Centos de persoas participan nas cidades galegas nunha cazolada contra as ameazas do Rei a Catalunya

Nas mobilizacións da plataforma Galiza con Catalunya defendeuse a leixtimidade do referendo do 1-O
Nacional - 04 Out 2017

As cidades galegas acolleron este mércores cazoladas convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya, que agrupa a máis de 30 organizacións –entre elas a CIG- nas que centos e centos de persoas manifestaron o seu rexeitamento ás ameazas que o Rei Felipe VI proferiu contra o pobo catalán e as/os seus representantes institucionais. As/os manifestantes reclamaron ademais que se recoñezan os resultados do referendo celevrado o pasado domingo 1 de outubro.

MANIFESTO CAZOLADAS 4 DE OUTUBRO

A aparición pública do Xefe do Estado, Felipe VI, para facer unha declaración oficial da Casa Real sobre a situación política de Catalunya corroborou novamente que o Estado español apostou única e definitivamente pola vía represiva. Sen entender a profundidade e o alcance do acontecido nos últimos anos en Catalunya -nun proceso que culminou o domingo co referendo de autodeterminación de masiva participación- a posición de Felipe VI converteuse nunha sucesión de ameazas contra o pobo catalán e a súa lexítima representanción política e institucional.  

A realidade é que a pesar de causarnos todo o rexeitamento, as palabras do monarca español a estas horas xa non teñen mais efecto que o de declaración formal porque Catalunya xa ten en marcha o proceso que, de acordo coa Lei de Desconexión aprobada no Parlament, rematará coa declaración de Independencia e a constitución da República Catalá.

Catalunya leva xa días, en realidade anos, desconectada dun Reino de España que non soubo atender as demandas maioritarias do seu pobo e pactar un proceso que dese voz e voto e determinara a vontade popular. O independentismo sempre deixou claro, que de se arbitrar tal proceso que rematara nun referendo vinculante, aceptarían o resultado fora este o que fora. O estado español nunca aceptou nen a mínima posiblidade de discusión sobre esa vía pactada. Optaron por se agochar detrás da Constitución Española e non dubidaron en tentar impedir o dereito a decidir por todos os medios até rematar no uso indiscriminado da violencia que avergoñou ao mundo o pasado domingo, como último recurso para imposibilitar o referendo e deslexitimar o seu resultado.

Desde a Plataforma Galiza con Catalunya, defendemos a lexitimidade dos resultados dun referendo que tivo todas as garantías legais posíbeis nun contexto onde o máis básico, como ter censo, urnas ou papeletas de votación foi unha auténtica empresa colectiva que contou con milleiros de persoas autoorganizadas, frente a unha situación de auténtico bloqueo e acoso político, institucional, xudicial e policial.

Hoxe protestamos con olas e culleres contra a anacrónica presenza dunha institución medieval no que debera de ser un debate do século XXI. Haberá tempo para valorar con calma o que supón a auténtica revolución democrática e popular protagonizada polo pobo catalán. A vía catalana de desobediencia e resistencia frente ao réxime do 78, que sucedeu a un franquismo esgotado e que nega calquera vía para efectivizar a vontade democrática dos pobos, supón un exemplo de determinación, unidade e forza para todos os pobos que percorreremos, mais cedo que tarde, o noso propio camiño.

Visca Catalunya!

Vivan os pobos libres!