Chamada urxente á UE para que impoña un embargo militar e suspenda o acordo de asociación con Israel
A Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina (ETUN nas súas siglas en inglés), da que a CIG forma parte, vén de promover unha carta, á que se sumaron outros sindicatos, dirixida a todas as autoridades da Unión Europea e aos seus Estados membros, esixíndolles que suspendan o Acordo Comercial de Asociación con Israel por incumprimento do seu artigo 2º, no que respecta á violacións dos dereitos humanos. No escrito solicítase tamén un embargo militar para poñer fin ao xenocidio que Israel está a cometer contra o pobo palestino.
A seguir reproducimos o contido do escrito:
Unha chamada urxente dos sindicatos europeos: suspendan o acordo de asociación con Israel
Nós, os sindicatos europeos asinantes, pedimos á UE e aos países europeos que suspendan o Acordo de Asociación con Israel, así como os tratados bilaterais, diante das graves violacións dos dereitos humanos por parte do Goberno israelí, por incumprimento do artigo 2 de dito Acordo.
O conflito en Gaza e as severas restricións adicionais impostas polo goberno israelí en Cisxordania tiveron un impacto devastador nos traballadores e traballadoras palestinas e a quen os apoia. A OIT informou en decembro de que o 66% do emprego en Gaza e o 32% do emprego en Cisxordania perdéronse desde o 7 de outubro.
O venres, 26 de xaneiro de 2024, a Corte Internacional de Xustiza (CIX) considerou plausíbel que os actos de Israel puidesen supoñer un xenocidio contra 2,3 millóns de palestinos e palestinas na Franxa de Gaza, ocupada e asediada. A CIX tamén emitiu seis medidas provisionais, ordenando a Israel que impida actos xenocidas en Gaza.
No momento da sentenza da CIX,varios países europeos decidiron suspender o seu financiamento á UNRWA, tras acusacións, que aínda non foron probadas, complicando aínda máis a prestación de axuda humanitaria á poboación de Gaza. Pedimos que se recupere esta axuda para evitar máis mortes pola falta de recursos asistenciais á poboación civil.
Desde que os xuíces emitiron a súa sentenza, a situación empeorou aínda máis. Máis de 30.000 palestinos e palestinas morreron, 1,7 millóns de persoas están desprazadas, o 93% afronta niveis de crise de fame. A devastación é innegábel. O fallo da CIX ten implicacións máis amplas para todos os Estados, xa que todos están obrigados, tanto a absterse de cometer xenocidio como a previlo e castigalo alí onde ocorra. Lembrámoslles a todos os Estados partes na Convención que teñen as obrigas legais de garantir a aplicación das ‘medidas provisionais’, de evitar o xenocidio e de garantir que non sexan cómplices do xenocidio.
En febreiro de 2023, Irlanda e o Reino de España pediron unha "revisión urxente" do Acordo de Asociación UE-Israel e tomar medidas se Israel incumpriu as súas obrigas de "respecto dos dereitos humanos e dos principios democráticos" que "constitúen a base mesma do acordo de asociación”.
A mutilación e o asasinato de decenas de miles de civís, a fame deliberadamente provocada na poboación e a destrución de todos os medios de vida, suxiren que Israel non estaría cumprindo estritamente os dereitos humanos e as normas democráticas en Gaza.
A UE é o maior socio comercial de Israel, cun comercio que ascendeu a máis de 46.000 millóns de euros en 2023. O comercio réxese polo Acordo de Asociación Israel-UE, que inclúe unha cláusula de dereitos humanos como "elementos esenciais". Isto significa que calquera das partes pode suspender unilateralmente o acordo en resposta a graves violacións dos dereitos humanos.
Israel tamén participa en Horizon Europe, onde as institucións israelís poden solicitar financiamento no marco deste programa de investigación e innovación de 95.000 millóns de euros. O acceso a este lucrativo programa tamén debería suspenderse inmediatamente até que Israel garanta o cumprimento das súas obrigas, en virtude do dereito internacional.
O 23 de febreiro, un grupo de persoas expertas da ONU fixo un chamamento urxente para que cesase inmediatamente a exportación de armas a Israel. Asemade, o 12 de febreiro de 2024, o Tribunal de Apelación Holandés ordenou aos Países Baixos que paralizasen a exportación de pezas de avións de combate F-35 a Israel. O tribunal considerou que había un "claro risco" de que as pezas fosen usadas para cometer ou facilitar violacións graves do dereito internacional humanitario, xa que "hai moitos indicios de que Israel violou o dereito humanitario da guerra nun número non insignificante de casos".
Apoiamos esas declaracións e pedímoslle á UE e aos países europeos que impoñan un embargo militar e deteñan a transferencia de armas a través dos seus países, tal e como piden os sindicatos palestinos.
Rede Sindical Europea pola Xustiza en Palestina