Máis dun milleiro de persoas participan nun confinamento simbólico do Protocolo Covid cunha cadea humana rodeando San Caetano
Despois do desprezo a toda a comunidade educativa que supuxo a publicación do Protocolo Covid o mesmo día que se celebrou a primeira cazolada, esta mañá centos de docentes volveron con máis forza, desta volta para levar a cabo unha cadea humana arredor do edificio administrativo de San Caetano. O obxectivo desta acción era confinar simbolicamente o documento dentro da propia Consellaría de Educación e esixir de novo "unha negociación real que poña enriba da mesa medios humanos e materiais para levar a cabo a protección de profesorado, alumnado e familias fronte á Covid19 o vindeiro curso escolar".
Durante a concentración, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello sinalou “a contradición e a irresponsabilidade que supón que a Xunta acabe de sacar unha recomendación na que limita o número de persoas en reunións privadas a 25 mentres que nunha aula, de Infantil e Primaria, haberá en moitos casos 26, dado que os mestres e mestras tamén contan, aínda que sabemos que para a Consellaría non. E xa non digamos en Secundaria e Bacharaleto no que a ratio máxima legal está marcada entre 30 e 35 estudantes por aula”. “O que se lexisla para o resto da poboación non vale para os centros de ensino que xa sabemos que estamos á marxe das preocupacións sanitarias da Xunta do PP”, apuntou Bermello.
Escrito á conselleira
Ao remate do “confinamento” estaba prevista a entrega dun escrito por rexistro dirixido á conselleira e asinado pola CIG-Ensino o resto de sindicatos da Mesa Sectorial. Non puido ser. A policía autonómica negou o acceso alegando que era preciso ter pedido cita previa polo que lle será enviado canto antes por sede electrónica.
Posteriormente deuse lectura ao contido do mesmo no que se volveron expoñer os motivos polos que de forma unánime este protocolo está a causar o rexeitamento de toda a comunidade educativa e no que se pide que se garanta a distancia mínima de seguridade de 1,5 metros estabelecida por todas as autoridades sanitarias, a redución de ratios nas aulas para precisamente dar solución a esta cuestión e o incremento de profesorado, á vez que se fixe un protocolo que diferencie os centros segundo a súa tipoloxía e no que quede claro que responsabilidades asume a administración e cales non.
Neste sentido, lémbrase que “o control que se pretende facer sobre a situación de posíbeis infeccións é absolutamente insuficiente e non ofrece ningún tipo de garantías, tanto na incorporación do profesorado, persoal non docente e alumnado como no seguimento de todos os colectivos unha vez comezado o curso.
A negativa a contratar máis persoal non docente tamén implica que os requisitos que se inclúen no protocolo ao respecto de limpeza e desinfección de espazos e materiais é absolutamente inasumíbel. "A Consellaría non asume as súas responsabilidade e abandona á súa sorte a toda a comunidade educativa, provocando tamén que a docencia quede nun segundo termo pola negativa a contratar máis persoal e sobrecargar de funcións, algunhas claramente impropias, ao profesorado”, denunciouse.
Afondar nas dúbidas ante posíbeis brotes
O documento asinado pola CIG-Ensino e o resto de sindicatos da Mesa tamén recolle que a xestión que se impón no caso de posíbeis surtos ou brotes non fai máis que agrandar as dúbidas e incertezas sobre o illamento dunha parte ou de todo o profesorado e o alumnado e a falta de criterios para unha posterior reincorporación tamén é un exemplo de como a Consellaría pretende novamente evadir toda responsabilidade. "Se durante o estado de alarma a Consellaría se escondeu detrás dun “mando único” educativo inexistente, agora deriva toda a xestión e riscos no profesorado”.
Por último, critícase que no protocolo da Consellaría non se fixa como vai ser a teledocencia se de novo nos atopamos en situación de confinamento total ou parcial nos centros de ensino.”O profesorado supliu as enormes eivas dunha administración que non estaba preparada para afrontar unha crise desta dimensión, con medios propios, con sobreesforzo, con plena dedicación, sen horarios, desbordado en moitas ocasións. Iso non pode volver a acontecer. O teletraballo, como a docencia presencial, debe ter regras, horarios, medios, condicións, deberes e dereitos. A Consellaría non fixo absolutamente nada nin trazas ten de facelo”.
De cara a setembro, os sindicatos anuncian un comezo de curso quente no plano mobilizador. “A mobilización do profesorado e da comunidade educativa para evitar que o protocolo da Consellaría sexa unha realidade tamén é mostra da responsabilidade na defensa dun ensino público galego de calidade, presencial, seguro e con equidade. Ese é o noso compromiso, a nosa loita, a nosa responsabilidade”, sentenza o documento.