menos 16 países africanos, despois de cumpriren coas demandas do Banco Mundial, quedaron fóra da listaxe de economías en crecemento. Polo tanto, a chegada de China con capital, know-how, proxectos de baixo custo e man de obra cualificada foi vista polos países africanos como unha oportunidade que non debían perder.
A estratexia chinesa da Iniciativa da Franxa e a Ruta débese ver no contexto da cooperación internacional para o desenvolvemento. O enfoque chinés é do tipo «gañar-gañar», é dicir, beneficio mutuo tanto para China como para os países socios. Este enfoque maniféstase especialmente en telecomunicacións dixitais; neste campo China exporta as súas empresas tecnolóxicas e ao mesmo tempo promove a través do traspaso de modernas tecnoloxías a emancipación dos países integrantes das “novas rutas da seda”.
China semella ter unha mellor posición que os Estados Unidos, país que exclúe a priori a transferencia de tecnoloxía estratéxica aos países africanos, que por tanto se ven inclinados a negociar con China. O desenvolvemento das redes físicas e dixitais tamén está moi ligado aos plans chineses de internacionalización financeira. En particular, o goberno chinés pretende facer da súa moeda, o iuan-renminbi, unha moeda global, reducindo o poder desmesurado do dólar.
Nos últimos anos, o papel do iuan-renminbi aumentou considerabelmente como moeda comercial e como moeda de reserva. A moeda chinesa é a cuarta divisa máis negociada do mundo, despois do dólar, o euro e o ien xaponés. Segundo o banco central chinés, as transaccións en iuans aumentaron un 15% en 2022, o que representa o quinto ano consecutivo de crecemento, en comparanza con 2021. Outro golpe chinés ao dólar foi en América Latina, considerado o patio traseiro de Estados Unidos. Aquí Arxentina e Brasil fortaleceron as súas reservas en iuans, para ter un amortecedor fronte á política financeira estadounidense.
No ataque ao dólar Rusia tomou a dianteira tratando de atraer os países africanos a un bloque económico non relacionado coa influencia estadounidense e encabezado polos países BRICS. Entre os obxectivos destas nacións está a denominada desdolarización, é dicir, a substitución do dólar por moedas nacionais nos intercambios intrazonas.
Mais a acción económica e político-diplomática de China non se limita a África e América Latina; esténdese a Oriente Medio, zona decisiva pola presenza das maiores reservas de materias primas enerxéticas, especialmente as de petróleo.
China foi mediadora nos acordos que supuxeron o achegamento de dous países centrais de Oriente Medio: Arabia Saudita e Irán. Este é un resultado sensacional, porque Arabia Saudita foi un aliado próximo dos Estados Unidos desde o final da Segunda Guerra Mundial e agora achégase á República Islámica de Irán, inimigo xurado dos Estados Unidos. En realidade, a mediación de China representa un revés histórico e estratéxico para a diplomacia estadounidense en Oriente Medio.
Tamén hai que engadir que as sancións contra Rusia tiveron un efecto contraproducente para os Estados Unidos e Europa. De feito, o bloqueo dos investimentos rusos en bancos occidentais alertou a todos os países emerxentes que teñen investimentos en bancos occidentais, tanto que Washington e Wall Street que temen unha retirada masiva de diñeiro. Un exemplo é o que lle sucedeu a Credit Suisse, que se arriscou á bancarrota porque o banco saudita que posúe a maior participación accionaria se negou a ofrecer asistencia financeira ao banco suízo en problemas.
En resumo, podemos observar como a guerra de Ucraína está a acelerar algúns procesos internacionais que se veñen xestando desde hai tempo. En particular, a desaliñamento cos EUA de moitos países na chamada periferia do sistema económico mundial, especialmente os de África. En Occidente fálase moito do illamento internacional de Rusia, pero si ampliamos a ollada a nivel mundial, podemos observar que o illamento de Rusia é menor do que parece nunha visión limitada de Occidente. O que parece é que o equilibrio de poder global entre China e os EUA está a cambiar, cunha mellora nas posicións de China.
O dragón está a gañar crédito non só como superpotencia económica, senón tamén a nivel diplomático, como intermediario da paz non só no conflito ruso-ucraíno senón tamén a nivel mundial. Seguramente China ten os seus propios intereses económicos e políticos. Porén, o enfoque económico de «gañar-gañar» e o feito de que, a diferenza de Estados Unidos, non busca, a través do comercio e as finanzas, impor a súa liña política a outros países. Tamén cómpre sinalar que a Republica Popular China, novamente a diferenza dos EUA, nunca recorreu á guerra como instrumento da súa política internacional.
No caso do acordo entre Irán e Arabia Saudita, a diferenza de enfoque é notoria: mentres os estadounidenses sempre explotaron e acentuaron as diferenzas relixiosas no mundo islámico, en particular entre xiítas e sunitas, China traballou para superalas. De todos os xeitos, máis aló da confrontación entre os Estados Unidos e China, é de primordial importancia observar como se está formando un Sur global que, despois da descolonización política, está a entrar nunha nova fase, a da descolonización económica.
Neste sentido, son significativas as palabras pronunciadas en marzo de 2021 polo chanceler ugandés, Sam Kutesa, referíndose aos chineses: “O pobo chinés participou nas loitas de liberación africana, nas guerras anticoloniais e agora asístennos na nosa economía e emancipación».[i]
_____________________________________________________________________________
Notas:
[i] Alessandra Colarizi, Africa rossa. Il modello cinese e il continente del futuro, edicións L’asino d’ouro , Roma 2022.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 31 de marzo de 2023]