Chegan propostas de sanción de 600 a 750 euros pola loita en defensa do emprego no asilo do Carballiño
O conflito en defensa do emprego no asilo do Carballiño vai camiño de cronificarse pola actitude intransixente da dirección, do Bispado de Ourense e do Padroado da Fundación Hermanos Prieto. Agora, as nove persoas que foran identificadas pola Policía durante a ocupación simbólica do salón de plenos en xullo, entre elas o secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, veñen de recibir propostas de sanción que van dos 600 aos 750 euros.
A central sindical xa presentou as pertinentes alegacións contra a decisión da Subdelegación do Goberno, que pretende impoñer multas de 600 euros a oito persoas e 750 a unha, curiosamente ao máximo responsábel da CIG-Ourense. As propostas de sanción teñen que ver coa ocupación simbólica e pacífica do salón de plenos do Concello do Carballiño o pasado mes de xullo para instar o alcalde -membro do Padroado da Fundación Hermanos Prieto, propietaria do asilo- a intervir no conflito laboral derivado do clima de acoso laboral e despedimentos que se vive no centro.
“Ese día o rexedor ordenou o desaloxo do salón de plenos, tras o que se presentou a Policía, que procedeu a identificarnos; como consecuencia, agora chegan as propostas de sanción”, explica Pérez Carballo, quen anunciou que obviamente a central sindical xa recorreu a decisión.
Ao mesmo tempo, o secretario comarcal da CIG-Ourense quere deixar moi claro que nin estas sanción nin calquera outro tipo de represión vai facer que a central sindical abandone a loita pola readmisión das dúas traballadoras inxustamente despedidas e para rematar co acoso laboral a a represión sindical por parte da dirección.
De feito, tempo atrás o Xulgado do Social declarara improcedente un dos despidos, aínda que agora unha nova sentenza xudicial vén de establecer a procedencia do outro. A primeira decisión foi recorrida pola CIG, que solicita a nulidade, e polo Padroado, que reclama a procedencia. Mentres que a máis recente foi recorrida unicamente pola CIG, que demanda tamén que o despido sexa declarado nulo.
Neste senso, a central sindical insta o Padroado a readmitir a traballadora cuxa rescisión de contrato foi considerada improcedente en lugar de optar por pagarlle a indemnización correspondente. Esta era precisamente unha das reivindicacións que a CIG trasladou durante a manifestación celebrada no Carballiño o pasado día 16. Dende que se iniciou o conflito a central sindical desenvolveu numerosas protestas, entre elas dúas ocupacións do Bispado de Ourense, unha do Concello do Carballiño e outra da catedral de Ourense.
Acoso laboral e represión sindical
En todas denunciou o acoso laboral e a represión sindical que a nova xerencia do asilo está a exercer sobre as empregadas máis antigas co obxectivo de “converter en negocio” un centro que naceu con fins sociais a comezos do século XX. Para iso hai dous anos a Fundación que o xestiona contratou a unha nova directora, Nuria Iglesias, á súa vez presidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense. Todo apunta a que a intención do Bispado é desfacerse dunha instalación que lle provoca conflitividade, e ao mesmo tempo facer caixa co seu traspaso á rede de residencias da terceira idade privadas.
Neste tempo a central sindical ten presentado distintas denuncias para que se respecten as condicións de traballo do cadro de persoal e se cumpra a normativa en materia de atención ás persoas maiores, cuestións que foron verificadas tanto pola Inspección de Traballo como pola Xunta de Galiza.
Neste contexto producíronse varios despedimentos do persoal con maior antigüidade, e cando as traballadoras comezaron a sindicarse Iglesias despediu a unha traballadora á que consideraba voceira, que tivo que ser readmitida tras a demanda presentada pola CIG.
A Fundación, despois de levar perdidas máis de 20 sentenzas no Xulgado do Social por incumprimento do convenio, “ xa non vai ao Xulgado, concilia”, e tal e como sinala Pérez Carballo, o que decidiu foi poñer en marcha unha política de sancións disciplinarias, chegando, no caso de dúas traballadoras, ao despedimento. Unha política de acoso e de presións coa que non lograron impedir que as traballadoras lle deran á CIG 2 das 4 delegadas que se elixían nas eleccións sindicais que se celebraron recentemente no centro.