CETA: asalto contra o campesiñado europeo

Gonzalo Fernández Ortiz de Zárate - 15 Feb 2017

O CETA supón un ataque directo contra as economías campesiñas e os modelos locais e agroecolóxicos de produción, amputando incluso as capacidades institucionais de promover alternativas neste sentido

Tras un proceso de elaboración marcado polo segredo, o vindeiro mércores 15 de febreiro o Parlamento Europeo decidirá se dá ou non o visto e prace ao Acordo Económico e Comercial Global entre a Unión Europea e Canadá (CETA, polas súas siglas en inglés), paso preceptivo para a súa posterior ratificación por parte dos Estados membros. O CETA enmárcase dentro da nova vaga en favor do asinamento de tratados rexionais e globais comercio e investimento que, en última instancia, priorizan a seguridade dos investimentos das grandes empresas fronte aos dereitos dos pobos.

 Neste sentido, estes tratados pretenden avanzar na creación dun mercado mundial sen atrancos arancelarios e non arancelarios, no que as empresas transnacionais teñan vía libre para asegurar os seus investimentos, mercados e ganancias. Para iso, inciden na transformación do marco político e xurídico vixente, favorecendo por unha banda a converxencia á baixa en regulación ambiental, laboral, social, etc., e polo outra, privatizando a xustiza a través dos sistemas de resolución de diferenzas entre Estados e corporacións, que dan lugar a unha arquitectura da impunidade a favor destas últimas.

 Xa que log,o o CETA, como parte desa vaga de tratados, supón un grave perigo non só para os pobos de Europa e Canadá, senón tamén para o conxunto das súas institucións públicas estatais e locais, que quedarían aínda máis a expensas dos intereses das grandes empresas de ambas as rexións, e mesmo daqueloutras corporacións (estadounidenses, chinesas, etc.) con filiais nestes territorios.

Que impactos terían sobre a agricultura campesiña europea?

 Aínda que a agricultura non é un capítulo de especial relevancia macroeconómica no CETA, non deixa de ser un dos sectores máis estratéxicos e que maiores controversias xerou, dado que aborda aspectos tan importantes como a cultura, os bens comúns, o modelo ecolóxico, a alimentación, o consumo, a saúde, o cambio climático, etc. É xa que logo unha cuestión de especial significado político.

 Partindo desta premisa, foron múltiples os estudos que tratan de prever os posíbeis impactos de ambos os acordos, coincidindo nalgúns aspectos. Así, algúns informes de perfil macroeconómico encargados por institucións europeas agoiran: ínfimos aumentos na produción agropecuaria tanto en Norteamérica como en Europa; unha redución na achega da agricultura ao PIB a ambos os dous lados do Atlántico; un descenso dos prezos; e un aumento do comercio global, que beneficiaría en maior medida as e os produtores norteamericanos. No entanto, estas ganancias derivadas dun maior intercambio comercial non estarían equitativamente distribuídas, senón que se concentrarían en certos apartados de especial proxección. Deste xeito, as maiores ganancias poderían materializarse en Europa nos sectores que actualmente copan as exportacións (sobre todo viños e queixos). Á súa vez, os sectores norteamericanos máis beneficiados serían os agroindustrializados e baseados en grandes leiras (vacún, porco, lácteos, etc.), se se rebaixasen os estándares de protección europeos. En todo caso, parece que a agricultura perdería peso específico, e que os beneficios se concentrarían en poucos sectores e países, sempre dependendo do texto final en canto a rebaixas arancelarias e non arancelarias.

 Pero ademais, outros estudos que transcenden o macroeconómico apuntan a unha serie de funestas consecuencias para a agricultura e a alimentación en Europa, froito da combinación da converxencia regulatoria á baixa, os tribunais de arbitraxe e a apertura comercial mediante redución de aranceis e ampliación de cotas. Destacamos neste sentido a posibilidade de:

  1. Desactivar o principio de precaución: Europa mantén aínda un sistema de protección máis esixente, que cobre todas e cada unha das fases da cadea de produción, non como en EEUU e Canadá, onde unicamente se analiza o produto final. Ademais, é o fabricante quen debe garantir a salubridad e seguridade do seu produto ex-ante polo que, se este non ofrece garantías, se evita a súa comercialización aplicando o principio de precaución até que as obteña. Se este principio forte se flexibilizase froito da converxencia regulatoria, faría saltar polo aire o sistema europeo de protección da saúde e de control do proceso produtivo.
  2. Rebaixar a protección sobre o benestar animal, as substancias perigosas e a saúde: na mesma lóxica, non só o sistema senón tamén apartados específicos de protección estarían en risco pola presión das grandes corporacións norteamericanas, que prefiren códigos voluntarios de conduta a estruturas e normas obrigatorias. Estase incidindo así especialmente en reducir a protección en alimentos transxénicos, a normativa de seguridade sobre pesticidas e as prohibicións relativas a hormonas, antibióticos e lavados de patóxenos na produción de carne.
  3. Poñer fin á maioría de denominacións de orixe: existen diferentes concepcións sobre as denominacións de orixe protexidas (DOP) a un e outro lado do Atlántico. Mentres que en Europa se trata de produtos dunha orixe xeográfica determinada, en EEUU enténdense como un subgrupo do sistema de marcas rexistradas. Se esta disputa entre territorio e marca non aposta polo xeográfico, a gran maioría de DOP europeas non serían recoñecidas nos acordos e os seus produtos perderían especificidade, con graves consecuencias sobre a produción local e pequena.
  4. Destruír as economías campesiñas: todo o sinalado até o de agora, mesmo a pesar do nesgo pro-agronegocio da Política Agraria Común (PAC), mostra un modelo de produción europeo diferente ao de EEUU e Canadá, que se traslada tamén ao tamaño das granxas, por exemplo 13 veces máis grandes en Estados Unidos (10,6 Ha. en Europa). Neste sentido, parece bastante probábel que nun contexto de apertura, desregulación e caída de prezos, o modelo de grandes terras baseado nun modelo agroexportador que utiliza agrotóxicos sería máis competitivo que a agricultura familiar. Isto impulsaría a concentración na produción fortalecendo un proceso como o que Canadá sufriu cando asinou o acordo con México e Estados Unidos (TLCAN), onde se perderon máis de 160.000 explotacións familiares entre 1970 e 2011.
  5. Amputar das capacidades públicas en defensa da soberanía alimentaria: as institucións estatais e territoriais que en función dun mandato popular quixesen impulsar a soberanía alimentaria exercendo o dereito a decidir na alimentación, apoiando a produción local e o modelo agroecolóxico, poderían ser levadas ante os tribunais de arbitraxe. Así, se se entendese que algunha norma ou política pública lesionase os intereses corporativos en función dos contidos do CETA, calquera empresa podería emprender accións contra as devanditas propostas lexítimas, xa que hoxe en día a lex mercatoria é a norma suprema do ordenamento internacional.

 En definitiva, o CETA supón un ataque directo contra as economías campesiñas e os modelos locais e agroecolóxicos de produción, amputando incluso as capacidades institucionais de promover alternativas neste sentido. Ademais, podería ter fortes implicacións na destrución do sistema de protección europeo, afectando á saúde do conxunto da cidadanía.

 Polo tanto, é fundamental poñer en valor o papel que o movemento campesiño europeo está desenvolvendo no rexeitamento ao CETA, en articulación con outros axentes sociais e institucionais. Está en xogo moito para todos e todas (non só o campesiñado), e cómpre mantermos a presión para evitar o seu asinamento tanto a nivel rexional como en cada Estado membro. Pola democracia, polo campesiñado e pola vida, NON ao CETA.

 

[Artigo tirado do sitio vasco Naiz, do 10 de febreiro de 2017]