Centos de persoas reclaman en Lugo a creación do cuarto xulgado do social
Centos de persoas participaron na manifestación convocada pola Unión Comarcal da CIG para reclamar a creación inmediata do cuarto xulgado do social en Lugo. Baixo a consigna "colapso xudicial = abuso patronal", denunciouse que se están fixando para o ano 2021 xuízos por reclamacións de cantidades ou por incapacidade; e no caso dos despedimentos -que son expedientes rápidos- as datas máis próximas son para marzo de 2019.
O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, sinalou a discriminación que sofre á provincia en materia de administración de xustiza, xa que "en Lugo só contamos con tres xulgados do Social, mentres que unha provincia similar como a de Ourense, que ten 20.000 asalariados/as menos, dispón de catro".
Alertou que a demora na resolución dos asuntos se agravou nos últimos anos por mor das contrarreformas laborais, a precarización das condicións de traballo e os recortes e amortizacións na propia administración de xustiza. O deterioro é tal que os traballadores e as traballadoras de Lugo xa ven como algo normal ter que agardar dous anos por unha reclamación de cantidades ou para que se lle recoñeza unha incapacidade. "A xurisdición do social está para velar polo cumprimento dos dereitos laborais e quen acaba pagando este colapso xudicial é a clase traballadora", denunciou.
Neste senso, o secretario comarcal da CIG engadiu que as empresas se están aproveitando destes atrasos e teñen asumido como práctica habitual obviar as obrigas co seu persoal até que haxa resolución xudicial. "Isto provoca que as traballadoras e traballadores desistan de reclamar o que se por dereito lle corresponde", subliñou.
Unha necesidade inaprazábel
A Unión Comarcal da CIG leva anos demandando a creación dun cuarto xulgado do Social para Lugo e en 2016 puxera en marcha unha intensa campaña con este obxectivo. De cara a paliar a situación de atasco, durante un ano, a cidade contou cunha xuíza de reforzo, que foi cesada sen previo aviso, pero "este reforzo nunca foi unha alternativa que solucionara os problemas. O necesario é crear o cuarto xulgado e dotalo do persoal preciso", aseverou Niño.
O sindicalista criticou a falta de responsabilidade dos Gobernos español e galego por non ter iniciado o proceso para a creación do cuarto xulgado do social, "demostrando que están do lado dos intereses do capital e non da clase traballadora".
O último xulgado que se creou en Lugo foi no ano 2010, e foi o xulgado de vixilancia penitenciaria de Galiza. "Levamos 8 anos discriminados totalmente, e mentres aquí non se avanzaba nada, creáronse xulgados do social en Pontevedra, Santiago e Ourense", explicou. "Hai que darlle unha volta á xustiza do social e en xeneral a toda a administración de xustiza, á vista dos escándalos que están protagonizando nos últimos tempos", concluíu Niño.