Centos de traballadores e traballadoras do BBVA mobilízanse contra ERE
Centos de traballadores e traballadoras do BBVA mobilizáronse de maneira simultánea esta tarde na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo en rexeitamento ao ERE de extinción presentado pola entidade financeira que suporá en Galiza o peche de 26 oficinas e a extinción de 122 empregos entre despedimentos e baixas incentivadas.
Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG, rexeitas as causas económicas e organizativas alegadas pola empresa para este novo recorte que, de aplicarse, implicará eliminar o 15% do persoal fixo e o 20% das sucursais que ten en Galiza. "BBVA pretende xustificar os peches e despedimentos porque tivo unha diminución dos ingresos, pero estamos falando dunha entidade que ten beneficios mil millonarios. No primeiro trimestre do ano gañou 1.210 millóns de euros, aumentando ademais as retribucións da alta dirección de xeito escandaloso".
Neste senso, denuncia que o BBVA se aproveita das facilidades introducidas pola reforma laboral do PP para despedir a miles de traballadores/as e critica que, malia os compromisos electorais, o goberno español segue mantemento plenamente vixente esta reforma.
Restrición de servizos e horarios
Fernández rexeita tamén as razóns organizativas expostas polo banco a respecto do cambio de hábitos da clientela. "O que hai é unha dixitalización forzada e unha redución dos servizos e horarios das caixas para botar a cliente fóra das oficinas e dirixila á banca online ou ao caixeiro", advirte.
Sobre este punto, lembra que hai uns meses, o BBVA sacou da manga unha nova comisión pola que lle cobra 2€ á súa clientela por retirar cartos na xanela das súas propias contas. "O que fan é trasladar a clientela ás oficinas que decide o banco, normalmente xa sobrecargadas e con restricións o que provoca colas”, explica.
O representante da CIG alerta que o BBVA está seguindo o modelo de "ERE á carta" que está a aplicar o Banco Santander, pois quere vender que se trata dun proceso voluntario, pero é a empresa quen se reserva o dereito a aceptar ou non as solicitudes "de maneira que se non hai adscricións suficientes, as saídas serán forzosas en base a valoracións non obxectivas. É dicir, é a empresa quen decide quen queda e quen marcha e para iso non dubidará en acosar o persoal previamente seleccionado, tal e como está acontecendo no Santander".
Máis concentración e exlusión financeira
O expediente de extinción no BBVA afonda na salvaxe reestruturación sufrida no sector bancario dende o inicio da crise de 2008, que levou á desaparición das caixas de aforros e a unha concentración brutal do sector nunhas poucas entidades.
Neste proceso destruíronse milleiros de empregos e pecháronse centros de oficinas, deixando sen acceso aos servizos financeiros a amplas zonas rurais e sectores sociais, nomeadamente ás persoas maiores, que son quen máis dificultade teñen para manexarse na banca electrónica e no caixeiro.
A esta primeira mobilización -convocada polas organizacións sindicais con representación no BBVA e que se desenvolveu de maneira simultánea en 15 cidades do Estado- seguiranlle outras accións de protesta e non se descarta a convocatoria de paros laborais e folgas.