China: A economía segue a dar pé a diversas interpretacións
Unha das chaves deste espectacular crecemento e desenvolvemento baseouse na capacidade chinesa de trazar o seu propio rumbo, mantendo o seu sistema de «socialismo con características chinesas». En todo momento, China soubo manter o seu propio modelo, aplicando novas reformas, desenvolvendo a economía e buscando a estabilidade macroeconómica e social
Moitas análises teñen problemas para explicar o éxito de China, e por iso adoitan finxir que non existe ou que será por pouco tempo. Para a maioría da xente, a economía chinesa é un enorme crebacabezas, un xigante incomprensíbel como ningún outro. Para algúns, o seu desenvolvemento parece imitar o doutras economías; para outros, parece desafiar a lóxica e non seguir ningún patrón familiar.
A economía de China é unha capa de moitas cores. É a economía máis grande do mundo nalgúns aspectos, pero aínda ten outros aspectos por desenvolver.
Nos últimos 40 anos, China pasou de ser unha das nacións máis pobres do mundo a se converter nun país de ingresos medianos altos e a segunda economía máis grande do mundo, sacando por centos de millóns de persoas da pobreza.
Como maior exportador e segundo importador do planeta, a súa sorte afectou a case todas as economías e a todas as industrias, e é de enorme importancia para as empresas internacionais e os mercados financeiros globais.
Ese desenvolvemento veu marcado por unha serie de factores: a demografía, a etapa inicial de desenvolvemento en 1978, a transición desde a plena propiedade estatal e a planificación central, a sociedade dual urbano-rural e unha estrutura de goberno descentralizada.
Temas como o mercado inmobiliario, a acumulación de débeda e os desafíos ambientais engadíronse á listaxe de factores para ter en conta. Probabelmente, se somos capaces de analizar conxuntamente esas contradicións achegarémonos a unha imaxe máis real e completa da economía chinesa.
«Socialismo con características chinesas»
Unha das chaves deste espectacular crecemento e desenvolvemento baseouse na capacidade chinesa de trazar o seu propio rumbo, mantendo o seu sistema de «socialismo con características chinesas», e tirando leccións do seu devir nestas catro décadas. Os desafíos de finais do século pasado (anos 70 e despois de 1989) parecían insuperábeis, provocando un intenso debate interno na dirección do país. As dificultades económicas superadas a finais do noventa foron de maior calado que as actuais.
En todo momento, China soubo manter o seu propio modelo, aplicando novas reformas, desenvolvendo a economía e buscando a estabilidade macroeconómica e social, e achegando, ademais, un enfoque tradicionalmente pragmático, adaptativo e a longo prazo.
Os actuais desafíos levan tempo na axenda dos dirixentes chineses. Hai anos que puxeron sobre a mesa diversos plans para ir paliar os cambios e retos que afrontan.
Apostan polo incremento da demanda interna, unido a un auxe dos ingresos da poboación; unha mellora do capital humano (educación, máis gasto en I+D) e unha política industrial para avanzar tecnoloxicamente, así como unha distribución do ingreso vía políticas de «prosperidade común» (melloras de servizos públicos e protección social).
Outra política de natalidade
O avellentamento da poboación non debería ser unha limitación importante para a cantidade de oferta laboral na próxima década. China cambiou a súa política demográfica para fomentar máis nacementos, aínda que a eficacia desta política non está clara e calquera impacto sobre a oferta laboral tardará polo menos 15 anos en materializarse.
China está a buscar mellorar o seu capital humano aumentando a duración da educación da súa forza laboral e expandindo a capacitación vocacional. A gran reserva de talentos (4,4 millóns de persoas en I+D, segundo a UNESCO), o aumento do gasto en tecnoloxía e un amplo mercado que facilita a monetización da innovación axudarán a responder os desafíos.
A crise inmobiliaria levou os dirixentes chineses a se moveren. Se xa en novembro do pasado ano se lanzaron 16 medidas políticas de apoio para o sector inmobiliario; agora, a finais de xullo, impulsouse unha flexibilización da política fiscal para facilitar un maior apoio crediticio ao investimento en infraestrutura, así como unha redución de cocientes de pagamento inicial e as taxas de xuros hipotecarias para os compradores de vivendas.
En clave tecnolóxica, estaría na cuarta revolución industrial, impulsada pola intelixencia artificial, a robótica, internet e outras aplicacións de big data para a xestión da cadea de abastecemento, o transporte e a atención médica.
O peso da débeda
O peso da débeda é outro factor que utilizan as análises máis pesimistas para anticipar a caída de China. Porén, outras voces refutan con argumentos sólidos esas apreciacións.
Como sinala un informe, «a pesar do elevado e crecente nivel de débeda, pensamos que o risco dunha crise de débeda ou financeira ‘típica’ na que grande falta de pagamentos provocan crebas bancarias, unha grave crise crediticia e/ou unha forte depreciación do tipo de cambio é relativamente pequeno en China».
Por unha banda, o Goberno ten activos substanciais para afrontar a débeda. O control do capital por parte dos bancos nacionais significa que máis do 95% da débeda é interna, e non suxeita a presións e cambios de intereses estranxeiros.
«A propiedade estatal dos bancos e as garantías gobernamentais sobre os depósitos e o seu historial» xogan a favor do goberno e da economía, o que non quere dicir que ese nivel de débeda non xere problemas.
Escenarios futuros
Os escenarios futuros varían segundo as fontes. «Nun escenario de referencia razoábel, é probábel que a tendencia de crecemento se desacelere a unha media de 4% a 4,5% anual entre 2021 e 2030. É probábel que o crecemento teña como media ao redor do 5% inicialmente antes de diminuír a menos do 4% anual na última parte da década».
Nun escenario máis pesimista, a tendencia de crecemento podería ter como media só ao redor do 3% nesta década. Nun escenario máis optimista, pero moi improbábel, a tendencia de crecemento de China nesta década podería alcanzar o 5% anual ou máis.
Se China medrase entre un 4% e un 4,5% anual en termos reais durante esta década, aínda podería representar polo menos o 30% do crecemento mundial. Se China pode resistir a presión reflacionaria de quen sae perdendo debido á deflación das burbullas inmobiliarias e financeiras, achégase un ciclo de crecemento máis saudábel e sostíbel, que converterá China nun país de altos ingresos.
Eeste mesmo ano, tras a recuperación do primeiro trimestre e a posterior caída no segundo, un prognóstico de base que cada vez manexan máis analistas, é que o crecemento intertrimestral se recupere a 4-4,5% no terceiro e cuarto trimestre, o que resultará nun crecemento anual do PIB que alcanzará ao redor do 5% este ano (a meta do Goberno para 2023), en comparanza con apenas o 3% en 2022.
A estabilidade, prioridade
Se China segue a ser capaz de liquidar os principais desafíos internos, a súa perspectiva a longo prazo debería seguir sendo sólida. A crise económica de China actual é real, mais non se enfronta a un «momento 2008». A estabilidade é a prioridade primordial no sistema financeiro controlado polo Estado.
Os enfoques hexemónicos e mediáticos en Occidente seguirán errando se se seguen a subestimar as capacidades e ambicións de China.
Mentres nos mostran unha imaxe máis negativa no ámbito internacional, con temas como a interferencia do Estado na economía e a elevada débeda, as autoridades de Beijing están cada vez máis preocupadas pola desigualdade social e a sustentabilidade.
Algúns oráculos políticos e económicos seguen a sinalar o «inminente colapso de China» (Gordon G. Chang); con todo, a economía do xigante asiático segue a ser un xigantesco crebacabezas, complexo e cheo de contradicións. As súas políticas económicas adoitan ser difíciles de ler e os seus datos non sempre son fiábeis ou doados de descifrar. Como sinala un académico chinés, «para todos os que insisten en que China colapsará: é posíbel, mais non probábel».
[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 11 de setembro de 2023]