Chaman a mobilizarse contra a “Lei de Depredación de Galiza” e para reclamar “Lumes, Nunca Máis!”
Coa catástrofe ocorrida en Galiza a pasada fin de semana, por mor da vaga de lumes que asolou o país, a Plataforma contra a Lei de Depredación de Galiza acordou vincular a manifestación nacional convocada para este domingo, día 22 de outubro, en Compostela, co lema “Lumes Nunca Máis”, tendo en conta que esta lei favorece, entre outras cuestións, a “política forestal pirófita do PP”. Por iso fixo un chamamento a participar masivamente para demandar a dimisión de Feijóo e amosar a solidariedade coas persoas falecidas a consecuencia dos lumes.
Así o explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen chamou a contestar tamén os intentos de criminalización primeiro do goberno portugués, como causante de que a vaga de lumes pasara para Galiza, e despois á famosa trama incendiaria que “non existe e que é unha cortina de fume para eludir a súa responsabilidade, ademais dun intento de criminalización das brigadas forestais que viron como se desmantelaron os medios que tiñan para enfrontar este lumes”.
Xunto a iso chamou a manifestar un masivo rexeitamento á Lei de Fomenta de Implantación Empresarial, cualificada pola Plataforma como “lei de depredación de Galiza” porque planifica un modelo económico e industrial para o noso país “de tipo colonial baseado nas espoliación dos nosos recursos, ben sexan mineiros, forestais ou enerxéticos, deixando sen efecto ningunha normativa medioambiental e aínda por riba arrasando con calquera outro tipo de alternativa económica que se poida dar vinculada cun rural vivo que permita un desenvolvemento digno dos nosos recursos”.
Política forestal ‘pirófita’
Unha lei que, denunciou, consagra definitivamente a “política forestal pirófita, de abandono do rural e, sobre todo, de fomento do monocultivo de eucalipto no país, para mellor servizo aos intereses de ENCE” e que é “moi versátil” para o PP porque “achanza o camiño para que calquera tipo de actividade económica se instale en Galiza, sexa da natureza que sexa”.
A modo de exemplo o secretario xeral da CIG explicou que facilita a implantación das plantas de biomasa, pero que non son posíbeis se non hai unha eucaliptización do país que as forneza de recursos para que poidan funcionar. Por iso asegurou que “con esta lei pechan o círculo para que Galiza poida competir nas peores condicións posíbeis co resto dos países do mundo”.
Incidindo nesta cuestión, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, denunciou que o goberno do PP, desde hai moitos anos, ten unha nula vontade de ordenar o territorio. “Todo o contrario”, afirmou, “está intentando que se poida forestar co monocultivo do eucalipto” e denunciou que se está levando o monte o lado das casas; non se están deixando franxas de protección arredor das vías e os servizos de extinción están conformados por un conglomerado de empresas privadas que operan nos incendios. “Nós apostamos por un servizo público de prevención e extinción de incendios”, dixo.
Modelo colonial
Respecto do contido da lei Carril alertou de que o modelo que pretende impor o PP é o de “competir en abaratar custos, rebaixar todo tipo de dereitos sociais, laminar calquera tipo de normativa en defensa do noso patrimonio cultural ou medio ambiental para ser un foco de atracción e que os fondos de investimento pensen que en vez de estar en Galiza, están actuando en África ou nun país onde é consentíbel calquera tipo de empresa, de calquera actividade, sen problema algún”.
A isto engadiu que, no sector industrial o modelo que implanta “tamén é colonial porque se asenta nas primeiras fases do proceso produtivo” e ademais posibilita a instalación de empresas a través de proxectos, que na lei se denominan estratéxicos ou singulares, que o que permite é “co interese supramunicipal e con subvencións e incentivos públicos, a instalación de calquera tipo de actividade industrial aínda por riba financiado a nivel público”.
A este respecto Vilalba aclarou que toda a lei vai na liña de facilitar que as garantías que podía haber a nivel público polo impacto deses proxectos e actividades -de augas, de medio ambiente, de proxectos mineiros, eólicos ou forestais- deixen de ser obrigatorias, pasando a ser máis facultativas, acurtándose ademais os prazos de exposición pública e podendo continuar cunha tramitación independentemente. “Directamente considéranse como de interese estratéxico proxectos por ter un montante económico, que reducen respecto da etapa anterior”, alertou. E denunciou que con iso “non teñen que ter licencias urbanísticas e teñen prioridade para as axudas”.
Ao seu entender “é como se as empresas mineiras, eólicas e forestais fosen as que marcaran a lexislación e de feito a propia administración galega, nesas garantías de impacto de augas, de medio ambiente ou de outras actividades, como do propio medio rural cando se presenta un proxecto directamente fala deles como de trabas burocráticas a eliminar”.
Actividades mineiras e enerxéticas
Xan Doldán considerou que diante disto é evidente que hai moitos motivos para manifestarse, sobre todo para denunciar que se faciliten actividades depredadoras como a da minaría, “consentindo practicamente todo tipo de accións, con mínimos controis e cunha incapacidade case absoluta da poboación para defenderse deses proxectos, precisamente por cambiarse os prazos para presentar alegacións”.
Xunto a isto sinalou que se abre a porta a unha maior especulación no ámbito enerxético, nomeadamente no sector eólico, porque “deixa de estar sometido a unha forma de xestión que até o de agora era mediante concurso público e que pasa a ser de adxudicación á carta, eliminándose todo tipo de controis, beneficiándose ademais de todo tipo de axudas públicas e facilitándose tamén as expropiacións”.
Con isto considerou que se incide na desfeita ambiental que tamén se está a promover noutros ámbitos produtivos e, sobre todo, “no esnaquizamento dunha estrutura produtiva no rural a favor de intereses alleos ao noso medio rural, nomeadamente de grandes especuladores financeiros que están detrás de moitos destes grandes proxectos, tanto mineiros, como enerxéticos”.