
Centos de persoas súmanse ás convocatorias de Galiza pola Paz contra o militarismo, a OTAN e a guerra

Centos de persoas ergueron as súas voces, nas sete cidades galegas —A Coruña, Compostela, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo— contra o militarismo, a OTAN e a escalada bélica que ameaza a paz mundial. Nas concentracións, convocadas por Galiza pola Paz, galegas e galegos de todas as idades manifestaron o seu rexeitamento a seren cómplices involuntarios dunha guerra global impulsada pola cobiza sen límites das oligarquías imperialistas.

Ao remate das concentracións, deuse lectura ao manifesto "Galiza pola Paz. Contra o militarismo, a OTAN e a guerra", un texto que denuncia con contundencia o rol violento da OTAN como "ferramenta para a agresión e a bandidaxe a escala planetaria" e a falacia da autodefensa que encobre os intereses do bloque imperialista liderado por Estados Unidos, Reino Unido e a Unión Europea.
O manifesto sinala ademais como estes países, responsables do 70% do gasto militar global, alimentan conflitos, xenocidios e desestabilizacións, mentres protexen mediaticamente aberracións como o asasinato de máis de 50.000 persoas en Palestina nos últimos dous anos.
Estratexia de rearme
A Plataforma acusa o Goberno español de adherirse a unha "temeraria estratexia de rearme" imposta pola OTAN e a UE, incrementando o gasto militar por riba do 2% do PIB en detrimento de investimentos en sanidade, educación e servizos públicos. "Esta militarización acelerada da Europa, xustificada cun medo infundado a unha suposta invasión rusa, é unha burla á democracia e á soberanía dos pobos", afirma o texto, que tamén critica o papel "subsidiario" da Xunta de Galiza ao entregar portos, aeródromos e recursos naturais á maquinaria bélica, vendida falsamente como reindustrialización.
Entre as demandas da CIG e as entidades asinantes do manifesto, destacan a neutralidade activa do Estado español, co retorno inmediato das tropas despregadas en misións da OTAN en Lituania, Estonia, Letonia, Eslovaquia, Romanía e Bulgaria, e o rexeitamento a usar instalacións militares ao servizo desta alianza. "Rexeitamos que os minerais da serra do Galiñeiro, Valdeorras ou Doade nutran a guerra imperialista en lugar de servir ao desenvolvemento do pobo galego", proclaman.
O manifesto conclúe cun chamamento á mobilización e anima o pobo galego a non caer no discurso alarmista dos partidos tradicionais e a defender os recursos e a soberanía do territorio."A paz que nos dará un futuro non é a que nos receita o imperialismo, baseada no silencio das vítimas, senón unha paz que debemos construír sobre a derrota das súas lóxicas unipolares e do seu brazo armado, a OTAN".
MANIFESTO ÍNTEGRO
Galiza pola paz
Contra o militarismo, a OTAN e a guerra
Quen domina o mundo camiña decidido cara a unha guerra global. Máis unha vez, non é por vontade dos pobos, senón pola cobiza sen limite dunhas oligarquías que se teñen afeito a pisotear calquera lei humana e a axir con absoluta impunidade.
Durante décadas, esas oligarquías fixeron e desfixeron no plano internacional segundo mellor lles conviu. Acumularon indignantes cantidades de lucro e poderes case absolutos, sementando ao mesmo tempo miseria, destrución e morte por toda a parte. Nese tempo, esquilmaron calquera recurso, especulando con el ou esgotándoo para sempre, conculcaron a soberanía popular onde lles pareceu oportuno e disciplinaron pobos enteiros, estabelecendo a lóxica dos seus intereses como única lóxica posíbel. A base de guerra económica, guerra informacional, guerra psicolóxica, converteron o imperialismo na norma e exibiron grotescamente o seu brazo armado como garantía de dominación á forza.
Agora, coa emerxencia de novos axentes globais e rexionais por fóra desas lóxicas e deses marcos, as oligarquías imperialistas asisten apavoradas a un escenario de declive e tórnanse máis temerarias e perigosas. Mentres cunha man tratan por todos os medios de que asumamos a idea de representan a paz e a razón, coa outra engraxan a súa maquinaria para reconfigurar o mundo por medio dunha guerra global, convencidas de que a única vía para asegurar a súa supremacía. Xa foi dito innúmeras veces: a OTAN non é un instrumento de paz. É unha ferramenta para a agresión e a bandidaxe en escala planetaria.
As evidencias están á vista de quen queira ver. Os países do bloque imperialista, cos Estados Unidos, o Reino Unido e a Unión Europea á cabeza, son responsábeis por 70% do gasto militar global, e non hai conflito no que non estexan envolvidos dunha maneira ou doutra, a miúdo teledirixindo os combates, golpes de estado, falsas revolucións, xenocidios, magnicidios, embargos, bloqueos, accións terroristas, sancións e calquera outro tipo de accións de derruba ou desestabilización. Son capaces de alimentar militarmente e protexer mediaticamente o monstro sionista que asasinou máis de 50 mil persoas na Palestina nos últimos dous anos, mentres disparan sancións e hostigan calquera país que se desmarque da súa lóxica imperialista. O seu brazo armado conxunto, a OTAN, dispón dun orzamento que ultrapasa 2% do PIB mundial e conta cunha densa rede de máis de mil bases e instalacións militares, entre as declaradas e as non declaradas, construídas en 63 países, en particular arredor daqueles que se negan a entrar no molde previsto. Mais non son só as bases. A OTAN opera, ademais, tropas despregadas en 165 estados, amiúdo baixo o gardachuvas formal das Nacións Unidas, xerando unha moi oportuna confusión na opinión pública.
Como se isto non fose suficiente, asistimos agora a anuncios de rearmamento da Europa por valor de 800 mil millóns de euros, pondo todo o aparello de propaganda a favor da guerra. Unhas cantidades que se suman ao xa destinado á guerra na Ucraína e que son difíceis sequera de ponderar de maneira correcta, mais que en ningún caso se puxeron acima da mesa para investir en servizos sociais, en educación ou en sanidade, vivenda, pensións nin tampouco para paliar crises como a de 2008 ou a do Covid-19 — crises reais, con vítimas reais.
Toda unha ofensiva reforzada pola acción tiránica do FMI, do BM e da dolarización da economía mundial, que completan os mecanismos cos que ter presos e castigados os países con duros programas de axustes, redución gasto público, privatización de todas as actividades, defensa fanática do libre mercado, con permanentes desregulacións, como a dos bens e capitais, ou do mercado laboral, recortando os salarios e precarizando o traballo.
Mais non se trata só da militarización acelerada da Europa. Esa militarización estase a facer por vía de urxencia, a cabalo dun medo infundado a unha falaz ameaza chamada “invasión rusa”, á que algúns voceiros mesmo poñen data, furtando ás institucións suspostamente democráticas os debates políticos necesarios, e á opinión pública os verdadeiros motivos para tal pánico. Non se respeitan nin os mínimos de apariencia democrática e institucional e, ben pola contra, quen se opón e denuncia é tachado mercenario e belicista.
O noso país, situado no centro do Atlántico, non é alleo a esta deriva antidemocrática nin sería inmune aos eventuais efectos desa guerra global que o imperialismo procura con tanto esforzo. Na Galiza, a cesión de portos e instalacións aéreas e a posta a disposición do territorio para exercicios militares, adestramentos, escalas ou repostaxes convértenos en cómplices involuntarias das súas accións, malia o pobo galego se ter manifestado histórica e repetidamente pola paz, contra a OTAN e a súa axenda. Esta contradición comproba, máis unha vez, as consecuencias da falta de soberanía nacional e os perigos de que o papel do noso país no mundo sexa decidido e representado polo Estado español.
O goberno español adhere a esta temeraria estratexia de rearme e incremento dos gastos militares, para atinxir así un 2% do PIB que na realidade xa é máis, e que lle impón o binomio OTAN/UE, que contrariamente ao que afirma Pedro Sánchez, conlevará recortes sociais e involución nas liberdades básicas.
Diante disto, nós, as entidades galegas asinantes deste manifesto, afirmamos que o único futuro real para a humanidade é a paz. Que o único futuro posíbel para o pobo galego é a paz. Mais non esa paz que nos receita o imperialismo, unha paz que asenta sobre o silencio das vítimas e se invoca en abstracto. A paz que nos dará un futuro é unha paz que aínda non existe, e que deberá ser construída sobre a derrota do imperialismo, das súas lóxicas unipolares e do seu brazo armado, a OTAN.
E por iso, como Plataforma Galiza pola Paz,
- Denunciamos a falacia da «autodefensa» e o rol estritamente imperialista e agresivo da OTAN
- Repudiamos a carreira armamentista anunciada polos membros da Unión Europea, a sinatura de pactos militares expansionistas e de tratados de libre comercio metidos pola forza entre os acordos militares para beneficio do grande capital transnacional e das oligarquías;
- Demandamos un papel de neutralidade activa por parte do Goberno español, que implique o retorno inmediato das tropas españolas despregadas en misións OTAN en Lituania, Estonia, Letonia, Eslovaquia, Romanía e Bulgaria, e a negativa a utlizar instalacións militares ao servizo da OTAN e dos Estados Unidos. O Estado español debe deixar de ser comparsa dos intereses imperialistas, e en consecuencia negarse a multiplicar o gasto militar en detrimento dos investimentos na sanidade, no ensino e nos servizos públicos en xeral.
- Desprezamos o papel absolutamente subsidiario da Xunta de Galiza e a entrega de equipamentos, instalacións e recursos do noso país para alimentar esta maquinaria bélica.
- Rexeitamos a entrega dos recursos naturais do noso país á industria militar. Unha entrega que nos venden como reindustrialización cando non é outra cousa o colonialismo extractivo de sempre. Rexeitamos tamén o uso do noso país para instalacións funcionais á OTAN: o monte Iroite, os aeródromos da Lavacolla e Rozas, o porto de Ferrol, as bases de Marín e Figueirido. Os minerais da serra do Galiñeiro, de Valdeorras ou de Doade deben servir, en todo caso, para o desenvolvemento do pobo galego, e non para nutrir a maquinaria da guerra imperialista.
- E comprometémonos, polo tanto, a manter unha posición pola paz e abertamente anti-OTAN, pulando pola súa disolución, a exixir a non participación do Estado español en calquera plataforma destas características e a espallar, onde tivermos voz, a denuncia do imperialismo e dos seus métodos violentos.
- Apelamos ao pobo traballador galego a non deixarse embaucar polo discurso belicista e alarmista do PP e do PSOE e da práctica totalidade dos medios de comunicación. Son horas de mobilizarnos pola Paz e contra a guerra.