Centos de persoas mobilízanse nas sete cidades contra a guerra imperialista
Centos de persoas participaron na tarde deste martes nas concentracións convocadas pola Plataforma Galiza pola Paz nas sete cidades en defensa da paz e do dereito internacional e para rexeitar a agresión imperialista contra Irán por parte dos Estados Unidos e Israel. No decurso das protestas deuse lectura a un comunicado que pasarmos a reproducir:
CONTRA A GUERRA IMPERIALISTA
Estamos aquí, nas rúas das principais cidades da Galiza, porque os Estados Unidos e Israel atacaron Irán esta fin de semana. Mais non nos enganemos: o que comezou na madrugada do sábado non comezou na madrugada do sábado. Vén de hai tempo, coa guerra do Iraque, coa demolición da Libia, coa destrución da Siria, co bloqueo criminal de Cuba, co estrangulamento sistemático de Venezuela, co acoso permanente ao Líbano, cos repetidos ataques contra o Iemen e co xenocidio continuado do pobo palestino.
Cada vez que un pobo ousa dicir non ao poder de Washington, a resposta segue o mesmo patrón: presión económica, desestabilización política, guerra mediática e, cando todo iso non abonda, as bombas.
Irán leva anos a padecer esta estratexia. Sancións que empobrecen a súa poboación, ataques encubertos á súa infraestrutura enerxética e científica, guerra mediática. Esta fin de semana deron o paso seguinte. O asasinato de Ali Khamenei e de varios outros altos mandos do Estado para desmoroar o Estado iraniano. Non porque Irán ameace ninguén: senón porque Irán se nega a dobrar o xeonllo e a se someter ao eixo imperialista.
Chámase a isto "orde internacional baseada en regras". Mais de que orde falamos? Da orde que permite Israel manter sete décadas de ocupación ilegal na Palestina, na Siria e no Líbano, ignorando todas e cada unha das resolucións da comunidade internacional? Das regras que amparan dous anos e medio de xenocidio innegábel en Gaza mentres a comunidade internacional olla para outra parte? Das regras que os propios Estados Unidos pisan cada vez que os seus intereses o esixen? Esa orde revela que nunca foi un sistema de garantías universais. Que foi sempre un instrumento de dominación. Que se invoca cando favorece aos poderosos e se descarta cando os incomoda. O ataque a Irán é, xa que logo, a súa demostración máis recente.
Mais o que está en xogo non é só Irán. O imperialismo sabe que a orde unipolar que Washington impuxo tras a Guerra Fría está a esfiañarse. A emerxencia dun mundo multipolar, no que os pobos do Sur Global reclaman o dereito a determinar os seus propios destinos, é percibida como unha ameaza existencial polas oligarquías occidentais. Irán é hoxe un nó fundamental dese proceso: pola súa posición xeoestratéxica, pola súa independencia política, pola súa resistencia a décadas de presión. Por iso o atacan. O obxectivo non é a seguridade rexional: é disciplinar todo aquel que ouse construír alternativas á hexemonía imperial.
Neste contexto, non podemos permitir que a nosa solidariedade sexa selectiva. As crianzas masacradas en Irán esta fin de semana non valen menos que as crianzas asasinadas en Gaza. A vida humana non ten xerarquías segundo o encadramento político dos seus dirixentes nin segundo a cobertura mediática que reciba a súa morte.
Do mesmo xeito que condenamos o xenocidio palestino, debemos condenar con igual contundencia esta agresión. Non hai coherencia posíbel nun internacionalismo que escolle as súas vítimas.
Por iso estamos aquí, nestas prazas e rúas. Porque do mesmo xeito que facemos co xenocidio palestino, é o noso papel — o papel da solidariedade e das e dos internacionalistas — presionar quen nos goberna para exixir unha desescalada. Para sinalar os responsábeis desta agresión. Para forzalos a asumir unha verdadeira axenda de paz.
A paz que nós defendemos, porén, non é a paz dos cemiterios nin a paz que predican os que acaban de lanzar os misís. É unha paz que só pode existir cando cesan as agresións, cando se respecta sen condicións a soberanía dos pobos, cando as relacións internacionais deixan de ser un sistema de subordinación ao servizo dos máis fortes. Esa paz esixe nomear o agresor — os Estados Unidos e o estado sionista de Israel — esixe resistencia e esixe mobilización.
Fronte a quen apoia unha escalada da confrontación e a guerra, o pobo galego ten demostrado nos últimos meses que é capaz de se colocar do lado correcto e á altura das circunstancias. Hoxe, como coa Palestina, chamamos a manter esa voz alta e clara: non ao imperialismo, non á guerra e non ao silencio cómplice.
Galiza pola Paz!