A CIG rexeita a estafa da luz coa queima simbólica de facturas por todo o país
A CIG mobilizouse este domingo en 24 concellos en contra da estafa da luz e para reclamar a recuperación das centrais hidroeléctricas, a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega e que se recoñeza a enerxía como un dereito universal. Nesta segunda xeira de protestas da CIG contra a alza imparábel do prezo da luz e a inacción dos gobernos, fíxose unha queima simbólica de facturas como acto de desagravio, máis tamén de reivindicación contra unhas eléctricas que, mentres acumulan beneficios multimillonarios, abocan a clase traballadora á pobreza enerxética.
Mobilizacións de Vigo, O Porriño, A Guarda e Cangas
Imaxes de Pontevedra, Vilgarcía, A Estrada e Lalín
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na concentración da Coruña, explicou que con esta nova xornada de mobilizacións quérese esixirlle aos gobernos políticas que poñan freo á escalada imparábel da factura eléctrica, "que cada vez está a facer máis estragos no conxunto da clase traballadora e da actividade económica e industrial".
Mobilizacións, lembrou, que chegan tras a prohibición da manifestación que a CIG tiña convocada o pasado venres con motivo da intervención do presidente de Iberdrola no Foro da Toxa. "Máis unha vez comprobamos como se nos quere silenciar á hora de denunciar a falta de medidas por parte dos gobernos para frear a alza da luz", criticou.
Neste senso, Carril advertiu que á nula actuación do goberno galego para poñer freo á impunidade coa que actúan as eléctricas, súmaselle a insuficiencia nas medidas tomadas polo goberno español "que non están na dirección que permita de forma inmediata garantir uns prezos xustos da enerxía, tendo en conta que este é un ben de consumo de primeira necesidade para o benestar social, para a actividade económica e para actividade industrial".
Denunciou que todos os gobernos son culpábeis da actual regulación do sistema eléctrico e que no contexto da chamada transición enerxética, "comprobamos como perpetúan esta estafa, regulando e financiando a entrada de cheo que neste proceso están a ter a eléctricas". Carril insistiu en que esta alza insostíbel do prezo da luz "é a consecuencia de anos de políticas pensadas para favorecer exclusivamente os intereses das empresas eléctricas".
A enerxía ten que estar ao servizo do pobo
Pero se resulta grave que isto estea a suceder no conxunto do Estado, "en Galiza resulta imperdoábel. O goberno galego, para ser digno de tal nome, debera de ser quen dera respostas no camiño de poñer a enerxía ao servizo do pobo e apoiar a creación dunha tarifa eléctrica galega", aseverou.
Lembrou que Galiza exporta unha media do 30% da enerxía que xera, como consecuencia de decisións políticas que fixeron do noso país un territorio especializado na produción eléctrica, con enormes custes sociais e ambientais, mais sen que poidamos tirar proveito de ningún tipo desta actividade. Ao contrario, "a desertización industrial e a emigración son exemplos que vivimos, cada vez, con máis frecuencia. É un delito que en Galiza haxa pobreza enerxética nas casas e que polos altos prezos da electricidade pechen empresas".
Engadiu Carril que, no actual proceso de colonización enerxética de Galiza, aos macroparques eólicos que ameazan os nosos montes e terras, súmaselle a destrución de ríos e terras produtivas polo gran número de centrais hidroeléctricas que temos. "E para máis colmo de desgrazas, róubasenos o dereito a poder vivir da industria eólica, como estamos a ver coa ameza do ERE de Vestas".
Nulo papel dos gobernos
O secretario xeral da CIG subliñou que esta situación ten culpábeis directos "que son, en primeiro lugar o goberno galego, mais tamén o goberno español, pois a ausencia de políticas públicas lévanos a que en Galiza nin teñamos a luz máis barata nin tampouco desenvolvemento industrial, xa que non se obriga ás empresas a que a instalación masiva de eólicos leve ligados proxectos industriais para a súa implantación".
Fronte a isto, a CIG demanda solucións como as que leva anos reclamando a través de diferentes ILP (a da Tarifa Eléctrica Galega, a da recuperación das Centrais Hidroeléctricas, ou as propostas para dar solución á industria electrointensiva), así como as alegadas na recente tramitación da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, e nas propostas feitas en outubro do ano pasado para unha saída galega xusta da crise.
As propostas da CIG
Carril referiu as medidas urxentes que CIG propón adoptar por parte dos gobernos español e galego, no marco das súas competencias, vía decreto e outras ferramentas legais. Propostas que ten presentado en numerosas ocasións, que non foron atendidas polos distintos gobernos e cuxa aplicación tería evitado chegar á actual situación:
Mobilizacións de Lugo, Monforte, Foz, Sarria e Vilalba
1.-O recoñecemento da enerxía como dereito fundamental a unha vida digna que obriga ás Administracións Públicas a desenvolver e fomentar políticas públicas de intervención no sector eléctrico coas que garantir o aceso de todas as persoas á mesma.
2.-Reversión das instalacións hidroeléctricas que teñan rematado e rematen a concesión, destinado os beneficios da produción hidroeléctrica a abaratar o custe da electricidade.
3.- Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión vaia vencendo e, tamén, controle as participacións accionariais que ten a Xunta noutras empresas enerxéticas.
4.- Fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor de acordo á lexislación de augas vixente en Galiza e no Estado español a fin de garantir que a enerxía reservada en favor das Administracións Públicas se destina a baixar o prezo da electricidade.
5.- Modificar o sistema tarifario, limpando a factura de todas as peaxes que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, coa produción de electricidade: primas renovábeis, custes extrapeninsulares...
6.- Retirada do pool, do mercado maiorista, para fixar o prezo da electricidade, as centrais hidráulicas e as nucleares.
7.- Modificar transitoriamente os impostos que actualmente están presentes na tarifa eléctrica e que pagan inxustamente as persoas consumidoras mentres non entren en vigor as medidas anteriores, reducindo o tipo máximo de IVE actual, do 21%, ao 4% que se aplica aos produtos básicos e, así mesmo, que as empresas deixen de repercutir nas usuarias e usuarios o 7% do imposto á xeración.
8.- Implantación da tarifa eléctrica galega, dunha tarifa eléctrica máis baixa en Galiza, partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico.