Centos de persoas traballadoras da área sanitaria da Coruña-Cee reclaman medidas preventivas eficaces

O persoal concentrouse nos centros de saúde e o hospital Virxe da Xunqueira e manifestouse no entorno do HUAC
A Coruña - 27 Mar 2025

Centos de traballadores e traballadoras dos centros de saúde da área sanitaria e dos hospitais da Coruña e de Cee mobilizáronse este mediodía para reclamarlle á xerencia que, de inmediato, poña en marchas as medidas preventivas e os protocolos necesarios para evitar que se repitan as agresións ao persoal.

As mobilizacións, convocadas pola Xunta de Persoal, contaron co apoio da Plataforma comarcal de SOS Sanidade Pública que participou na manifestación arredor do Hospital Público da Coruña.

A presidenta da Xunta de Persoal, Lucía Peón Soutiño (CIG), denunciou que se vai camiño dos tres meses dende a brutal agresión acontecida no servizo de urxencias sen que até o momento a xerencia teña actuado. Criticou que na no comité de seguridade e saúde do día 25 de marzo, a xerencia fixo entrega do “informe causa- raíz” incompleto, e só deron traslado das conclusións ás persoas delegadas de prevención.

“Ditas conclusións coinciden coas peticións que levamos meses formulando tanto a Xunta de Persoal como os/as traballadores/as do servizo: medidas preventivas e instauración de protocolos para que isto non volva acontecer. Pero para cando?”, cuestiona.

Peón Soutiño considera unha “tomadura de pelo” que a xerencia diga que hai que seguir a agardar e que non se estabeleza nin sequera unha programación de cando se van a implementar ditas medidas.

Nesa mesma xuntanza, engade, fíxose entrega do “protocolo de actuación en urxencias do doente potencialmente axitado”; un protocolo que, para a súa elaboración, non contou coas e cos profesionais do servizo “e que é totalmente inespecífico”. “A propia Inspección de Traballo, o día 26 de marzo, di que o protocolo non serve e abre un prazo máximo de 2 meses para a elaboración doutro protocolo”.

Cómpre abrir unha mesa de negociación

A Xunta de Persoal solicitou esta semana, de novo, unha reunión coa xerencia porque entende necesario unha mesa de negociación para tratar as condicións laborais do persoal traballador da área sanitaria.

Neste senso, a presidenta do órgano de representación subliña que a falta de profesionais e de espazos axeitados inciden sobre a conflitividade que se poida dar nos postos de traballo, “por iso é importante negociar as condicións de traballo. É obriga da xerencia que o entorno onde se presta a asistencia sexa un entorno seguro para o persoal e para as persoas doentes”.

Nas mobilizacións deste xoves, o persoal instou a xerencia a asumir as súas responsabilidades, escoitar as demandas do persoal, ver en que condicións se traballa e actuar para mellorar estas condicións. “Hai que implantar medidas preventivas efectivas xa. E é necesario implantar protocolos de actuación ante unha agresión en toda a área sanitaria!”, defenderon.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.