Centos de traballadores/as de Navantia mobilízanse na Delegación do Goberno por un convenio digno e investimentos

Ferrol - 30 Out 2024

Centos de traballadores e traballadoras de Navantia Ferrol e Fene trasladáronse este mércores até a Coruña para concentrarse diante da Delegación do Goberno, coincidindo coa reunión que tiñan fixada coa Subdelegada, María Rivas, para coñecer as xestións realizadas pola institución dende a anterior xuntanza -celebrada no mes de maio- a respecto das demandas sociais sobre o convenio colectivo e o plan estratéxico para os estaleiros da ría.

No encontro, no que participaron membros dos comités de ambas factorías, informouse do estado da negociación colectiva e da situación dos estaleiros e expuxéronse as  principais reivindicacións do persoal, entre elas que se abra a negociación do plan industrial. Pola súa parte a representante do Goberno español trasladou un compromiso en nome da Delegación de volver trasladarlle ao Ministerio de Facenda as demandas sociais. 

A concentración desta mañá, que rematou cunha asemblea informativa, enmárcase no calendario de mobilizacións que o persoal da ría de Ferrol está a desenvolver dende hai meses para reclamar un convenio colectivo digno e un plan de investimentos e novas incorporacións que garanta o futuro da actividade produtiva nos estaleiros públicos galegos. Para facilitar o desprazamento á Coruña, este mércores estaba convocado un paro laboral en Navantia Fene e Ferrol.

A negociación do convenio leva máis de dous anos aberta

No relativo á negociación do convenio colectivo, que se iniciou hai xa dous anos e medio, Pepe Teixido, secretario da sección sindical da CIG, sinala que as reunións da mesa negociadora están calendarizadas e “conseguiuse unanimidade nas reclamacións da parte social dos diferentes centros de traballo”. Este calendario de reunións está previsto que se finalice a finais de novembro “co que implica que antes de decembro non haberá posibilidade de debater se se chega a acordo ou non”.

Neste senso, sinala que, fronte ao inmobilismo das reunións anteriores, na mesa de ont3e producíronse pequenos avances en materia de táboas salariais para o persoal técnico superior, catálogos de postos, promocións, etc.; aínda que insuficientes. Teixido destaca como punto importante os avances no contrato relevo, “porque até agora a empresa propuña un sistema de saídas con indemnizacións que non cumpría as expectativas da parte social”.

Na asemblea xa se avanzou que o 21 de novembro haberá unha gran mobilización en Madrid, diante do Ministerio de Facenda (do que dependen a SEPI e Navantia), con persoal procedente de todos os centros de traballo para reclamar “que as reivindicacións que temos enriba da mesa non estean topadas polo pacto de contención asinado por UGT e CCOO co Goberno que nos impide avanzar en cuestións como as promocións, nos niveis de entrada, e sobre todo, a redución da xornada, que non queren tratar porque a contabilizan como incremento da masa salarial”.

Esa mobilización estará acompañada dunha folga de dous días consecutivos para poder organizar o traslado a Madrid.

Sen plan industrial

Polo que respecta ao plan estratéxico, o secretario do comité e delegado da CIG, Marcelino Amado, criticou que, tras dúas reunións iniciais antes do verán, non está habendo negociación malia a importancia deste proxecto, xa que determinada as novas incorporacións (eses 1.500 postos de traballo que prometeu o presidente Pedro Sánchez), os investimentos e a carga de traballo dos estaleiros.

Nalgúns centros, apunta Amado, xa se comezaron a materializar esas novas incorporacións “e por iso entendemos que temos que negociar, para que proporcionalmente ningunha fábrica perda a capacidade industrial”. Máis aínda cando en Ferrol faltan persoas por entrar do plan anterior.

Sobre a carga de traballo, reitera a necesidade de contar con novos pedidos máis alá das fragatas para Defensa, para garantir os empregos tanto na principal como nas auxiliares. “Prometeuse un BAC pero a día de hoxe xa debería estar a orde de execución enriba da mesa e non está. En teoría, vai para o primeiro semestre do ano próximo, e mentres aquí estamos cunha subactividade do 60% en moitos momentos”, advertiu.

Sobre os investimentos, na reunión coa subdelegada, trasladóuselle que un dos obstáculos “é o propio Goberno” que ten capacidade de decidir sobre as novas instalacións, concretamente o novo dique e o dique de carenas. “Esta é a reivindicación que leva de forma unánime o comité e a resposta da empresa é que falta financiamento”.

A este respecto, Amado subliña que a ría de Ferrol perdeu capacidade produtiva coa destrución das gradas de Fene pero non se fixo un novo dique para que os estaleiros da ría teñan futuro. “Sen infraestruturas é difícil tirar de todo o demais e ver futuro a longo prazo”, alerta Amado. “De nada vale comprar un estaleiro en Belfast se aquí non temos capacidade produtiva”.