Centos de persoas mobilízanse en Xove para esixir unha solución inmediata para a fábrica de aluminio
Centos de persoas concentráronse na mañá deste domingo na Praza do Concello de Xove para esixir unha solución definitiva que dea certeza aos postos de traballo e á continuidade industrial da fábrica de aluminio de San Cibrao. A protesta convócase cando se cumpre un ano da formulación por parte de Alcoa do ERE para despedir a máis de 500 traballadores/as directos e que suporía ademais o despedimento doutras tantas persoas das empresas auxiliares.
Porén, transcorrido un ano dende que a multinacional norteamericana puxo en marcha o seu plan de despedimentos e peche da fábrica, os gobernos "seguen sen querer dar unha solución definitiva e seguen permitindo que Alcoa teña secuestrado o futuro de toda unha comarca". Así se manifestaba durante a protesta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen alertou que "canto máis tarde en acadarse unha saída máis se deteriorarán as instalacións, máis posición no mercado se perderá e máis nos aproximamos á resolución do recurso que Alcoa presentou contra a sentenza que anulou o ERE".
Insistiu en que a SEPI "non pode escapar do seu papel protagonista na consecución dunha solución, atendendo aos compromisos adquiridos, ás declaracións aprobadas no Congreso e ao clamor da Mariña esixindo a intervención pública da fábrica". A este respecto, engadiu que o apoio do goberno español e do goberno galego aos traballadores/as e á comarca "demóstrase con actuacións políticas para materializar a operación de venda e impedir que Alcoa siga mantendo nunha absoluta incerteza a continuidade dos empregos e da actividade produtiva dun sector estratéxico para Galiza, como é a produción de aluminio primario".
O secretario xeral da CIG valorou que a paz social entregada polo persoal para facilitar as negociacións da venda non supón abandonar a loita nin as mobilizacións, "porque chegar ao punto actual só foi posíbel grazas a resposta contundente, firme e continuada dos traballadores e traballadoras de Alcoa, da súa industria auxiliar e do conxunto da cidadanía da Mariña. Unha resposta exemplar pero da que até o momento nin a empresa, nin o Executivo español, nin a Xunta estiveron a altura".
Carril criticou que "non pode ser que un ano despois, con toda a acumulación de mobilizacións e das sentenzas gañadas, continúemos sen ter unha solución viábel e con garantías de futuro. O goberno ten na súa man a saída a esta tortura: iniciar xa os mecanismos para a adquisición da planta e, unha vez dentro do ámbito público e coa garantía de manter as capacidades produtivas e os postos de traballo, abordar con tranquilidade a busca dunha nova propietaria que reúna todas as garantías".