Centos de persoas mobilízanse en ciudades e vilas galegas en demanda dunha Atención Primaria digna
Centos e centos de persoas sumáronse hoxe ás mobilizacións convocadas pola plataforma cidadá SOS Sanidade Pública, en máis de 30 localidades galegas, para “salvar e fortalecer a Atención Primaria e a todo o Sistema Sanitario Público Galego”, seriamente ameazado polas política de recortes e desmantelamento da Xunta de Galicia do PP e a Consellaría de Sanidade.
Ao remate dos actos representantes da plataforma deron lectura a un manifesto no que se denunciaron as trabas e limitacións que sofre a poboación para acceder e ser atendida de maneira presencial nos Centros de Saúde, PACs e Servizos de Pediatría de Atención Primaria. “Soporta listas de agarda de días e semáns e consultas masificadas. Estan desaparecendo as consultas de pediatría. Moitos PACs están pechados ao igual que moitos Centros de Saúde. Boa parte dos Centros non poden facer as actividades de promoción, prevención, promoción, rehabilitación, atención ás enfermidades crónicas, atención a comunidade e os programas da muller e do neno san. O SERGAS acabou coa participación comunitaria. O persoal dos centros esta sometido a condicións de inestabilidade e precariedade laboral inaceptables e a unha enorme presión asistencial polo recorte de persoal e a falta de recursos”.
Responsabilidade da Xunta de Galiza
SOS Sanidade Pública denuncia tamén que desde a Xunta de Galiza do PP e a Consellaría de Sanidade, non hai ningunha vontade de facer fronte ao problema, dado que para o 2023, o orzamento sanitario apenas crece respecto a este ano, especialmente o de Atención Primaria que pasa do ridículo 13,4% ao 13,7% do gasto sanitario total, tres miserables décimas para facer fronte á maior crise do sistema sanitario desde que se creou. A OMS recomenda o 25% do total.
“Con este incremento é imposible recuperar a normalidade nas consultas de medicina familiar, dos servizos de pediatría e dos PACs pechados por falta de persoal médico e dos outros profesionais necesarios para unha atención integral e de calidade”, afirmaron.
ILP para frear o desmantelamento da Atención Primaria
A Plataforma pediu ademais o apoio masivo á Iniciativa Lexislativa Popular na que propón que o Parlamento de Galiza debata e aprobe unha serie de medidas necesarias para solucionar a situación e poder contar cun novo modelo de Atención Primaria. Ademais rexeitou as recentes declaracións do presidente da Xunta, que atribuíu a gravísima problemática do sistema sanitario público galego a “problemas Puntuais”.
Respecto do novo modelo de Atención Primaria, incidiuse na importancia de que responda ás necesidades da poboación; que estea dotado dos recursos necesarios para atender os problemas e demandas de saúde da poboación, baseado na promoción, prevención, participación social e traballo comunitario.
Neste sentido lembraron que o Consello Técnico de Atención Primaria de Galiza, que estivo traballando durante 2 anos de forma desinteresada, entregou as conclusións das 15 Comisións Técnicas á administración do PP, hai xa dous anos e denunciaron que “as ten nun caixón”.
Salientaron que nesas conclusións, está a proposta dese novo modelo que “non depende só de cartos, que tamén, senón de vontade política” e de “deixar a privatización do Sistema Sanitario Público na Galiza”.
Gran mobilización o 12 de febreiro en Compostela
Advertiron que as mobilizacións non van parar, ata conseguir o obxectivo de “salvar e fortalecer a nosa Atención Primaria”. E anunciaron que a Plataforma ten previsto convocar unha gran manifestación o 12 de febreiro do 2023 en Compostela”.
Unha mobilización que agardan que, como as anteriores, sexa multitudinaria. “Que o PP nos faga caso, xá é máis difícil. Pero para iso estan as urnas”, apuntaron, concluíndo que “só a alianza da poboación co persoal sanitario, pode frear a deterioración do nivel de asistencia en Atención Primaria e a precariedade do persoal”.