Centos de persoas marchan en Ourense en solidariedade coa loita do persoal de Coasa
Varios centos de persoas participaron hoxe na manifestación convocada polo cadro de persoal de Coasa, compañía do sector da aeronáutica con sede en Ourense, coincidindo cunha nova xornada de folga para reclamar melloras laborais.
A marcha arrincou pasadas as 10:30 horas do local dos sindicatos, no Parque de San Lázaro, e rematou arredor do mediodía diante da Subdelegación do Goberno español tras percorrer as principais rúas do centro da cidade ao berro de “Coasa solución, dirección dimisión” e “Así, así, nin un paso atrás, esta batalla ímola gañar”.
Segundo explican dende a representación da CIG no comité de empresa, as posturas atópanse nestes momentos moi distantes pola negativa da dirección a consolidar os incrementos salariais que se pacten na plataforma anexa ao convenio que se está a negociar. Así quedou de manifesto na xuntanza mantida no día de onte entre as partes, encontro que está previsto que se repita este mércores 26. No caso de que remate sen acordo farase efectiva a nova xornada de folga convocada para o xoves 27.
Os traballadores/as da compañía situada no Parque Tecnolóxico de Galiza, en San Cibrao das Viñas optaron por levar a cabo os pasados días 13 e 14 de xuño as dúas primeiras xornadas de folga ante o bloqueo por parte da dirección das negociacións da plataforma anexa ao convenio colectivo, que mellora lixeiramente as condicións de traballo. As xornadas de folga continuaron o mércores 19 e o xoves 20, en todos os casos cun seguimento total entre o persoal de fábrica, sendo maioritario tamén entre o persoal técnico.
O principal punto de desencontro ten que ver co rexeitamento de Coasa a que a suba de soldos vaia a táboas, optando a empresa por propoñer unha paga única non consolidábel que o persoal considera insuficiente para paliar a perda de poder adquisitivo acumulada nestes catro anos, que foi de entre 5000 e 6000 euros dependendo da categoría profesional.