Centos de persoas reclámanlle a Xunta medidas para reducir as listas de agarda na sanidade pública
As protestas, convocadas por SOS Sanidade Pública, desenvolvéronse en trece localidades
Centos de persoas participaron este xoves nas trece mobilizacións convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública baixo o lema “Listas de agarda: máis transparencia, máis recursos públicos”. Unhas protestas descentralizadas a través das que se quere denunciar o deterioro do sistema sanitario público galego, especialmente na atención primaria, e exixir á Xunta de Galiza un cambio radical nas súas políticas ante o risco de colapso irreversíbel da sanidade se non se actúa con urxencia.
A atención primaria, que debería ser próxima, accesíbel e resolutiva, está colapsada por listas de espera inaceptábeis, falta de persoal e recursos, e unha mala organización. Antes de 2008, as listas de espera na atención primaria eran practicamente inexistentes, pero hoxe a espera media en Galiza supera os 7 días, con centros de saúde que chegan a 15 días ou mesmo un mes.
No caso da atención hospitalaria, as listas de agarda para primeira consulta rexistran unha espera media de 60 días e para as cirurxías é de 76 días. Diante disto, SOS Sanidade exixiu uns tempos de espera razoábeis e adaptados ás necesidades das persoas pacientes. Porque as listas de agarda téñense convertido nun serio problema que provoca sufrimento e ansiedade entre a poboación e que aumenta as consultas tanto en atención primaria como en urxencias.
A Plataforma demanda en primeiro lugar unha xestión transparente das listas, “porque se non hai transparencia é moi difícil saber que medidas é necesario aplicar”; recursos públicos para a súa xestión, polo que consideran necesario a elaboración dun plan para dar resposta ás necesidades reais en base aos datos completos; e a paralización das derivacións á sanidade privada e que eses cartos se invistan no sistema público.
Xunto a isto, exixe a creación de unidades especializadas, como coidados paliativos pediátricos, e mellora da atención no rural e a fin das penalizacións aos e ás profesionais e medidas contra as agresións ao persoal da sanidade.