Centos de persoas proclaman en Compostela que Galiza é un pobo con dereitos
Centos de persoas sumáronse este domingo á mobilización convocada por Vía Galega en Compostela sob o lema “Galiza, un pobo con dereitos”. Unha manifestación coa que a plataforma -que integra a 65 organizacións culturais e sociais- culminaba a campaña iniciada o pasado mes de novembro para divulgar as características que conforman a nación galega e os dereitos que lle asisten como tal.
A mobilización percorreu as rúas de Compostela, partindo da Alameda Compostelá, e rematou na Praza da Quintana. O acto final foi conducido pola actriz Isabel Risco e contou coa intervención de María Xosé Bravo, da portavocía de Vía Galega, e a lectura dun manifesto por parte do escritor Suso de Toro e da actriz Neves Rodríguez.
MANIFESTO
GALIZA NACIÓN. UN POBO CON DEREITOS
Galiza é unha nación. Reúne todos os trazos que conforman unha unidade nacional. O propio Castelao, no Sempre en Galiza, amósanos a condición nacional de Galiza, por ter idioma propio, territorio diferente, unha vida económica peculiar coa súa estrutura social diferenciada, hábitos psicolóxicos colectivos e unha cultura de seu. Como pobo temos dereito a autodeterminación. A decidir o noso futuro como galegas e galegos. No entano, somos unha nación sen estado de seu, sometida e dependente do Estado Español que, nin sequera, recoñece o dereito a decidir das nacións que o conforman .
Galiza é unha nación con lingua propia, con máis de mil anos de historia. A lingua é a creación máis importante dun pobo. É o espello onde nos recoñecemos como galegos e galegas. O noso idioma como parte do tronco común do galego-portugués falase en 9 países dos cinco continentes. En galego, podemos comunicarnos con máis de 255 millóns de persoas.
Galiza é unha nación cun territorio ben definido e singular. Sometido a un continúo poboamento desde a prehistoria. Con grandes contrastes físicos e con diferentes ecosistemas. Unha extensa e orixinal rede fluvial:“o país dos dez mil rios” en palabras de Cunqueiro, con 1.720 Km de costa, cunhas rias singulares e dunha grande riqueza pesqueira e marisqueira. Galiza posúe unha grande variedade de recursos mineiros e un patrimonio natural inmenso. Galiza singularizase por un asentamento disperso con 30.675 núcleos de poboación. A paisaxe constitúe un dos seus trazos máis característicos. Nela perdura a pegada e a relación das súas xentes coa natureza e a terra.
Galiza é unha nación cunha cultura de seu. Unha cultura singular, prolífica e diferenciada. Unha cultura tradicional e popular inmensa, que se foi creando e manifestando no decorrer da nosa historia. Un pobo que foi sedimentando a súa identidade cultural, os costumes e hábitos sociais ao longo dos séculos.
Somos un pobo que posuímos un inmenso patrimonio de bens materiais e inmateriais. Todo un legado que da conta da diversidade, riqueza e dinamismo da nosa cultura, que foi modelando a nosa idiosincrasia, a nosa existencia e a defensa do pais. A tradición musical, en todas as súas variantes, xéneros e modalidades, está presente na nosa historia e dá conta do noso poder creativo. A notábel literatura galega, desde a lírica galego-portuguesa medíaval pasando polo rexurdimento até os noso días, proxecta a nosa razón de ser e existir. O compromiso co país, a identificación co idioma e o seu afán por normalizalo dan corpo ao noso rico e amplo sistema literario.
Galiza é unha nación con historia propia, aínda que ocultada e terxiversada, cando non negada. O modelo de asentamento dos antigos galaicos era o castro, ao redor do que se conformou a que coñecemos como cultura castrexa. Por volta do anos 20 da anterior Era, o Imperio Romano comezaría a conquistar o que denominaron Gallaecia, procurando o seu dominio polas súas riquezas. No século V chegan a Galiza os suevos e forman o Reino de Galiza que será o primeiro reino europeo. Na Idade Media, Galiza vai ser un reino relevante e con monarcas propios en diferentes períodos. O noso idioma orixínase no século IX, converténdose na lingua de uso normal até finais do século XV.
Neste século, iníciase o proceso de doma e castración do Reino de Galiza. Os cargos na administración e na Igrexa serán ocupados pola nobreza e o clero castelán. Galiza perde o voto en Cortes e o idioma galego pasa a ser perseguido. A nobreza galega fica sometida aos Reis Católicos, sendo reprimida toda a que non recoñece o seu poder. Galiza entra nos séculos escuros e negáselle a súa existencia política e cultural.
Durante o século XIX, prodúcense distintas insurreccións populares e levantamentos de afirmación patriótica e progresista, destacando o pronunciamento de 1846 cos Mártires de Carral. Rosalía de Castro publica en 1863 “Cantares Gallegos”, que dá paso ao que se coñece como Rexurdimento e actívase unha recuperación cultural, histórica e política.
No século XX articularase un forte movemento agrario, acompañado de levantamentos labregos e populares en Nebra, Oseira, Trasancos, Sobredo, Sofán... No ano 1916 créanse as Irmandades da Fala. No 1918 realizan a “Asemblea Nacionalista de Lugo”. No 1931 as Irmandades dan lugar ao Partido Galeguista. En xuño de 1936 vótase favorabelmente en plebiscito o Estatuto de Autonomía. En xullo prodúcese o golpe militar fascista e miles de galegas e galegos son asasinados, represaliados ou exiliados. No ano 1972 lévanse a cabo as folgas obreiras de Vigo e Ferrol cos asasinatos de Amador e Daniel. No ano 1974, inicia a andadura o sindicalismo nacionalista.
Galiza é protagonista dunha historia que está cargada de continuas e significativas loitas sociais, obreiras e labregas, como o amosan as doce folgas xerais dos últimos 30 anos. As mobilizacións obreiras en contra da reconversión naval; a batalla contra a cota empresarial; as tractoradas; a loita das Encrobas, de Xove antinuclear, de Baldaio; o movemento Nunca Máis, Queremos Galego, SOS Sanidade Pública, os 8M,etc, son loitas e mobilizacións contra a agresión ao noso medio natural, contra o espolio dos nosos recursos e en prol do emprego e dos sectores produtivos. Son loitas na defensa do noso idioma e cultura e a prol das liberdades democráticas e dos dereitos nacionais. Toda a nosa historia está atravesada pola loita permanente para que se nos recoñezan os nosos dereitos como nación e sermos libres como pobo.
Galiza é unha nación que atesoura importantes recursos agrarios, gandeiros, pesqueiros, marisqueiros, forestais, enerxéticos e mineiros. A gandería e agricultura, continúan a ter un grande potencial e a ser uns dos piares básicos da nosa economía. Somos a primeira potencia do estado en produción de leite, co 55% das explotacións e o 40% da produción. Somos os segundos produtores de carne bovina e primeira reserva e potencia forestal do Estado. Máis do 50% da madeira que se corta é galega. Exportamos o 40% da enerxía que producimos. Posuímos unha importante riqueza mineira, producindo o 60% da lousa e os segundos de Europa e quintos do mundo en produción de granito.
A longa tradición mariñeira converteu a Galiza nunha potencia mundial en pesca, marisqueo e acuicultura. Galiza é a primeira produtora de cultivos mariños da UE. Temos a primeira frota do Estado e unha das máis importantes de Europa
Mais, toda a nosa riqueza e potencialidade produtiva non desembocou nun deseño dun tecido industrial e económico ao servizo de Galiza. A nosa dependencia colonial e o sometemento aos intereses da oligarquía española e das grandes potencias da EU leva consigo que se apropien do noso excedente e non se procure un desenvolvemento autocentrado e ao servizo do País.
Galiza é unha nación con vontade colectiva de existir e de ser libre. Esta vontade de sermos fraguou os mecanismos para combater a asimilación, crear conciencia e manter viva a vontade de existir, mediante a autoorganización do pobo galego en organizacións propias en ámbitos como o político, sindical, social, cultural, ecolóxico, etc . Mais, tamén, para ir construíndo poder de decisión en Galiza, sen subordinacións nin dependencia de forzas e intereses alleos. Para evitar que outros decidan por nós e avanzar cara a autodeterminación.
A negación dos dereitos colectivos dos pobos leva implícito a limitación dos dereitos individuais das súas persoas. O exercermos a plena soberanía, o termos a plena capacidade política é un dereito inalienábel como nación que somos. Necesitamos gobernarnos a nos mesmos para combater o sufrimento, o desamparo e as incertezas que nos trouxo o COVID-19. Cuxas consecuencias sanitarias, económicas e sociais golpean con maior contundencia aos socialmente máis vulnerábeis, acrecentando o desemprego e a pobreza. A pandemia evidenciou que para o neoliberalismo a saúde é un grande negocio e non un dereito de toda a sociedade. Constatou a debilidade dos servizos públicos e as consecuencias da súa privatización. Aproveitouse politicamente para unha maior centralización Estado e a falta de competencias políticas e a subordinación do goberno galego impide unha saída xusta e galega a esta crise.
Decidir o noso futuro tórnase imprescindíbel para impedir o espolio e dispoñer dos nosos recursos e enerxía; para paralizar a eucaliptización do país e a contaminación do noso medio. A soberanía tamén é necesaria para poder combater con maior eficacia esta pandemia, para dispoñer do noso aforro, para dotármonos dun sistema financeiro público e propio, para gozar duns servizos públicos de calidade e para desenvolver a nosa base produtiva e os sectores estratéxicos da nosa economía.
Só con plena soberanía política, a riqueza, o excedente que xeramos e as grandes potencialidades do país estarán ao servizo de todos galegos e galegas. Temos dereito e querer responsabilizarnos do noso futuro como pobo. Para termos maior benestar social, rematar coa emigración, crear emprego digno e normalizar a nosa lingua e cultura. En definitiva, termos unha Galiza dona de si, para construír unha sociedade libre, máis democrática, xusta, igualitaria.