Centos de persoas mobilízanse en Galiza contra o endurecemento do delito de desordes públicas
Centos de persoas concentráronse diante da Delegación do Goberno, na Coruña; das Subdelegacións do Goberno en Lugo, Ourense e Pontevedra; na praza Amada García, en Ferrol, diante do Marco, en Vigo na praza Roxa de Compostela, para manifestar o seu rexeitamento á criminalización da protesta social, co endurecemento do delito de desordes públicas e en defensa dos dereitos democráticos e das liberdades públicas.
As mobilizacións, que foron convocadas por organizacións sociais, políticas e culturais como BNG, CIG, A MESA, MAR DE LUMES, ERGUER, GALIZA NOVA, ESCULCA, FRUGA, SLG, MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES, ADEGA, PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO, VÍA GALEGA, CON LUPA (asociación cidadá contra a letra pequena) ou a PLATAFORMA GALEGA CONTRA A OTAN, decorreron de forma simultánea nas sete cidades e ao seu remate deuse lectura a un manifesto que, de seguido, reproducimos.
MANIFESTO
Pola defensa dos dereitos democráticos e das liberdades públicas
Non ao delito de desordes públicas agravadas
O debate sobre a derrogación do delito de sedición esta inzado de armadillas. Por unha parte, proponse eliminar a persecución penal de condutas pouco encaixábeis na realidade social actual mais, por outra, endurece a regulación dos delitos de desordes públicas, colidindo cos dereitos fundamentais de participación política.
Do punto de vista dunha posición antipunitivista e dun dereito penal de mínimos, a eliminación do delito de sedición non ofrece dúbidas. A sedición presenta unha penalidade desproporcionada en que a cualificación é vinculada a concretas finalidades típicas (impedir a aplicación das leis ou o exercicio das funcións da autoridade).
Existe un risco permanente de que moitas condutas susceptíbeis de se manifestaren nunha protesta, non necesariamente violentas, sexan cualificadas como sedición, nomeadamente cando as accións de desobediencia teñen elevado seguimento popular. Por todo o anterior, a súa derrogación non pode ser cualificada doutra forma que positiva e conforme á necesidade de revisión do Código Penal.
Ora, coa escusa da eliminación do tipo de sedición, a proposición de lei orgánica do PSOE e Unidas Podemos non só mantén os tipos xa existentes, senón que pretende introducir un tipo agravado absolutamente innecesario, que torna delituosas (coa posibilidade de sancionar con maior pena) condutas que deberían entenderse comprendidas fundamentalmente dentro do dereito de manifestación.
Cómpre non esquecer que a actual regulación de desordes publicas xa é de gran dureza. O tipo básico deste delito, que se mantén coa proposición de lei orgánica, sanciona con penas de seis meses a tres anos de prisión a comisión deste. Por se non for suficiente, agora a regulación complétase cun precepto que penaliza formas frecuentes de protesta pacífica ou desobediencia civil, tales como “invadir ou ocupar” locais ou espazos públicos ou privados -despachos, oficinas, edificios-, mesmo que for sen violencia nin intimidación, que “causen unha perturbación relevante para a paz pública e a súa actividade normal”.
Formas de expresión da protesta social e política son, por tanto, criminalizadas e poden ser sancionadas penalmente, máxime tendo en conta o habitual maioritario comportamento pouco democrático da xudicatura do estado español, de maneira que moitas accións de protesta tradicionais, cívicas e pacíficas -ocupacións, encadeamentos, cortes de vías públicas...- agora poderían ser duramente sancionadas.
Para alén do máis, é introducido como determinante o concepto de ‘intimidación’. Este concepto é altamente subxectivo e, por tanto, pode permitir unha maior incriminación, dependendo da credibilidade que dea o xuíz ou xuíza a quen presenta a denuncia. É preciso ter en conta que se a denunciante for a policía, a “presunción de veracidade” desta actúa en contra da persoa denunciada.
Mais non é só a ‘intimidación’. A nova proposta substitúe o termo 'alzamento tumultuario” da antiga sedición por 'multitude', elemento normativo tamén de moi difícil concreción. Aliás, outros conceptos esenciais para entendermos se a conduta é delituosa ou non, tales como 'paz pública' ou 'ocasion e perigo para a vida ou a saúde das persoas’ dependen, infelizmente, do que recolla o atestado policial e da interpretación das forzas de seguridade do Estado, que adoitan ser acollidas acriticamente polos órganos xurisdicionais e van ser dificilmente impugnábeis polas defensas perante os tribunais penais.
O emprego excesivo destes conceptos xurídicos indeterminados vai en detrimento do principio de legalidade e posibilita a arbitrariedade na criminalización de accións que forman parte do dereito de protesta, de accións habituais que sempre foron empregadas para conquistar dereitos sociais, políticos e laborais.
Por todo o anterior, a derrogación do delito de sedición non debería supor un novo marco normativo de endurecemento do delito de desordes públicas, que previsibelmente funcionará para coartar dereitos fundamentais como o de manifestación ou o de participación política e para ampliar e estender a represión contra calquera actuación de disidencia política ou de malestar e protesta social.
Por tanto, é unha norma regresiva que debe ser rexeitada no que vaia alén da mera derrogación do delito de sedición.