Centos de persoas maniféstanse na Coruña na defensa do emprego e por un servizo de calidade en R
Centos de persoas mobilizáronse na tarde do martes na Coruña para esixir a Euskaltel que recúe na súa decisión de trasladar fóra de Galiza os servizos e o emprego en R Cable e para demandar a Xunta que actúe na defensa do postos de traballo e do noso tecido produtivo. A marcha saída pasadas as sete da tarde das inmediacións da tenda que R Cable ten na rúa de Compostela e ao berro de "R escoita estamos en loita", percorreu as rúas do centro da Coruña até rematar diante da sede da empresa de telecomunicacións na zona do Obelisco.
Na manifestación (convocada por CIG, CGT, CCOO e UGT) participaron traballadoras e traballadoras de R que ven perigar os seus empregos, así como usuarias/os dos servizos dunha operadora que, aínda que "tiña que ser un dos nosos principais motores tecnolóxicos e económicos, estase a converter en materia de especulación", tal e como se recalcou no manifesto conxunto lido ao remate da mobilización.
Cómpre lembrar que R Cable foi creada, entre outras, pola antiga caixa de aforros “Caixanova”, Unión Fenosa ou o Banco Pastor (empresas que hoxe teñen o seu centro de decisión fóra de Galiza), que implantou a súa rede de fibra óptica con cuantiosas axudas das administracións públicas, e que supón un activo fundamental para o noso desenvolvemento. Porén, os anuncios sobre a pretensión de Zegona (o fondo de investimentos que controla o Consello de Administración de Euskaltel) de desfacerse dun activo tan importante como a súa propia rede de fibra óptica "auguran unha aceleración do proceso depredador do capital transnacional sobre o noso país".
A Xunta de Galiza, o SERGAS, numerosos concellos, as deputacións e moitas importantes empresas da comarca da Coruña tamén son clientes de R, mais de prosperar a deslocalización destes servizos, "a vixilancia da seguridade da rede e as comunicacións, e os datos de milleiros de persoas irán fóra de Galiza, demorando a resposta ante as avarías, e empeorando a atención á clientela", advertiron.
Críticas á Xunta pola súa falta de actuación
Nesta situación, os traballadores e as traballadoras critican a actitude pasiva da Xunta, que segue a inhibirse diante deste espolio e diante este ataque ao emprego, pois nin sequera tivo a ben atender o compromiso adquirido coa representación sindical de xestionar unha mesa de negociación con todas as partes implicadas, mesmo chegando a escusarse o conselleiro de Industria en que a Xunta non pode intervir nos asuntos privados das empresas, para xustificar a súa inactividade.
Por iso, na manifestación deste martes reiterouse a esixencia á Xunta de Galiza para que actúe "na defensa do emprego e na defensa do noso tecido produtivo, tan ameazado nestes días" e que exerza "o seu deber de protexer, promocionar e defender o dereito das consumidoras e consumidores galegos a ser atendidos no noso idioma".
Ao tempo, demandaron que o Grupo Euskaltel se comprometa co emprego "e co desenvolvemento da nosa comarca de maneira que R Cable continúe sendo unha empresa tractora da nosa economía".
Tamén se estendeu este chamamento aos concellos da comarca "para que se impliquen nesta tarefa, compartan o noso obxectivo e fagan as xestións necesarias para acadalo". Nesta liña, unha das medidas que solicita ás Administracións é a revisión dos contratos ou licitacións de servizos públicos, de tal maneira que se impida que as empresas poidan externalizar actividades ou deslocalizalas.
Mobilizacións continuadas dende o mes de xuño
O persoal das contratas de R estase mobilizando de xeito continuado dende o pasado mes de xuño, cando se tiveron as primeiras noticias de que Euskaltel tiña intención de deslocalizar o servizo de operación e mantemento de rede antes do 31 de outubro. Neste tempo, e a pesar dos desmentidos de R e das empresas auxiliares "comprobamos como se ían despedindo compañeiras e compañeiros, reducindo servizos e as horas de traballo en varias contratas".
Desde a compra de R Cable por Euskaltel, a estratexia do seu Consello de Administración foi maximizar os beneficios a conta de poñer en risco o emprego da operadora e das súas empresas auxiliares en Galiza. Fronte a isto, os traballadores e as traballadoras xa advertiron que continuarán adiante coas mobilizacións e "seguiremos loitando polo noso traballo e polos nosos dereitos".