Centos de persoas mobilízanse en rexeitamento á violencia machista
Centos de persoas saíron ás rúas de Galiza na tarde do martes en repulsa ao asasinato de Virginia F.V. no Carballiño a mans do seu home. É a primeira vítima do ano 2017 no noso país, pero como se destacou nas concentracións convocadas polo feminismo galego "non imos poñer o contador a 0", pois facelo sería deixar no esquecemento os feminicidios de todas as mulleres asasinadas en anos anteriores.
"Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Deberan ser os últimos. Non podemos asumir a normalidade dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Case 700 no estado español. Un feminicidio invisibilizado e mesmo recentemente negado a través dos medios de comunicación", subliñouse durante as concentracións.
Así, advirten que non é casual que agora que comeza a percibirse un rexeitamento social á violencia machista e que a cidadanía comeza a percibir a magnitude dos feminicidios, "dende varios estamentos se pretenda impoñer unha cortiña de fume e reducir os feminicidios á espiral da violencia, a un sentimento innato coincidente no ser humano, desposuíndoo de xénero".
Mensaxes coas que se busca invisibilizar a compoñente machista dos feminicidios, aducindo que se trata de seres violentos. "No caso que nos ocupa, enmascarándoo cun problema psiquiátrico do agresor, para que nin sequera compute como tal nas cifras oficiais da violencia machista".
Porén, a realidade ofrece outra cara: os presos por violencia machista son, a día de hoxe, o terceiro maior grupo nas cárceres do Estado español. Actualmente hai case 20.000 reclusos por esta causa, fronte, por exemplo, a 11.000 condenados por homicidio. "A pesar destas cifras demoledoras non hai comparecencias pola vía de urxencia dos presidentes do goberno da Xunta nin do Estado, tan só ocupan minutos de silencio institucional", denunciouse.
"Non podemos permitir que se siga a insistir en que sexan as mulleres quen denuncien, que sexan elas as que tomen as medidas de protección, no canto de dirixir as campañas aos maltratadores, aos violadores, aos asasinos. Queremos poder ser libres coma os homes: para poder circular de noite, para poder andar soas polas rúas, para poder separarnos das nosas parellas sen medo a que nos maten", aseverouse durante as concentracións.