Profesorado, alumnado e familias marchan arredor da Xunta en Defensa do Ensino Público

Clamaron pola redución de ratios, melloras nos horarios e pola presencialidade na FP
Nacional - 27 Xun 2023

Centos de persoas, entre profesorado, alumnado e familias sumáronse esta mañá á convocatoria da CIG-Ensino, ANPAS Galegas e Erguer dunha marcha arredor da Xunta de Galiza para exixir ao goberno do PP a redución de ratios, mellores horarios docentes, máis recursos para a atención á diversidade e para o ensino rural e polo mantemento da presencialidade na FP. As e os manifestantes clamaron contra os recortes e a privatización do ensino público.

“O presidente Alfonso Rueda non pode manter a situación do ensino público galego á cola do Estado, en comparsa con Ayuso, e seguir sen reverter os recortes lesivos perpetrados polos gobernos do PP da Xunta e do Estado”. Esta mensaxe clara e directa foi a que lanzaron hoxe miles de persoas en Santiago nunha marcha en defensa do ensino público onde tiveron especial protagonismo as últimas decisións  da Consellaría de Educación de transformar preto de 2000 praszas de ensino presencial na FP en distancia, como antesala do que pretenden facer con todas as ensinanzas para persoas adultas.

A Consellaría de Educación, e nomeadamente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ten que tomar nota do malestar que acumulan profesorado, familias e alumnado polas políticas lesivas do PP desde 2009 e que non fan máis que agudizarse cada ano. Hoxe ese malestar converteuse nun clamor unánime nunha Marcha en defensa do ensino público na que participaron miles de persoas que rodearon simbolicamente San Caetano e se concentraron diante da Consellaría de Educación para reivindicar, tal e como se recollía no manifesto lido por representantes das tres organizacións convocantes: Erguer, Anpas Galegas e a CIG-Ensino, as seguintes demandas:

Non ao peche de unidades e elaboración dun plan específico de apoio á educación no medio rural: asumir o compromiso de non pechar aulas no curso 2023/24 nin de promover novos agrupamentos de aulas de diferentes niveis e negociación de medidas específicas que promovan a continuidade e a mellora dos servizos educativos nos concellos rurais.

Redución de ratios de alumnado por aula. Negociar unha redución con carácter xeral das ratios en todas as etapas educativas, como xa veñen de facer moitas comunidades autónomas e promover, con carácter inmediato, desdobres en todos os niveis que permitan unha mellor atención educativa. Así mesmo, facilitar a implantación de Programas de Diversificación Curricular e ciclos de FP básica por todo o territorio, segundo a demanda dos centros educativos.

Redución de alumnado por docente. A mellora na práctica docente pasa por reducir o número de alumnado ao que cada profesora ou profesor ten que impartir docencia, limitando igualmente os grupos aos que cada docente imparte docencia.

Redución do horario lectivo do profesorado. Galiza é, xunto con Madrid, a única administración autonómica que non regulou a recuperación de horarios lectivos previos aos importantes recortes dos gobernos de Rajoy e Feijóo, que implicaron un claro deterioro nas condicións de traballo docentes e a falta de tempo para o realmente importante: a preparación das clases e a atención directa ao alumnado na aula.

Melloras pedagóxicas e redución da burocracia. A burocracia debe deixar de ser un dos elementos que máis lastran a práctica docente, primando a coordinación pedagóxica e a participación de toda a comunidade educativa nas actividades que organizan os centros fronte a procesos de estandarización que están nas antípodas dun ensino transformador.

A atención á diversidade, no centro da política educativa. Familias, alumnado e profesorado precisan dun aumento de recursos destinados a facer da inclusión non un mero lema senón unha realidade con todos os recursos. Formación específica, incremento de apoios docentes e maior dotación orzamentaria son elementos imprescindíbeis para que unhas aulas cada vez máis heteroxéneas e complexas poidan ter as mellores condicións para non deixar ninguén atrás, promover a educación en valores democráticos e atender a estabilidade emocional do alumnado.

Mantemento da presencialidade en todas as ensinanzas, anulando a supresión ou transformación en modalidade a distancia dos ciclos de FP en oferta ordinaria e modular e retirando o anteproxecto de Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta que prevé centrar estas ensinanzas na modalidade a distancia, reducindo paulatinamente a oferta presencial en institutos e centros de adultos.

A mobilización de hoxe como antesala de novas accións de protesta

 

Nas declaracións aos medios de comunicación, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, indicou que nada se sabe até o de agora dos plans da Consellaría “que agardará coma sempre até finais de verán para comunicar as supresións de aulas e peche de unidades, así como fixo coa transformación de preto de 2000 prazas presenciais de FP en distancia case no momento en que se abría a matrícula e como pretende facer con todas as ensinanzas para persoas de adultas”.

Nese sentido afirmou que “Rueda segue sendo o campeón dos recortes, como xa o foi Feijóo o seu día incrementando as ratios e os horarios lectivos. Galiza e Madrid seguen sendo as únicas comunidades que aínda manteñen as 20 horas lectivas en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e 25 en infantil, primaria e educación especial. Tampouco acometeu a baixada de ratios que si fixeron moitas outras CCAA e agora, da man de Ayuso, adiántase con esta estratexia na que se carga a presencialidade na FP mentres a presidenta madrileña fai o mesmo pero co Bacharelato para persoas adultas”.

Uns plans que, dixo, “están perfectamente trazados no Anteproxecto de Lei de aprendizaxe ao longo da vida adulta que estivo un ano metido nun caixón e que a Xunta pretende aprobar antes de que remate a lexislatura. O eixe principal desta lei é que todas as ensinanzas para persoas adultas, tanto ESA como Bacharelato, como FP ou mesmo ensinanzas de réxime especial (tamén Ayuso está ofertando a distancia a oferta das EOIs) pase a ser exclusivamente online”.

Por iso, Bermello alertou de que “se non hai un cambio de rumbo inmediato no que se rectifiquen todas estas decisións o próximo curso avecíñase conflitivo porque a comunidade educativa e o profesorado non pode aguantar nin agardar máis”.

A isto engadiu que “toda a propaganda da FP e o uso dos fondos Next Generation que veñen para esta etapa educativa está sendo un exemplo da nefasta xestión da política educativa do PP que se está aforrando arredor de 6 millóns de euros en salarios docentes, pagados con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia, a custo de suprimir prazas presenciais e financiar a súa transformación a distancia, así como privatizar cada vez máis estas ensinanzas coa dual, na que as empresas teñen todo o poder de decisión, e outorgándolle ciclos formativos a centros privados que lle negan aos públicos”.