Centos de vehículos marcharon das Pontes até A Coruña para pedir unha transición xusta e que Endesa achegue alternativas
Unha multitudinaria caravana de vehículos marcharon na tarde do martes dende As Pontes até A Coruña en demanda dun proceso de transición enerxético ordenado e xusto que non deixe atrás a comarca eumesa; e ao tempo para reclamar a Endesa que (tras 40 anos tirando beneficios coa produción da central térmica e a explotación dos nosos recursos) achegue propostas para a xeración de enerxía alternativa ao carbón e para que se involucre na busca de medidas que minimicen o impacto do peche das instalacións, tanto no relativo á perda de emprego como polas consecuencias económicas que ten a súa decisión para o conxunto da comarca.
A caravana (na que se calcula que participaron un 800 vehículos entre camións do colectivo de transportistas, camións e furgonetas doutras empresas da comarca e turismos) partiu das Pontes por volta das 16:00 horas e chegou a entrada da Coruña pasadas as sete e media, armando un bo rebumbio de bucinas e abaneando chalecos reflectores.
A protesta foi recibida con aplausos por un grupo de persoas que se situaron sobre unha das pasarelas peonís da Avenida Alfonso Molina. Os vehículos foron desviados por Matogrande até a explanada do Ofimático, onde se puido comprobar a magnitude da mobilización, e onde ás 21 horas continuaban chegando camións e turismos.
Reunión en Madrid
A protesta desenvolveuse na véspera da reunión prevista este mércores en Madrid co Ministerio de Transición Ecolóxica para abordar a situación dramática na que o anuncio de peche da central deixa a comarca, altamente dependente desta actividade, e para a que nin a Xunta (con competencias en materia industrial) nin o Goberno español teñen preparada unha alternativa que a dote de futuro e actividade industrial.
Á espera do resultado dese encontro, As Pontes xa se prepara para desenvolver unha xornada de folga xeral o vindeiro 16 de outubro e unha gran mobilización en Madrid diante do Ministerio.